O Consello Regulador da D.O. Monterrei vén de poñer en marcha unha nova campaña publicitaria co obxectivo de reivindicar a calidade de todas as tipoloxías de viño elaboradas nesta zona vitivinícola. A iniciativa quere tamén conectar cos diferentes perfís de consumidor actual.
A idea foi desenvolvida pola axencia Manu Cidre, que apostou por unha campaña moderna, cun toque humorístico e fresco, adaptado á identidade dunha das D.O. máis novas de Galicia. A mensaxe principal, “Non lle deas máis voltas”, acompáñase do slogan “no reino dos viños, Monterrei é o rei”.
A campaña, que se lanza oficialmente o 2 de xuño, inclúe un spot principal de 45 segundos, dous anuncios de 15 segundos, pezas gráficas para prensa, publicidade exterior, pantallas dixitais e contido específico para redes sociais.
Durante o mes de maio desenvolveuse unha campaña de transición en prensa que introducía o novo concepto sen revelar todos os detalles, preparando así o terreo para o lanzamento actual.
Os anuncios céntranse nunha situación cómica e esaxerada: cando un sumiller serve o viño e quen debe probalo non ten coñecementos, producíndose un incómodo silencio e intercambio de miradas mentres a copa xira sen parar. A mensaxe resolve a escena con naturalidade: se é de Monterrei, non hai dúbidas.
Nos vindeiros meses, a campaña despregarase tanto en medios dixitais como tradicionais. Haberá publicidade en prensa, vallas, minipuntos por Galicia e espazos nos centros comerciais con maior afluencia. Ademais, contará con colaboracións de influencers e creadores de contido para ampliar o alcance e achegar a campaña a novas audiencias a través das súas canles persoais.

Campaña “Non lle deas máis voltas” da D.O. Monterrei.