
Sofie Piepers, licenciada en Veterinaria, forma parte do equipo M da Universidade de Gante. A súa tese doutoral centrouse na mastite en xovencas e foi dirixida dende o Departamento de Reprodución, Obstetricia e Saúde do Rabaño. Actualmente é directora xeral de MEX™, unha empresa derivada da Universidade de Gante especializada en de cursos de formación e ferramentas para facilitar o manexo da mastite a veterinarios e outros asesores leiteiros. Tamén é co-editora xefe da revista M².
Na súa intervención durante o congreso da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE) celebrado en Valladolid, lembrou que a mastite é unha das enfermidades máis constantes e custosas na produción leiteira a nivel mundial.
A mensaxe que quixo trasladar aos participantes no congreso foi moi clara: antes de buscar solucións milagrosas, temos que estar seguros de aplicar de xeito rigoroso econsistente los fundamentos tradicionais do control da mastite. Aínda que tamén fixo un repaso polas novidades que están a aparecer nos últimos tempos.
A mastite evoluciona en función de tres factores: nivel de infección, patóxeno causante e inmunidade do animal
“Malia todas as investigacións e programas de control, continúa sendo o principal factor determinante do uso de antibióticos nas explotacións leiteiras. E ten unha incidencia clara como clave no benestar animal, a calidade do leite e a rendibilidade das granxas.”, sinalou Piepers.
Pero a especialista dubida do que se propón hoxe en canto a control de mastite sexa realmente novidoso. Máis ben aposta por aplicar correctamente o coñecemento que xa existe. Así, Piepers comenzou a súa presentación revisando conceptos básicos.
A mastite é unha reacción inflamatoria do ubre, xeralmente causada por una infección intramamaria trala penetración de bacterias a través do canal do pezón. O resultado da infección está determinado pola interacción de tres factores clave: o tipo de patóxeno, a presión de infección e a inmunidade da vaca ou dos cuartos mamarios.
O equilibrio entre eses tres factores determinará se a vaca vai desenvolver mastite subclínica, que se soe detectar mediante recontos elevados de células somáticas, situando o umbral práctico en 200.000 células/ml. Ou mastites clínicas leves, moderadas ou graves.

Os recontos de células somáticas despois dos muxidos son indicadores óptimos da presenza ou ausencia de mastites
“Comprender a resposta inmunitaria é fundamental. A resposta celular temperá logo da aparición das bacterias determina a gravidade do cadro, especialmente na mastite por coliformes. É necersario xestionar axeitadamente factores como evitar o balance enerxético negativo, a acidose ruminal, a febre do leite (hipocalcemia) ou as deficiencias vitamínicas e minerais.” Esas medidas, dixo, son esenciais para manter unha competencia inmunitaria adecuada.
A infección que leva á mastite é o principal motivo de emprego de antibióticos nas granxas leiteiras
Por canto as estratexias de vacinación, Piepers indicou que poden contribuír na prevención, pero non teñen a capacidade de correxir deficiencias na xestión básica. A experta dixo que o control da mastite segue baseándose en dous principios ben establecidos:
1- Actuación adecuada fronte a infeccións existentes
2- Prevención de novas infeccións.
Dentro desas nocións elementais, a especialista citou os 7 elementos clave para previr, contorlar e combater a mastite:
1- Desinfección de pezóns despois de muxir
2- Tratamento da mastite clínica baseado nunha diagnose bacteriolóxica
3- Terapia de secado selectiva combinada co uso xeralizado de seladores internos do pezón
4- Eliminación de vacas infectadas cronicamente
5- Mantemento adecuado das máquinas coas que se muxe
6- Preparación óptima do pezón antes de colocar o equipo de muxidura
7- Apoio nutricional e inmunolóxico para mellorar a resistencia a infeccións.
Na tradición veterinaria dos Estados Unidos, aplícase un programa de control da mastite consistente en 10 puntos, se ben só complementan os 7 estandarizados:
– Mantemento do equipo: probas periódicas dos dispositivos de muxido
– Procedementos de muxido: Implementar rutinas hixiénica estritas
– Desinfección de pezóns: Aplicar selador inmediatamente tralo muxido.
– Tratamento oportuno: Tratar os casos clínicos adecuadamente durante a lactancia
– Manexo de vacas secas: Aplicar terapia de secado en todos os cuartos e utilizar seladores.
– Descarte: Eliminar vacas con infeccións crónicas ou incurables
– Instalacións: Manter corrais e camas limpos, secos e cómodos
– Rexistros: Levar control escrito de cada caso (data, vaca, cuarto, tratamento)
– Monitoreo: Avaliar periodicamente os niveis de mastite da granxa (cultivos, reconto de células somáticas)
– Revisión anual: Analizar e actualizar o programa de control xunto cos veterinarios.
Piepers quixo prestar atención especial á xestión do muxido. “Unha preparación óptima do pezón implica unha rutina estruturada que inclúa o tempo de contacto suficiente co desinfectante pre-muxido, o despunte dos primeiros chorros de leite (forestripping), o uso de toallas individuais desbotables, e un intervalo adecuado entre estimulación e colocación do equipo de muxido (prep-lag) de 60 a 120 segundos, para optimizar a liberación de oxitocina.”
É habitual que en granxas de leite que non aplican controis haxa ata un 20% de tetos afectados por mastite
Malia estar claros os principios, a veterinaria constatou que, na práctica, segue habendo desviacións frecuentes nesas rutinas. E lembrou que a contaminación residual da pel do pezón antes de colocar o conxunto de muxido incrementa considerablemente o risco de novas infeccións intramamarias por patóxenos oportunistas, como Streptococcus uberis, Klebsiella spp. ou Escherichia coli.

A revisión das camas e a elección do material das mesmas son outras ferramentas para facer fronte á mastite
Tamén advertiu sobre os deslizamentos das pezoneras, o sobremuxido ou unha pulsación inadecuada, que poden provocar lesións no extremo do pezón, aneis de compresión, pezóns hinchados ou cianóticos, e un aumento de risco de transmisión bacteriana entre cuartos mamarios.
Piepers presentou estudos que indican que hai cabanas gandeiras con máis do 20 % dos cuartos mamarios con lesións significativas no extremo do pezón. Estes achádegos sinalan que moitos problemas relacionados coa mastite non se deben á falta de tecnoloxía, senón a unha implementación insuficiente de principios xa coñecidos.
Respecto a innovacións recentes, a veterinaria citou enfoques terapéuticos e preventivos sin antibióticos. E a Tecnoloxía de Pulsos Acústicos (Acoustic Pulse Technology, ATP) que pretende mellorar as tasas de curación e a produción de leite ao estimular os procesos de autorreparación dos tecidos e a vitalidade celular.
“Os tratamentos intramamarios baseados na nisina actúan contra patóxenos Gram positivos inhibindo a síntese de peptidoglicano e formando poros na membrana bacteriana. E a terapia láser tamén se propuxo para tratar a mastite clínica co fin de reducir a febre e a dor. Se ben evidencia científica sólida é limitada.”
Os avances en medicina veterinaria fronte a mastite son prometedores pero aínda non hai suficiente evidencia científica
Piepers mencionou que se estudaron péptidos derivados do hidrolizado de caseína para acelerar a involución da ubre durante o período seco. E inmunomoduladores como suplementos alimentarios deseñados para mellorar a función dos neutrófilos -favorecendo a expresión de selectina e a fagocitose- ou o uso de ácidos grasos de cadea media para aumentar a viabilidade dos neutrófilos durante o periparto, son estratexias de apoio prometedoras.

Convén evitar que as vacas afectadas pola infección pasen polos espazos de muxido
Con todo, o papel desas medidas, dixo a veterinaria, debe considerarse complementario e non substitutivo, das medidas fundamentais de prevención. “A mensaxe é clara: antes de buscar solucións milagrosas, débese garantir a aplicación óptima dos principios básicos para o control da mastite.”
Hai que afrontar o control da mastite cun enfoque crítico e científico
A terapia de secado selectiva, o tratamento selectivo da mastite clínica e a substitución progresiva de antibióticos por alternativas non antibióticas, considera Piepers, van marcar o futuro. “Pero os maiores avances soen lograrse non mediante tecnoloxías revolucionarias, senón coa aplicación constante e rigorosa de estratexias xa demostradas”.
A veterinaria concluíu que o control da mastite non consiste principalmente en descubrir algo radicalmente novo, senón en aplicar con rigor o coñecemento existente, adaptalo ás restricións actuais no uso de antibióticos e integrar as innovacións emerxentes cun enfoque crítico e científico. “Na xestión da mastite, a verdadeira innovación pode consistir simplemente en facer excepcionalmente ben o básico.”
A inmediatez no diagnóstico de mastite, clave para unha estratexia terapéutica eficiente
Galego









Control OJD