As denominacións de orixe Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra recibiron este mes a visita da catadora Beth Willard, experta internacional en viños, en calidade de representante do “Master of Wine” Tim Atkin para preparar, por segundo ano consecutivo, un informe detallado con puntuacións sobre os viños de Galicia no marco dos “Special Reports”, publicacións periódicas que emiten sobre as distintas denominacións de orixe.
Beth Willard, ademais de colaborar con Tim Atkin MW, leva ligada a España desde hai máis de 15 anos, primeiro como compradora especializada e actualmente como xornalista e crítica de viños. Ademais, é copresidenta do concurso de viños de Reino Unido “Decanter World Wine Awards”, escritora na revista “Decanter”, e regularmente realiza presentacións e catas de viños españois.
Con ela falamos sobre a súa visión do sector do viño neste momento e das claves para mellorar a competitividade do sector vitivinícola galego.
-Estás a realizar un informe para unha publicación específica sobre os viños de Galicia para o Master of Wine Tim Atkin. Como foi o teu traballo en Galicia nestas semanas e cando está previsto que se publique este informe?
Si, así é. Estou a facer o segundo informe para Tim Atkin sobre as 4 Denominacións de Orixe do interior de Galicia, posto que Tim xa escribe un informe sobre Rías Baixas. Visitei todas as adegas que puiden e tamén fixen algunhas catas nas oficinas dos Consellos Reguladores. Estiven en Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei. A idea é terminar o informe en breve para publicalo na web de Tim en xaneiro. Catei máis de 500 viños.
-En xeral, que impresións levas dos viños catados ata o de agora da anada 2024?
Catei moitos viños de 2024, ademais de anadas anteriores e un par de viños de 2025. En xeral, a calidade é moi alta e os viños ofrecen unha froita xenerosa e unha tipicidade varietal e rexional moi atractiva. É unha anada que debería gustar a un público amplo.
“Nos viños que probei da anada 2025 non detectei notas de fume polos incendios”
-Tamén probaches algúns dos viños que se están elaborando coa colleita de 2025. Que destacarías dos que cataches?
Antes da viaxe preocupábame se os viños de 2025 terían algún defecto ou nota de fume como consecuencia dos incendios, en particular en Valdeorras e tamén en Ribeira Sacra. Non detectei smoke taint, e probei moitísimos viños do depósito, pero si atopei que os viños son un pouco menos opulentos que en anadas anteriores. Dito isto, creo que os enólogos traballaron moi duro para elaborar os mellores viños posibles nas circunstancias, así que animo ao público a compralos para apoiar as adegas.
-Que destacarías da evolución dos viños galegos nos últimos anos?
Nos últimos anos, a calidade dos viños de entrada de gama en Galicia foi alta: viños correctos e frescos, con algo de carácter da rexión. Pero cada vez que volvo a Galicia, encontro máis e máis viños cunha auténtica personalidade que reflicte o lugar. Os enólogos estanse centrado en elaborar viños que expresen unha paraxe ou unha parcela concreta. Isto é realmente emocionante porque empezamos a ver un carácter que é realmente galego.
“Os viños de Galicia cada vez expresan mellor as parcelas ou paraxes onde se cultiva a uva”
-Cales consideras que son as súas principais fortalezas para competir nun mercado no que tamén abundan brancos doutras partes de España, como Rueda, ou doutros países como Australia ou Nova Zelandia, con prezos moito máis competitivos?
A calidade dos viños e os seus perfís diferentes, por suposto. Pero máis que iso, as historias detrás dos viños. Galicia non deixa nunca de sorprenderme. Desde as pendentes imposibles de Ribeira Sacra, ata os solos especiais de Valdeorras, pasando pola historia rica do Ribeiro, sen esquecer Monterrei no cruzamento entre Galicia, Castela e León e Portugal… realmente non existe outra rexión igual no mundo. A súa diferenza é a súa fortaleza.
“Non existe outra rexión no mundo con tanta variedade de viños como Galicia”
-E que aspectos consideras que teñen marxe de mellora?
Creo que a clave é seguir centrados nas variedades autóctonas da rexión e en mellorar a viticultura. É importante elaborar viños que reflictan a súa orixe. Sería interesante ver máis experimentación con “fudres” e formigón na elaboración dos viños. Estes tipos de recipientes funcionan ben nalgunhas subzonas, a miúdo mellor que as barricas.
-No caso dos tintos galegos que cataches, que aspectos che sorprenderon máis?
Catei moitísimos! Creo que se está facendo moito progreso en Ribeira Sacra, por exemplo, onde os viños parecen máis limpos e frescos que antes. E entre os produtores que visitei, hai un esforzo por elaborar viños que expresen as especificidades da zona, non só viños monovarietais, que reflicten todas as variedades locais para producir un viño cunha auténtica alma galega.
-Que tendencias de consumo de viño detectas como profesional do sector?
Todos oímos falar da caída nas vendas de viños tintos e do crecemiento dos brancos, algo que sen dúbida axudará a algúns produtores en Galicia. Pero realmente o que máis vexo, e é máis anecdótico que baseado en estatísticas, é que a xente segue gozando dunha boa copa de viño, que ten o prezo correcto e conta unha historia. As persoas conectan con outras persoas, e o viño reflicte a quen o elabora. A autenticidade é clave neste mercado tan complicado.
O viño é algo vivo, cultural, histórico e social que temos que defender
-Preocupa no sector que as novas xeracións se incorporen en menor medida ao consumo de viño? Que medidas consideras que poderían axudar?
Non podo negar as estatísticas, pero tamén son optimista. Cando era máis nova, os meus amigos non bebían tanto viño porque era máis caro que a cervexa. Hoxe pasa o mesmo. As xeracións e as tendencias cambian. Pero o que creo é que debemos defender o viño polos beneficios que achega á saúde como parte da dieta mediterránea tradicional. A xente vai aos bares para tomar unha copa de viño e a falar cos seus veciños. Nun mundo tan conectado dixitalmente pero cada vez máis illado da vida real isto é fundamental. O viño é algo vivo, cultural, histórico e social que temos que defender.
Galego





Control OJD