“No uso da motoserra hai que mellorar no emprego de equipos de protección e mantemento da máquina”

Entrevista a Alberto Conde Bóveda, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), e coordinador dos cursos de prevención de riscos laborais no uso da motoserra

“No uso da motoserra hai que mellorar no emprego de equipos de protección e mantemento da máquina”

Alberto Conde Bóveda, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), durante un dos cursos que imparte

Alberto Conde Bóveda, técnico del Instituto de Seguridad y Salud Laboral de Galicia (ISSGA)

Alberto Conde Bóveda, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

O uso da motoserra é unha das principais causas de sinistralidade no rural galego. Así, soamente o ano pasado rexistráronse 204 accidentes laborais en Galicia, aínda que o número real é moito maior se se teñen en conta os sinistros fóra da xornada laboral.

Para coñecer cales son as claves para un manexo seguro desta máquina falamos con Alberto Conde Bóveda, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), e coordinador dos cursos de prevención de riscos laborais no uso da motoserra que imparte este organismo dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

-É o uso da motoserra un dos principais factores de sinistralidade no agro galego?
Si que o é, principalmente nas actividades da silvicultura e explotación forestal no que é unha máquina imprescindible nos apeos e derrames, (tamén ten importancia nas actividades de xardinería que inclúan a poda das árbores). É unha máquina con elementos afiados que traballa a gran velocidade e ten gran poder de corte.

Os datos rexistrados de accidentes laborais en xornada (en todos os sectores) nos que se declara que estivo presente a motoserra son os seguintes:

sinistralidade motoserra galicia

-Elixir un tipo de máquina (potencia, lonxitude de espada, peso..etc) axeitada aos traballos que imos realizar, a nosa condición física…etc inflúe tamén na seguridade? Que aconsellaría neste sentido?
Se ben á hora de elixir unha motoserra teremos en conta como criterio principal o traballo a realizar con esa máquina, tamén debemos de considerar a condición física como un aspecto relevante no momento de facer a elección, debido a que unha motoserra de maior potencia e lonxitude de espada leva aparellado un maior peso.

Polo tanto, a condición física do operario determinará a posibilidade dos traballos a realizar en función da motoserra coa que pode traballar. Aquelas persoas que non conten con unha boa forma física deberán de optar por motoserras de menor potencia e menor lonxitude de espada.

-Reducir o risco de accidentes coa motoserra comeza cun bo mantemento. Cales son os aspectos clave a ter en conta neste sentido?
Hai que ter sempre en conta as indicacións especificadas polo fabricante no manual de instrucións.

Os aspectos clave á hora de realizar un axeitado mantemento da motoserra son:

-Revisión e mantemento de elementos de seguridade (freo de cadea, captor de cadea, silentblocks, etc). Isto reducirá o risco de accidente.

-Afiado da cadea, xa que facilitará o corte, mellorará a súa precisión, diminuirá o consumo de combustible, limitará a posibilidade de rebote, alongará a vida útil dos compoñentes (piñón de arrastre, cadea e espada) e reducirá o esforzo do operario ao tempo que mellora a súa seguridade.

-Limpeza do sistema de engraxe da cadea, xa que un bo engraxe alonga a vida útil da espada e da cadea ademais de diminuír o risco de rotura desta última.

-Limpeza do filtro de aire. Axudará a reducir o consumo de combustible, evitará problemas no acendido, permitirá traballar con unha potencia óptima e previrá fallos no carburador, incrementando a súa vida útil.

-Mantemento da espada e da cadea. Revisión do seu estado buscando posibles fisuras ou pequenas roturas que podan provocar un accidente.

-O acendido da motoserra é un punto de partida no que tamén debemos ter precaución. Cal sería a técnica máis aconsellable?
A técnica de acendido máis recomendable, para manter en todo momento o control total da motoserra, é aquela na que acendemos a motoserra apoiada no chan. Para iso asentaremos a máquina sobre o terreo e, mentres agarramos o mango dianteiro de xeito firme coa man esquerda e empurramos cara abaixo, introduciremos a punta do pé dereito no mango traseiro. Coa man dereita tiraremos do mango de arranque.

Por suposto, arrincaremos a motoserra a máis de 3 metros do lugar de recarga, sobre unha superficie chá e nunha posición firme e segura evitando facelo en sitios pechados, agás que sexa eléctrica.

FOTOS ISSGA MOTOSERRA ENTREVISTA 1

-E para desprazarnos con esta máquina. Cales serían as recomendacións para non levar un susto?
Á hora de desprazarnos coa máquina debemos de diferenciar sempre entre desprazamentos curtos no entorno da árbore na que estamos a traballar ou desprazamentos máis longos para cambiar de zona de traballo.

No caso de desprazamentos curtos (cambiar de polas durante o derramado ou avanzar no torado da árbore), activaremos sempre o freo de cadea e procuraremos pisar con seguridade e mirando a zona sobre a que nos moveremos.

Nos desprazamentos máis longos, apagaremos a motoserra, colocaremos o protector da espada e camiñaremos suxeitando a motoserra polo mango superior, mantendo o escape separado do corpo e a espada cara atrás.

-Como debemos realizar o corte dunha árbore?
En primeiro lugar observaremos o entorno da árbore para ver se hai obstáculos que debamos de ter en conta (liñas eléctricas, construcións, estradas, etc) e sinalizaremos a zona, para evitar o tránsito de persoas ou vehículos.

A continuación comprobaremos a dirección de caída natural da árbore, para o que valoraremos a inclinación do tronco e a disposición das ramas da copa. Procederemos a despexar de vexetación e/ou obstáculos o entorno do tronco, así como a nosa ruta de escape (45º, na dirección oposta á de caída, en ambas direccións).

Por último procederemos a realizar o corte polo pé de xeito seguro. Comezaremos polo corte direccional, para o que efectuaremos un primeiro corte a 45º, na zona da dirección de caída, de arriba cara abaixo e, a continuación, un corte horizontal que penetre aproximadamente 1/4 ou 1/5 do diámetro da árbore ata atoparse co anterior.

Remataremos cun terceiro corte horizontal, que efectuaremos na parte oposta da árbore, e uns 3 cm por encima do segundo corte de dirección. Entre ambos cortes deixaremos unha zona sen cortar (bisagra) que servirá para que a árbore caia de xeito controlado. No momento que comece a caída da árbore pararemos a motoserra e separarémonos do toco polas vías de escape.

-E no caso de que a árbore quede enganchada noutra, como deberíamos proceder?
Cando a árbore que estamos apeando queda enganchada noutra, seguiremos unha serie de recomendacións:

-Sinalizaremos a zona de influencia de caída da árbore enganchada e avisaremos a todo o persoal da localización da árbore

-Non apearemos outras árbores sobre a enganchada nin apearemos a árbore sobre a que hai outra enganchada.

-Non subiremos pola árbore enganchada para facela caer

-Non traballaremos na zona de influencia de caída da árbore enganchada, nin tan sequera transitaremos por ela. E asegurarémonos de que ningunha outra persoa o fai

-Analizaremos a existencia de ramas inseguras na zona de traballo e avaliaremos as posibles traxectorias de caída da árbore de cara a elixir o método de apeo máis seguro.

-Se consideramos que podemos voltear a árbore con seguridade, cortaremos o centro da bisagra, deixando un pequeno anaco desta no extremo sobre o que queremos que xire a árbore, para a continuación empurrar a árbore, cara ao lado contrario do que nos atopamos, coa axuda dunha panca de derrube.

-Cando sexa necesario empregar medios mecánicos (cabrestante manual ou cabrestante da maquinaria) amarraremos o tronco da árbore enganchada o máis abaixo posible e tirarase ata que caia ao chan.

-Durante esta operación non se situará ninguén na zona de caída da árbore nin na zona de varrido do cable no caso de rotura.

-En caso de que nos quede atascada a motoserra cortando unha árbore, cales serían as súas recomendacións?
Neste caso podemos optar por empurrar a árbore a certa altura cunha panca. Outra opción será empregar unha panca de derrube que introduciremos no corte no que temos a motoserra atascada, tratando de levantar un pouco o tronco para liberala.

No caso de que as opcións anteriores non funcionen procederemos, con outra motoserra, a realizar un novo corte en dirección oposta ao anterior

-O rebote da motoserra é unha das principais causas de accidentes. Como proceder para evitalos?
Para evitar o risco de rebote da motoserra procuraremos non cortar co cuarto superior da punta da espada (sempre que sexa posible cortaremos coa parte inferior da espada).

Ademais empregaremos cadeas de seguridade ben afiadas e traballaremos coa motoserra en aceleración plena.

Tamén poremos moita atención e coidado cando teñamos que introducir a espada nun corte xa iniciado e procuraremos que non existan ramas ou obxectos que poidan tocar a punta da espada mentres traballamos.

Por suposto traballaremos sempre cos equipos de protección individual axeitados e verificaremos que o freo de cadea da motoserra funciona perfectamente.

FOTOS ISSGA MOTOSERRA ENTREVISTA 4

-Como valora a seguridade das motoserras eléctricas que se están empezando a introducir no mercado? Son máis seguras que as de gasolina?
En xeral as motoserras eléctricas que existen no mercado son máis pequenas e menos potentes que as de gasolina. Esta menor potencia tradúcese nunha menor velocidade de xiro da cadea o que, xunto co seu menor peso, favorece o control por parte do usuario e reduce o risco de accidente. Ademais, soportar un menor peso durante o manexo da máquina supón menores problemas musculoesqueléticos para o operario.

“As motoserras eléctricas son máis seguras que as de gasolina”

Por outro lado, as motoserras eléctricas non emiten gases, son menos ruidosas e producen menos vibracións que as de gasolina, o que redunda en beneficio do motoserrista que estará exposto a menos gases e ruídos e soportará menos vibracións que se traballase con unha de gasolina.

En base ao anterior podemos afirmar que as motoserras eléctricas son máis seguras que as de gasolina, aínda que na actualidade non permiten realizar traballos profesionais do mesmo xeito que as motoserras de gasolina (maior potencia e maior autonomía).

-Como valora a acollida dos cursos de prevención no uso da motoserra que imparte?
A acollida dos cursos de motoserra segue a ser moi boa. De feito, unha vez rematadas as accións formativas, a práctica totalidade do alumnado participante valóraas moi positivamente (xa que se trata de cursos eminentemente prácticos) e mesmo, á gran maioría, gustaríalle que contaran con maior carga horaria.

-Cales son as principais carencias que detecta no uso da motoserra en Galicia?
En xeral, as principais carencias no uso destas ferramentas son as referidas ao uso dos equipos de protección individual (EPI) e ao mantemento da motoserra. No primeiro dos casos temos que lembrar a importancia tanto de usar todos os EPI necesarios como de que estean nun bo estado e no segundo, destacar a importancia de saber realizar o mantemento básico da motoserra mais aló de afiar a cadea e limpar o filtro de aire.

-Podería avanzarnos as próximas accións formativas neste ámbito que vai impartir o ISSGA?
Neste momento no ISSGA estamos a traballar na elaboración do Plan de actuación para 2023 no que a formación é un dos eixes máis importantes e, polo tanto, trataremos de reforzar para o vindeiro ano programando actividades formativas que se adecúen tanto á perspectiva técnica como ás demandas e as necesidades que se observan no tecido empresarial galego no eido da seguridade e saúde nos centros de traballo.

Potenciaremos a formación especifica eminentemente práctica en PRL naquelas actividades ou sectores con especial incidencia na sinistralidade,e/ou na escasa estrutura preventiva, multiplicidade de riscos, tanto tradicionais como emerxentes, ou ben por colectivos que precisen dunha especial tutela por parte do ISSGA para acadar melloras das súas condicións de traballo e integración das técnicas preventivas.

En todo caso, esta formación diríxese principalmente a pemes, micropemes e persoal por conta propia. Especial relevancia adquirirán sectores con peso en Galicia como son actividades no sector forestal e na silvicultura, pesca e actividades afíns. Así mesmo priorizaranse sectores altamente feminizados e sectores considerados pola normativa de PRL como de alto risco.

Esta información contou coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información