Cristina López é concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza do Concello de Lugo polo Bloque Nacionalista Galego (BNG). O seu departamento é tamén o responsable da Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros, dous espazos que están a potenciar como referencia en comercio local e de proximidade. Falamos con ela sobre os seus proxectos para estes dous espazos emblemáticos dos produtos lucenses.
Como está a impactar a pandemia da Covid 19 no comercio local lucense, e en concreto na Praza de Abastos e no Mercado Municipal?
No inicio do estado de alarma, co cese das actividades que non foron declaradas como esenciais, houbo moita xente que entendeu que o mercado e na praza de abastos estaban pechados. En canto detectamos esta idea errónea atallámola canto antes, para que o comercio local de proximidade siga funcionando.
Que medidas adoptastes dende a Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo para apoiar ao comercio local?
No momento no que se detectou esta situación iniciamos unha forte campaña informativa, ca posta en marcha do servizo de entrega a domicilio, acción moi ben acollida polas persoas usuarias do mercado dende o primeiro momento, cunha clara repercusión no incremento de clientes e por conseguinte de ventas.
Acendemos as luces de Nadal o 13 de Novembro, no mercado e na praza, cunha decoración na que se estivo traballando durante meses para que fose un atractivo máis para visitar estes espazos, feito que tamén axudou a incrementar as visitas que se achegaban e se achegan a facer fotos e a coñecer a vida destes singulares espazos e as oportunidades que nos ofrecen de mercar produtos de excelente calidade.
Como está sendo a acollida da campaña “O noso mercado é un agasallo”?
A acollida desta campaña é moi boa dende o primeiro día, foi algo moi novidoso, nunca antes se fixera unha acción destas características e que nos agasallen con algo sempre nos gusta.
Neste mandato municipal abristes o proceso para adxudicar os postos que estaban vacantes, tanto na Praza coma no Mercado para dar estabilidade e seguridade aos comerciantes deste entorno. Como está este proceso?
O proceso está a punto de rematar, soamente nos quedan 2 postos por adxudicar que se resolverá a adxudicación na vindeira Xunta de Goberno Local, e seguimos traballando para sacar algúns postos máis que hai vacantes neste vindeiro ano.
Que actuacións tedes previsto acometer de cara a este ano na Praza de Abastos?
Proxectos temos moitos, por exemplo o arranxo do soto da praza, que nos vai ofrecer a posibilidade de facer un montón de actividades para nenos e nenas e tamén para persoas maiores, sempre e cando a Covid nolo permita. Debido á situación sanitaria actual estase traballando un pouco sobre a marcha, a potenciación e proxección comercial vai continuar con máis accións que iremos anunciando a medida que se vaian materializando.
Cando prevedes que estea rematada a humanización e peonalización da Rúa Quiroga Ballesteros e o entorno da Praza e o Mercado e que agardades que supoña para esta zona?
Sería aventurado dar unha data, nas obras nunca se sabe o que pode xurdir, pero si podemos dicir que van moi adiantadas segundo o calendario inicial previsto, se non hai novidades veremos esta zona rematada en moi pouco tempo e agardamos que este novo escenario redunde en beneficio do comercio local da zona.
Lugo foi tamén unha das cidades galegas pioneiras en apoiar os mercados labregos de proximidade, coma os que teñen lugar os martes e os venres na Praza e o Mercado. Como están a resistir as limitacións motivadas pola pandemia e que propostas tedes para estes mercados, que noutras cidades europeas viviron un rexurdir nos últimos anos?
O inicio do estado de alarma e as limitacións de mobilidade que estivemos e estamos vivindo, loxicamente están afectando, porque hai menos vendedoras e vendedores que se acheguen a vender os seus excedentes de produción. A incidencia do virus marca tamén a afluencia das persoas que se achegan a comprar. Dende a nosa área dispoñemos de tódalas medidas de seguridade que revisamos constantemente e adaptamos en cada momento ós protocolos sanitarios para que o noso mercado tradicional sexa seguro, e coidamos dun xeito moi escrupuloso para que así sexa.
As novas instalacións que vamos poder ofrecer cando rematen as obras do soto da praza de abastos, van ser outro atractivo para poder vir e coñecer as labregas e labregos que nos visitan os martes e os venres cos seus produtos que con tanto cariño cultivan.
Ademais do entorno urbano que supón a cidade, o Concello de Lugo ten unha extensa zona rural, formada por 54 parroquias, onde se segue a manter unha importante actividade agrogandeira. Que papel pensades que debe ter o rural nunha cidade como a de Lugo e no conxunto de Galicia?
Os produtores e produtoras agrícolas e gandeiras son as verdadeiras protagonistas que mantiveron os mercados abastecidos para que non nos faltaran alimentos nas mesas, nas tendas, supermercados, … é un sector primordial no noso país, máis do 10% dos empregos sitúanse nesta actividade laboral, que significan máis do dobre que no resto do Estado. Esta circunstancia con políticas acaídas podería significar fixación de poboación no rural e favorecer a súa continuidade. Mencionar tamén que aumenta unha maior especialización nas explotacións e que os nosos produtos son cada vez máis recoñecidos pola súa calidade.
Cales son as prioridades do voso departamento para este 2021 e cales son as principais actuacións que tedes previsto levar a cabo?
Queremos seguir traballando en fixar inicialmente as actuacións que mellores resultados nos deron e seguir explorando novas iniciativas para potenciar os nosos mercados, con todo aquel valor engadido do que virán acompañadas, para un maior desenvolvemento tanto do nosa cidade como das 54 parroquias que forman Lugo.