A preocupación polo medio ambiente e o quecemento global foi calando nos últimos anos en todos os niveis da sociedade, trasladándose tamén á axenda pública e normativa, de maneira que tanto a nova PAC como as lexislacións nacionais dos distintos países poñen cada vez máis o foco na sustentabilidade.
As empresas lácteas non son alleas a esta nova demanda dos consumidores. A multinacional suíza Nestlé, con presenza en Galicia grazas á súa factoría de Pontecesures, na que elabora o seu leite condensado La Lechera, que se exporta a toda Europa, Oriente Medio, Asia e norte de África, está a levar a cabo desde fai 3 anos un programa a nivel das súas granxas provedoras para tratar de reducir a pegada de carbono da materia prima que transforma.
O 70% das emisións globais da compañía proceden das subministracións agrícolas e gandeiras e o 30% restante dos procesos industriais nas súas fábricas e o transporte
Eduardo Fernández Estrada é o veterinario que está a dirixir estas accións, nas que participan xa 70 das 200 ganderías que subministran leite ás plantas de Nestlé en Galicia, Asturias e Cantabria.
Destaca a implicación no proxecto dos gandeiros, que ven recompensados os seus esforzos cunha prima no prezo que cobran polo leite e co apoio económico que a empresa lles presta para a modernización das instalacións nas granxas.
– A modo de introdución, a cantas ganderías recolle o leite Nestlé en Galicia nestes momentos e cal é o volume de leite procesado na planta de Pontecesures? E no conxunto de España?
– En Galicia estamos a recoller leite nunhas 100 ganderías. O volume de leite que procesa Pontecesures é de aproximadamente 100 millóns de litros.
No conxunto de España falamos dunhas 200 granxas e procesamos en 2023 ao redor de 210 millóns de litros de leite fresco.
– Nestlé está a desenvolver coas súas granxas provedoras programas de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e de fomento da biodiversidade. En que consisten?
– Nestlé está a desenvolver 3 proxectos diferentes, que á súa vez converxen no mesmo obxectivo, que é reducir a nosa pegada de carbono e producir de maneira máis sostible.
O primeiro proxecto, de Fomento da Biodiversidade empezou no 2020. Contactamos con SEO-Birdlife para medir e diagnosticar o nivel de biodiversidade que había nas parcelas e instalacións dun grupo de granxas piloto repartidas nos nosos 3 distritos leiteiros: Galicia, Asturias e Cantabria. Utilizamos as aves agrícolas como indicadores da calidade do ecosistema.
Despois xeneralizamos o proxecto e cartografamos todas as parcelas das granxas que colaboran con Nestlé, identificando en todas elas as zonas de alto valor biolóxico, onde se dan estas condicións favorables a insectos, anfibios, pequenos mamíferos. Como terceiro paso, propuxemos ás explotacións medidas a implementar para manter ou mellorar a biodiversidade nelas e aumentar esa superficie de alto valor biolóxico.
En 2019 comezamos a medir a pegada de CO2 dun número representativo de explotacións e o noso obxectivo é lograr unha redución dun 20% en 2025 e un 50% para 2030
O segundo proxecto, chamado Net Zero, é o máis importante en canto a obxectivos e a recursos utilizados por Nestlé. Tamén en dificultade técnica. En 2019 comezamos a medir a pegada de CO2 dun número representativo de explotacións para coñecer o noso factor de emisións e establecer o noso punto de partida e a partir de aí construír unha folla de ruta para cumprir os compromisos de redución de emisións que marca a compañía (un 20% para 2025 e un 50% para 2030, sendo o obxectivo final ser neutrais en carbono en 2050).
En 2021 elaboramos coa axuda técnica de Fundación Global Nature un catálogo de medidas para reducir as emisións de efecto invernadoiro das explotacións. Ese mesmo ano xa empezamos a implementalas e desde entón todos os anos temos que avaliar as explotacións para coñecer a súa pegada de carbono e comprobar que imos reducindo ese factor de emisións. Estas avaliacións realízanas os técnicos de campo de Nestlé e tamén unha empresa independente para asegurar a validez dos resultados.
Por último, hai un terceiro programa de Agricultura Rexenerativa co que Nestlé tenta fomentar prácticas agrarias e de manexo da explotación que melloran a saúde do chan, protexen os cursos de auga, reducen a dependencia de insumos químicos e aproveitan a tecnoloxía para o manexo máis eficiente de animais e de cultivos.
– Cantas ganderías participan nestas iniciativas? Está prevista a súa xeneralización no conxunto das ganderías provedoras?
– Entre os 3 proxectos, actualmente están a participar 90 ganderías. Hai unhas 70 delas que participan simultaneamente nos 2 proxectos máis importantes, o de redución de emisións e o de agricultura rexenerativa. Estas 70 granxas representan polo menos o 60% do volume total da nosa recollida.
Nos nosos programas de redución de emisións e agricultura rexenerativa participan 70 granxas, que representan o 60% do volume total da nosa recollida de leite
A nosa idea desde o principio foi non centrarnos demasiado tempo nas granxas piloto, senón implantar todos os proxectos no maior número de granxas posibles. En 2021, o ano que empezamos co proxecto Net Zero xa logramos realizar máis de 30 actuacións en 26 granxas.
– A posta en marcha destas boas prácticas por parte das ganderías vese recompensado con algún tipo de incentivo ou prima no prezo do leite? Cal é o seu importe?
– As ganderías reciben os incentivos económicos por parte de Nestlé por 2 vías:
Nos investimentos necesarios na granxa para reducir as emisións de efecto invernadoiro Nestlé inviste a mesma cantidade que o gandeiro. Digamos que imos a medias, pero é verdade que a maioría deses investimentos son beneficiosas para as granxas.
Nos investimentos necesarios na granxa para reducir as emisións de efecto invernadoiro Nestlé inviste a mesma cantidade que o gandeiro
Por outra banda, en setembro de 2023 Nestlé implementou un incentivo no prezo do leite que chamamos bonus de sustentabilidade. Para percibilo, a gandería ten que alcanzar unha puntuación determinada nas nosas auditorías que implica a implementación de prácticas correspondentes a 4 bloques: Redución de gases de efecto invernadoiro, Agricultura Rexenerativa, Biodiversidade e Medio Ambiente, Benestar Animal. O importe varía segundo o nivel acadado pola gandería e supón un valor significativo.
– Supoñen este tipo de prácticas un incremento dos custos de produción ou, pola contra, son unha oportunidade para mellorar a eficiencia e a rendibilidade das explotacións?
– Pola nosa experiencia a maioría dos investimentos favorecen a produtividade das granxas e por tanto a rendibilidade destas. Pero é innegable que reducir as emisións custa diñeiro. No caso do programa de Nestlé, as granxas saen beneficiadas economicamente, e é xusto que así sexa.
É innegable que reducir as emisións custa diñeiro, pero a maioría dos investimentos favorecen a produtividade das granxas e por tanto a súa rendibilidade
Ademais, independentemente do aspecto económico, gustaríame resaltar que temos a sorte de traballar con gandeiros moi profesionais, que levan colaborando con Nestlé moitos anos, e que están a participar nos programas por iniciativa propia, porque para eles tamén é importante que a súa actividade sexa o máis respectuosa posible co medio ambiente e ser parte da solución ao cambio climático.
– Cales son os principais factores que inciden na pegada de carbono dunha gandería de leite?
– Os factores máis impactantes son 3:
- As emisións entéricas, debido á dixestión ruminal, representan entre un 30-40% do total.
- A produción do alimento (tanto polo impacto do alimento comprado, especialmente a soia, como polo impacto do alimento producido polo gandeiro (prácticas de laboreo, insumos químicos…). Este impacto tamén representa entre un 30-40% do total.
- As emisións provintes do manexo e almacenamento do xurro e esterco (10-20% do total).
Como ves estas porcentaxes móvense nunha pinza que varía dependendo sobre todo da alimentación dos animais e no último caso do manexo do xurro. Hai outros factores que representan unha porcentaxe moi pequena da pegada dunha granxa, como pode ser o consumo enerxético, ou o transporte de insumos á granxa.
– E en concreto, que accións pode implementar unha granxa láctea para reducir as súas emisións?
– As granxas poden actuar de moitas maneiras: na produción de alimentos, reducindo fertilizantes e con accións de labra reducida; nas emisións entéricas, reducíndoas con aditivos alimenticios ou aumentando a dixestibilidade dos alimentos; reducindo a taxa de recría, cubrindo as fosas de xurro, producindo biogás co mesmo etc.
O importante é adaptar as medidas a cada granxa e que o gandeiro se atope cómodas con elas
Hai diferentes prácticas, unhas de maior impacto e outras de menor, pero ningunha é prescindible se queremos achegarnos ás cero emisións netas. O importante é adaptar as medidas a cada granxa e que o gandeiro se atope cómodo con elas.
Outra opción é o secuestro de CO2 nas parcelas agrarias con prácticas de agricultura rexenerativa. En Nestlé apostamos polo secuestro no chan.
– Onde poñedes vós o foco: na alimentación do gando, na xestión de estercos, nos cultivos e manexo do chan…?
– Onde máis está a apostar Nestlé é en varios aspectos especialmente:
- No benestar e, por tanto, no aumento da produtividade dos animais. Hai que lembrar que as emisións se miden en Kg de CO2equivalente/ kg de leite producido, por tanto, canto máis eficaz sexas por unidade de produción, máis se reduce a túa pegada. Isto é válido tamén para os cultivos. Estamos a colocar moitos sistemas de ventilación e humidificación dos establos para mellorar o benestar animal e evitar a caída de produción no verán debido ao estrés por calor das vacas. Aumentando a saúde e a lonxevidade tamén estamos a reducir a pegada de carbono, debido a que reducimos a recría necesaria, que son animais que están a producir metano sen producir leite.
- No almacenamento do xurro, fomentando a cobertura de fosas e a instalación de separadores de purín, que son investimentos para os que colaboramos cos gandeiros no seu financiamento.
- Na redución de metano pola fermentación entérica cun aditivo alimenticio que reduce en máis do 30% estas emisións e que se incorpora ás racións de alimentación do gando a través dos concentrados.
- Tamén instalamos placas solares en máis de 30 granxas.
- Finalmente, con moitas das prácticas do programa de Agricultura Rexenerativa tamén obtemos reducións e secuestro de CO2, como a introdución de leguminosas nos cultivos.
– No futuro, unha granxa láctea, ademais de producir leite, deberá ‘cultivar’ tamén carbono nas súas terras?
– Sen dúbida. Hai granxas que xa o están facendo sen sabelo, pois están a realizar boas prácticas para iso. Pode ser un incentivo económico no futuro para as granxas. É evidente que só reducindo non alcanzaremos os obxectivos. Como comentaba anteriormente, tamén hai que secuestrar. O quid da cuestión no secuestro é saber e poder medilo.
Reducir emisións: a nova esixencia das industrias lácteas ás ganderías