No 2021 xestionaranse preto de 200.000 hectáreas de monte coas axudas de ordenación da Xunta

No 2021 xestionaranse preto de 200.000 hectáreas de monte coas axudas de ordenación da Xunta

A Xunta concedeu uns 4,5 millóns de euros entre 677 beneficiarios para que poidan elaborar ao longo do ano 2021 instrumentos de ordenación ou xestión forestal en case 200.000 hectáreas de monte galego.

Así, dos case 700 beneficiarios un total de 58 son da provincia da Coruña, 199 de Lugo, 258 de Ourense e 162 de Pontevedra. En canto á superficie a ordenar, case a metade das hectáreas son na provincia de Ourense, con 80.605 hectáreas; outras 66.854 hectáreas son na de Lugo, 37.228 en Pontevedra e 11.554 na Coruña.

Con estas axudas, tramitadas desde a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, cúmprese o disposto na Lei de montes de Galicia, que establece que os terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal. Desta forma, potenciarase o desenvolvemento da potencialidade multifuncional dos montes nos seus valores económicos, sociais e ambientais.

Ademais, cabe sinalar que estes instrumentos de ordenación promoven os servizos ecosistémicos, tales como o secuestro de carbono, a protección dos solos, da auga, o mantemento da biodiversidade ou a preservación da calidade paisaxística. Asemade afondan na posta en valor e multifuncionalidade de todos os recursos forestais que proveen os montes; madeira, biomasa, resina, cogomelos, pasteiros ou cortiza, así como a creación das infraestruturas verdes e a execución das actuacións necesarias para a prevención contra os incendios forestais.

O fin último destas axudas é a consolidación da propiedade forestal mediante unha xestión sustentable demostrada, toda vez que ditas axudas están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de obter un selo de certificación nun período dun ano dende o seu pagamento. Cómpre lembrar que este certificado, expedido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente (PEFC ou FSC) tras unha auditoría previa, asegura que esa xestión forestal cumpre cos estándares de sustentabilidade económica, social e medioambiental que esixen as novas políticas de neutralidade climática e transición verde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información