“A nivel interno estamos nun momento óptimo no Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras”

Entrevista a José Ramón Rodríguez Castellanos, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Publicidade
“A nivel interno estamos nun momento óptimo no Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras”

José Ramón Rodríguez Castellanos, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras

Os novos vogais electos que conforman o Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras  elixiron recentemente a José Ramón Rodríguez Castellanos como novo presidente da entidade.

Falamos con el sobre os retos que se marca para o seu mandato nunha Denominación de Orixe que vive un momento doce tanto a nivel interno, de gobernanza, como en cando a vendas e prestixio.

Acabas de ser nomeado novo presidente do CRDO Valdeorras, como valoras esta elección?
É un orgullo que o pleno pensase en min para encabezar un organismo tan crucial para a comarca de Valdeorras, que ten no viño un dos seus motores principais. Son consciente da relevancia económica do sector e dos retos aos que debemos facer fronte, por iso asumo o cargo con responsabilidade. Ilusión e traballo non van faltar para poder estar á altura non só dos que me elixiron, senón tamén de todos os adegueiros, viticultores e cooperativistas aos que representamos dende o Consello Regulador.

 “José Luis García Pando fixo un gran traballo á fronte do organismo”

-Cales son os grandes obxectivos que te marcas para este mandato?
Apostamos por unha liña continuista coa do anterior mandato, en tanto en canto considero que José Luis García Pando fixo un gran traballo á fronte do organismo. Quero agradecerlle públicamente a súa dedicación e por en valor que a súa xestión vai ser un modelo e unha referencia para min.

Neste sentido, como liñas de acción ou obxectivos principais para os vindeiros catro anos marcámonos dende o Pleno intensificar as accións de promoción para chegar a novos mercados para os nosos viños. Xunto a isto, apostaremos por seguir mantendo os estándares de calidade que conferiron aos nosos viños fama en todo o territorio nacional e, mesmo, internacional. E tamén nos preocuparemos sempre de asegurar o control da orixe.

Todo isto, imos facelo sempre baixo a premisa de apoio permanente aos membros do sector vitivinícola valdeorrés, aos que representamos. Imos defender os seus dereitos perante os organismos e administracións con competencia en materia agraria en todo momento para lograr o obxectivo de que poidan vender o viño ao mellor prezo posible no mercado.

-Como valoras a situación actual da Denominación de Orixe?
A nivel interno, de gobernanza, podo dicir que estamos nun momento óptimo. No pasado, hai anos, fomos motivo de titulares por mor da división interna que había no Pleno pero no último mandato púxose fin a esta situación e, hoxe por hoxe, coido que hai unidade. É importante que todos rememos nunha mesma e única dirección polo ben do noso produto e de todos aqueles aos que representamos.

“A nivel interno, de gobernanza, podo dicir que estamos nun momento óptimo”

Máis aló da clave interna, coido que a nosa Denominación de Orixe medrou en prestixio nos últimos anos grazas en parte, ao éxito do godello, unha variedade cada vez máis de moda nos mercados. Isto fixo que moitos adegueiros, mesmo de fóra de Galicia, apostaran por Valdeorras para asentarse e producir viños dende o noso territorio amparado, o que incrementou a nosa notoriedade.

Tamén foi fundamental o labor de promoción realizado para situar a D.O. no que é hoxe, unha enseña de calidade e bo facer no terreo vitivinícola. Porén, os verdadeiros protagonistas deste éxito son aqueles que, día a día e ao longo do ano, coidan as vides, producen e elaboran viño, téstano e comercialízano. Os membros do sector vitivinícola son os que fan posible o éxito que vivimos.

-Nos últimos anos está a haber un boom do godello, con novas plantacións e entrada de grandes adegas. Que se debe facer dende o Consello Regulador e a administracións para non morrer de éxito?
Non son moi defensor da expresión morrer de éxito. Coido que o éxito, ben xestionado, nunca leva á morte. E en Valdeorras nos últimos anos fíxose un gran traballo para xestionar o crecemento do territorio amparado, tendo en conta as sensibilidades de todos: das pequenas e grandes adegas, das novas adegas que apostaron por introducirse no noso territorio e tamén das cooperativas.

Foi clave, por exemplo, conseguírmonos a acreditación ENAC para fortalecer procedementos internos do Consello Regulador que aseguran a trazabilidade e o control da orixe. Traballouse tamén na informatización e na dixitalización do traballo por parte do Consello Regulador. Temos que seguir nesta liña, na da profesionalización. Isto non quere dicir que debamos renunciar aos nosos valores diferenciais, pero é fundamental impulsar o traballo coas ferramentas tecnolóxicas máis avanzadas na medida do posible. Son claves que nos axudarán a xestionar o éxito porque teremos vimbios e alicerces para soster o noso crecemento.

Neste sentido, xoga un papel clave o respaldo institucional e, por iso, comprométome sempre a manter todas as canles de cooperación abertas coas diferentes administracións con competencias en materia agraria, de medio rural e promoción económica, entre outras.

-Ligar godello e Valdeorras é unha das claves para manter a boa evolución da DO. Como logralo?
É indubidable que o godello é o buque insignia de Valdeorras. Somos o berce desta variedade e o único territorio amparado no que se esixe por norma que a botella marque que o godello é o 100%. Temos exemplos de bo facer magnífico neste ámbito. Moi recentemente, unha das referencias de godello elaboradas na comarca conseguiu algo poucas veces visto: obter 100 puntos na Guía Parker, que ven ser algo así como a Biblia dos viños.

Neste sentido, temos que seguir apostando por esta variedade e por ligármonos á súa auxe, como territorio amparado. Pero non imos descoidar por iso nin deixar de potenciar outras variedades de uva. Tamén a mencía, en tintas, ten un peso importante no noso territorio amparado e tamén a imos promocionar. Moita xente descobre os nosos tintos e marabíllase. E, finalmente, non imos deixar de lado variedades máis minoritarias, pero que nos están a dar grandísimas satisfaccións nos últimos anos. Un exemplo disto é a garnacha tintoreira, cada vez máis demandada.

-Fuches na listaxe como adegueiro, que lles dirías aos viticultores e pequenas adegas sobre os obxectivos do teu mandato?
Si, son fillo e neto de viticultores e adegueiro na Rúa, unha labor que compaxino coa docencia. Porén, agora non me considero representante dunha única adega. Sono de todas, son o presidente de todo o sector e, nese sentido, quero lembrar que tanto as grandes como as pequenas adegas da comarca son imprescindibles para crear marca Valdeorras. Todas suman.

Por iso, imos traballar en prol de todas elas baixo o obxectivo común de que o noso territorio amparado siga sendo sinónimo de bo facer e calidade vinícola. Para iso, loxicamente, é fundamental o traballo de todos os viticultores e viticultoras da comarca, que van atopar sempre no Consello Regulador a súa casa. Os nosos técnicos e o noso persoal van estar sempre dispostos a atendelos e a axudarlles a resolver calquera cuestión na que lle poidan ser útiles, escoitar as súas demandas e tentar darlle solución, na medida das nosas posibilidades.

Pleno do Consello Regulador

Pleno do Consello Regulador

-Cales son as vosas grandes demandas á administración?
Levamos tempo insistindo en que é preciso procurar fórmulas que permitan reorientar as terras abandonadas cara a novas plantacións e terreos produtivos. Tamén é importantísimo ter sempre actualizados os datos do rexistro vitícola porque moitas veces a numeración do SIXPAC non coincidía coa do catastro e isto podía afectar, por exemplo, á concesión de axudas ou subvencións determinadas.

“No 2022 bateuse o récord de número de litros de viño cualificados dende a D.O. Valdeorras no que vai de milenio”

E, sobre todo, imos seguir demandando que se nos apoie no eido da promoción tanto ou máis do que se ten feito ata o momento. Leváronse a cabo accións magníficas neste sentido por parte da Xunta de Galicia, por exemplo. Accións que dende Valdeorras aplaudimos, como poder ser a aposta pola promoción conxunta no exterior de todos os viños galegos a través dun organismo que agrupou aos consellos reguladores (Acruaga), sen implicar iso que as marcas de cada territorio amparado se diluíran. Todas tiñamos o noso protagonismo pero fomos da man a exhibir os nosos produtos a feiras e foros internacionais de renome en París, Londres ou Amsterdam. Consideramos que ese é o camiño que se debe seguir impulsando: a promoción é fundamental e xuntos somos máis fortes porque os viños galegos, coas súas diferenzas e particularidades, son sinómino de calidade en todo o mundo.

-Como valoras a evolución das vendas dos viños da DO no 2022 e como está marcando a campaña 2023?
Hai pouco coñeciamos que en 2022 bateuse o récord de número de litros de viño cualificados dende a D.O. Valdeorras no que vai de milenio. Valoro o dato como a evidencia do bo facer que está a acometer o sector. O “boom” do godello e as novas adegas que se instalaron no noso territorio amparado, xunto ao constante traballo das máis antigas e emblemáticas, e tamén das pequenas adegas de corte prácticamente familiar, influiron neste aumento do número de viños cualificados no mercado e das vendas. Non esquezo tampouco o relevante papel das cooperativas e do amplo abano de profesionais que conforman o sector. Amais dos adegueiros, temos enólogos, viticultores, comerciais… Todos eles fixeron posible que esteamos nun momento doce.

Aínda é cedo para valorar con plenitude a campaña de 2023, pero considero que imos polo bo camiño e que os datos do ano anterior van poder repetirse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información