A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

New Holland presenta unha estratexia orientada á innovación nos servizos posventa

A marca aumentou un 10% a súa facturación no último exercicio. En España, NH ten unha cota de mercado do 30% en maquinaria de recolección e do 19% en tractores

New Holland presenta unha estratexia orientada á innovación nos servizos posventa

Riccardo Angelini, director xeral de New Holland en España (esquerda), xunto a Alessandro Maritano.

Coincidindo coa celebración de Fima (Zaragoza), a principal feira de maquinaria agrícola do sur de Europa, New Holland presentou os datos do seu último exercicio e avanzou as liñas de futuro nas que traballa. A marca, que pechou o 2017 cun aumento da facturación do 10%, márcase para os próximos anos dous obxectivos estratéxicos que van da man: fortalecer os servizos posventa e consolidar a súa aposta pola investigación e desenvolvemento (I+D), apartado ó que adicará 450 millóns de dólares no 2018.

O director xeral de New Holland España, Riccardo Angelini, considera que a aposta da marca por enriquecer os servizos posventa é o camiño para facerse cunha maior cota de mercado. Actualmente, a compañía factura un 18,8% das vendas en tractores en España, cuns números estables nos últimos anos, e arredor dun 30% en equipos de recolección, segundo os datos presentados hoxe en Zaragoza. “Preto do 25% da facturación en maquinaria agrícola en España está en mans de New Holland”, destacou Riccardo Angelini.

Colleitadora de New Holland, en Fima.

Colleitadora de New Holland, en Fima.

Angelini explicou que a marca ten dous tipos de clientes, un estándar, que se guía polo prezo, calidade do produto e concesionario, e outro, que calificou de ‘premium’, que demanda un produto e uns servizos. “Este tipo de cliente premium está medrando e desde New Holland temos que atender as súas necesidades”, destacou o director xeral da marca en España.

Servizos
Unha das claves de futuro pasa polos servizos ligados á agricultura de precisión, aínda que Angelini sinalou que “xa non é suficiente con vender pantallas e un sistema de guiado”. A marca aspira a que os seus concesionarios se impliquen na comercialización de servizos como os que oferta New Holland da man da empresa Agropixel, especializada nas análises dos cultivos a partir de datos aéreos para determinar recomendacións de rega e fertilización.

Tractores autónomos e combustibles alternativos

De cara ó medio prazo, a compañía continúa a traballar en dúas liñas de innovación principais, a dos tractores autónomos, sen conductor, e a dos combustibles alternativos. New Holland está a facer probas cun tractor que se alimenta de gas metano ou de biometano, que podería chegar a ser producido nas propias explotacións. En España, iniciou as probas no 2016 en colaboración coa adega catalana Torres.

New Holland está tamén a extender as súas probas con tractores autónomos. Iniciounas nos últimos anos cos modelos de maior potencia, coma o T7 e o T8, orientados ós cultivos forraxeiros e de cereais, e este ano vai iniciar tamén ensaios cun T4 nun viñedo de California. A compañía valora tamén facer probas cos tractores autónomos en España.

Potenciación dunha liña de apeiros baixo a marca New Holland

Segadora New Holland acoplada a un tractor, en Fima.

Segadora New Holland acoplada a un tractor, en Fima.

Outra das novidades anunciadas hoxe en Zaragoza é a potenciación en España dunha liña de apeiros baixo a marca New Holland. En España, igual que no resto de Europa, New Holland traballaba coa liña de apeiros escandinava Kongskilde, que fora adquirida pola compañía, pero NH quere agora consolidar unha liña de implementos coa súa propia marca e cores corporativas, azul e amarelo.

Para este 2018, a marca prevé facturar arredor de 2,5 millóns de euros coa súa propia liña de implementos, unha facturación que espera elevar ata 4,5 millóns de euros no 2020. Preguntado por se se lle ía pedir exclusividade ós concesionarios de New Holland na liña de apeiros, Angelini sinalou que iso non era posible actualmente, se ben non descartou esa posibilidade para un futuro, cando New Holland teña unha gama máis ampla e consolidada. “O obxectivo que temos é medrar en volume de vendas co apoio dos nosos concesionarios, pero non se vai pedir exclusividade”, concluiu Angelini, que estivo acompañado na rolda de prensa polo presidente de New Holland, Carlo Lambro, e polo responsable da marca para Europa, Oriente Medio e Norte de África, Alessandro Maritano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *