As negociacións do leite entre granxas e industrias, pendentes da distribución

Ulega, a organización de produtores impulsada por Unións Agrarias, empraza ó Ministerio de Agricultura a intermediar coas cadeas de supermercados para desbloquear a situación. Concentración de Unións ante a Delegación do Goberno na Coruña o 19 de febreiro

As negociacións do leite entre granxas e industrias, pendentes da distribución

A maioría dos contratos anuais do leite teñen que renovarse nas próximas semanas, unha situación que está a xerar os habituais desencontros entre granxas e industrias. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, pon o foco non obstante nun terceiro actor, os grupos da distribución. “O actual cuello de botella do sector lácteo está nas cadeas de supermercados. O prezo do leite no campo fórmase a partir do valor que marca a distribución, o que deixa escaso marxe para negociar coas industrias”, advirte Roberto García.

Unións cita o caso concreto dunha cadea como Carrefour, que ten o leite de marca branca en España a 56 céntimos, en tanto en Francia véndeo a 73 céntimos. “As negociacións do leite no campo só poden chegar a bo porto se se desbloquean as cousas coa distribución”, sinala García, que apela a unha intermediación do Ministerio de Agricultura por medio do comité de seguemento do Acordo Lácteo, no que participan cadeas de supemercados, industrias, cooperativas e organizacións agrarias.

En demanda da intervención do Ministerio, Unións convoca unha concentración o próximo 19 de febreiro ante a Delegación do Goberno na Coruña. Se a situación non se endereita nas vindeiras semanas, a organización agraria non descarta que haxa que “volver a poñe-los tractores ante as cadeas de distribución”.

Unións considera que hai un problema no sistema de formación de prezos do leite, pois entende que se deben formar de abaixo cara arriba, tendo en conta os custos de produción de granxas e industrias. “O Ministerio coñece a que prezos lle vende o leite a industria á distribución, pero non os está facendo públicos. Con só que fixera públicos eses datos, estou convencido de que a algún grupo da distribución quedaríalle a cara colorada e cambiaría o seu comportamento”, apunta García, que compareceu hoxe en rolda de prensa.

Novos contratos
O descontento no campo vén motivado polas primeiras propostas de contratos que están a chegar ás granxas, as de Lactalis – Puleva e Capsa (Larsa). Ambos calcan a proposta, cunha suba de medio céntimo que deixa o prezo base en 29,5 céntimos (máis calidades e volumes).

De xeito paralelo, ambas industrias están a manter negociacións coa organización de produtores (OP) Ulega, impulsada por Unións Agrarias, para chegar a un acordo coas granxas socias da OP. Dado que as negociacións son confidenciais, o secretario xeral de Unións elude pronunciarse sobre as mesmas, pero declárase pesimista “se non hai un acordo coa distribución que nos permita sentarnos na mesa de negociacións con outro escenario”, sinala.

Como exemplo da situación de prezos na distribución, García sinala que detectaron a pasada semana leite a 54 céntimos no Alcampo de Ferrol, o que os levou a activar o protocolo que ten pactada a Interprofesional Láctea coas cadeas de distribución para retirar ofertas que se consideren excesivamente baixas. “É o momento de que o Ministerio se sente con toda a cadea do leite, como está a facer co aceite de oliva e coas froitas e hortalizas, para desbloquear a situación. Se non se fai, podemos atoparnos con que o 1 de abril queda leite sen recoller no campo por falta de acordo coas industrias”, conclúe.

Ulega, a organización de produtores de Unións, iniciou nas últimas semanas as conversas con Lactalis e Capsa. Para esta semana, ten previsto iniciar as negoacións con outras industrias, como Reny Picot, Tegestacín ou Celega, ás que seguirán as restantes do sector.

Visita de Feijoo á Sat Busto Corzón, en Mazaricos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, visita a granxa SAT Busto Corzón.Granxa SAT Busto Corzón, Mazaricos, 10/02/20

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, visita a granxa SAT Busto Corzón.Granxa SAT Busto Corzón, Mazaricos, 10/02/20

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, visitou hoxe unha gandería de Mazaricos, Sat Busto Corzón, para facer un repaso polas medidas que está a impulsar o seu Goberno no sector primario. Feijoo aproveitou tamén para anunciar que lle pedirá ó Goberno central “unha ampliación do catálogo de condutas desleais para evitar a venda a perdas nos produtos agroalimentarios”.

Sobre as políticas da Xunta, Feijoo destacou os apoios que presta ós investimentos das industrias lácteas, así como as axudas de plans de mellora e incorporación ás granxas. Tamén defendeu a lexislación que está a preparar en materia de xurros e os proxectos para a recuperación de terras agrarias.

Como escenificación do compromiso que asegura que ten o seu Goberno co sector primario, a próxima reunión do Consello da Xunta desenvolverase este xoves no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información