A negociación da nova PAC entra na recta final

O Consello de ministros de Agricultura da UE debate sobre como aplicar os ecoesquemas. Espérase un acordo en outubro, ó que seguirá a publicación dos reglamentos da futura Política Agraria Común no primeiro trimestre do 2021. España posterga o seu Plan Estratéxico Nacional a outuno do 2021

A negociación da nova PAC entra na recta final

Rolda de prensa posterior ó Consello de ministros de Agricultura da UE de onte.

Os ministros de Agricultura da UE avanzan cara un consenso da futura PAC, ata o punto de que se espera un acordo definitivo en outubro. O principal punto de discusión que estaba sobre a mesa era a arquitectura verde da nova Política Agraria Común, un asunto que semella que quedou encauzado no Consello de ministros de Agricultura da UE de onte, ó que acudiron 21 ministros, entre eles o español Luis Planas.

Os aspectos básicos da arquitectura verde que cómpre concretar son a aplicación dos ecoesquemas e as normas de condicionalidade. Unha vez aclarados estes asuntos, será o momento de que cada Estado membro defina o seu Plan Estratéxico Nacional. Este é o estado da cuestión:

  • Ecoesquemas. A Presidencia Alemana advirte da necesidade de que os ecoesquemas a aplicar en cada Estado membro teñan unha competitividade equitativa. É dicir, non pode haber vantaxes competitivas para os produtores dun país por ter menos restriccións ambientais que os doutros países.Queda por definir que parte dos pagos directos van ir ligados ós ecoesquemas. A Presidencia alemana propón un mínimo do 30%, aínda que gustaríalle que os pagos ligados ós ecoesquemas chegasen ó 50%.

    Nunha fase transitoria de 2 anos, en tanto ós produtores se adaptan ós novos requisitos, a ministra alemana propón que os fondos que queden sen gastar nos ecoesquemas poidan derivarse a outras accións medioambientais do pilar 2 (Plans de Desenvolvementos Rurais). A debate está tamén a posibilidade de que durante ese periodo transitorio se poidan destinar os fondos sobrantes a outros pagos directos ós agricultores (Pilar 1).
  • Condicionalidade. Un dos requisitos a cumprir na condicionalidade reforzada da PAC será o mantemento de superficies de interese ecolóxico (non produtivas) en tódalas explotacións. O ministro de Agricultura, Luis Planas, propón que as superficies de interese ecolóxico sexan o 5% das terras agrarias, se ben no debate hai voces que piden un mínimo dun 10%, por estimar que con menores porcentaxes non se lograrían efectos positivos na biodiversidade.
  • Plans Estratéxicos Nacionais. O comisario de Agricultura da UE promete transparencia na negociación dos Plans Estratéxicos Nacionais. “Terán que ter uns requisitos uniformes, tendo tamén en conta as particularidades de cada Estado membro. Seremos transparentes e informaremos ós agricultores dos problemas que detectemos en cada proposta de Plan Estratéxico Nacional. Non se tratará de negociacións secretas, senón que toda a información será pública”, avanzou o comisario, que tamén valorou como positivo que cada Estado membro poida aprender da experiencia de outros Plans Estratéxicos Nacionais.

    Para inicios de 2021, espérase a publicación dos regulamentos da PAC, unha vez que se peche o diálogo a tres partes entre o Consello de ministros de Agricultura, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea. Esa será a base sobre a que se traballarán os plans estratéxicos nacionais.

    España tiña en principio a idea de presentar o seu plan estratéxico na primavera do 2021, pero agora posterga esa presentación a outono, coa idea de que sexa aprobado pola Comisión a inicios do 2022.

Declaración conxunta de España e Francia
Os ministros de Agricultura de Francia e España aproveitaron o Consello de ministros de Agricultura da UE para ler unha declaración conxunta sobre a futura PAC, na que avogan por preservar un marco común para a agricultura europea, evitando situacións de competencia desleal. España tamén apoiou a proposta francesa de incentivar cun pago asociado os cultivos proteicos para alimentación animal.

Preocupación pola Peste porcina africana

A detección dunha vintena de xabaríns infectados por peste porcina africana no estado federal de Brandenburgo (Alemania), próximo a Polonia, suscita preocupación en toda Europa. Os ministros están inquietos polo impacto que está tendo a peste nas explotacións porcinas, polo que hai consenso sobre a necesidade de extremar a vixilancia epidemiolóxica.

Comercio internacional

Outro punto de debate no Consello de ministros de Agricultura de onte foi o dos acordos comerciais con terceiros países. A España preócupalle o contido das ofertas de acordos comerciais intercambiados pola Comisión Europea con Nova Zelanda e Australia. Espera tamén a que a Comisión Europea publique o seu informe sobre o impacto por sectores dos acordos con Xapón, México e Mercosur.

O ministro de Agricultura, Luis Planas, considera que hai que compatibilizar o modelo alimentario que se lle esixe ós agricultores europeos, baseado na preservación do medioambiente, da saúde humana e do benestar animal, cos acordos con terceiros países.

Ao respecto do acordo con Mercosur, desde a Presidencia alemana, manifestouse preocupación pola desaparición de bosques tropicais en Brasil para crear terras agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información