Este martes 5 de novembro celebrouse no Centro Tecnolóxico do Mar (Vigo) unha xornada técnica sobre “Alimentos e bebidas de base vexetal: Perspectivas e regulación”.
A xornada, organizada en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia e Conxemar, abordou a situación actual da lexislación respecto estes alimentos e bebidas de base vexetal, cada vez máis presentes na sociedade en forma de “leites”, “hamburguesas”…etc , xerando un rico debate por parte dos diferentes especialistas participantes e do público asistente.
Seguindo co programa previsto, María del Rocío Arnoso Moure, presidenta de UCGAL, foi a encargada de facer o discurso de benvida, seguida pola intervención do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, quen resaltou a importancia de evitar a confusión entre o peixe ou carne e os alimentos de base vexetal, así como a inacción do goberno central neste respecto. Tamén sinalou a relevancia socioeconómica da pesca en Galicia e Vigo, destacando o peixe como un alimento que xera unha baixa pegada de carbono e ser un alimento especialmente saudable.
Despois destas introducións en materia foi o turno para Cristina Calvo Porral, catedrática de comercialización e investigación de mercados da Univiersidade da Coruña (UDC), que plantexou unha perspectiva académica sobre o mercado actual deste tipo de alimentos e algúns dos aspectos máis relevantes sobre o seu proceso de comercialización como a súa evolución no mercado.
O 70% dos alimentos vexetais simulan carne ou peixe. Os mal chamados queixos e iogures veganos son outro dos problemas
Falou dos factores que motivan e desmotivan ao seu consumo, así como cuestións relacionadas coa comunicación, o marketing ou a distribución. A presenza destes alimentos de base vexetal está en continuo crecemento situando a España como cuarto país da Unión Europea con maior presenza, destacando que o 70% destes alimentos son bebidas vexetais e produtos que simulan carne ou peixe, seguido de queixos e iogurtes veganos.
Antes da pausa para o café foi o turno de Miguel López Crespo, presidente da Confederación ConsumES, que centrou a súa intervención nas cuestións referentes á lexislación destes produtos. Apuntou que de momento a Unión Europea permite o uso de palabras como “hamburguesa” ou “salchicha” en produtos de base vexetal, pero prevalecen as xurisdicións dos diferentes estados. Algúns países como Francia ou Italia acaban de prohibir este tipo de terminoloxía, sendo a normativa francesa a máis restrictiva ao respecto. Sen embargo, o 70% dos consumidores europeos están a favor de que se usen estos termos asociados á carne sempre que non confundan. Ao mesmo tempo, o 54% recoñecen ter dificultades á hora de entender o que están mercando. En calquera caso a regulación europea pide que exista unha denominación legal obrigatoria para cada alimento, que a información sexa precisa, clara e fácil de comprender e que non induza ao erro do consumidor.
Para rematar, a mesa redonda contou con participantes de diferentes ámbitos da cadea alimentaria que debatiron sobre as cuestións máis relevantes da xornada. Todos coincidiron en que existe un exceso de normas que non se están a respectar e que o primeiro paso sería facer que se cumpran dotando ás institucións competentes de recursos, así como facilitar ferramentas ao consumidor para que poida mercar con maior coñecemento, e por suposto, castigar os etiquetados fraudulentos. A lexitimidade de sistemas de etiquetado como Nutri-Score foi o tema que maior división xerou entre os asistentes.
A maioría dos especialistas coincidiron na importancia de ter unha única normativa en toda a Unión Europea para facilitar o comercio comunitario, a transparencia dos axentes e procesos implicados e así evitar o fraude ao consumidor.