“Necesitamos que a moratoria do eucalipto continúe para protexer ao sector gandeiro; temos veciños que están agardando que se levante para plantar todos os prados”

Granja Virgen del Camino atópase no concello de Curtis, unha importante zona de produción leiteira, pero tamén nunha das comarcas onde nos últimos anos máis aumentaron as plantacións de eucalipto, que exerce unha importante presión sobre as explotacións impedindo o seu crecemento

Fran e Mari, na explotación familiar en Fisteus (Curtis)

Fran e Mari, na explotación familiar en Fisteus (Curtis)

Os irmáns Mari e Fran Regueira Camaniel están á fronte de Granja Virgen del Camino, unha gandería familiar situada na parroquia de Fisteus, no concello de Curtis, que está a muxir neste momento 125 vacas pero que ten un proxecto para triplicar a produción de cara ao futuro, un obxectivo de crecemento progresivo que se pode ver limitado pola dispoñibilidade de terras no entorno da explotación, tanto polo crecemento doutras granxas do municipio como sobre todo debido á presión que exercen na zona as plantacións de eucalipto.  

Aínda que a plantación de eucaliptos en terras agrarias está prohibida con carácter xeral, Fran considera que o posible levantamento da actual moratoria, que remata este ano, podería ser un incentivo para novas plantacións.

“Temos algún veciño que se xubila e deixa as vacas que nos di que está agardando a ver que pasa coa moratoria a final de ano, que se a levantan vai tentar plantar, pero que senón lle permiten plantar, que nos alugaría as fincas. Son arredor de 6 ou 7 hectáreas”, conta Fran, que pide que se manteñan as limitacións á expansión do eucalipto para protexer deste xeito ao sector agrogandeiro.

Moita xente que ten neste momento terreo para alugar está agardando a decembro a ver se pode plantar esas fincas

“Agora mesmo as plantacións están freadas pola normativa, pero como levanten a moratoria imos ter eucalipto diante das granxas e diante das casas, vai haber eucalipto por todas partes, porque cada vez somos menos os que temos vacas, estamos en clara minoría, e a xente está esperado para plantar”, asegura.

Ordenación de usos

Fran reclama unha ordenación do territorio e dos usos da terra que faga compatible a produción forestal e a agrogandeira na comunidade. “En Galicia hai moitísimo terreo que non vale para agricultura, terreo costento ou con pedras, polo que hai sitio de sobra para o eucalipto sen ter que poñelo en fincas de uso agrario. Que poñan o eucalipto en terreo malo que está a toxo, pero non en fincas que valen para millo”, defende.

“Aos que plantan eucaliptos gústalles tamén o bo terreo, porque nos prados en vez de ter que esperarlle 12 ou 14 anos, tes madeira para vender en 8 anos. Se non temos unha lei que nos protexa estamos fastidiados, porque competir co eucalipto é un problema xa hoxe, e como veña Altri peor aínda”, argumenta. 

Agora mesmo a competencia máis grande que temos a nivel de conseguir superficie é o eucalipto

“Esta era unha zona fai anos na que había moito terreo dispoñible, pero hoxe en día xa hai moita competencia tanto para mercar como para alugar”, din. “A competencia é forte porque, ao igual ca nós, outros gandeiros do municipio tamén queren aumentar, pero para iso fai falta terreo e se escasea hai que desprazarse en busca del”, explica.

No lugar no que se atopa Granja Virgen del Camino non hai outras explotacións importantes (teñen unha granxa máis pequena na Illana, a 1 km de distancia) pero “veñen os de Curtis e os de Teixeiro apretando cara aquí a medida que van medrando e lles fai falla terreo e nós quedamos no medio entre uns e outros e temos que pelexarnos con todos cada vez que queda unha parcela libre. Finca que sale, finca que hai que ir correndo a collela rápido, senón quedas sen ela”, recoñece Fran, que afirma sen embargo que “a competencia máis grande que temos a día de hoxe para aumentar en superficie é o eucalipto”.

Concentración parcelaria

VIRGEN DEL CAMINO SC (Curtis) finca de millo concentracion parcelariaA parroquia de Fisteus está rematando o proceso de concentración parcelaria, o que lles vai permitir mellorar a mecanización das fincas e a súa capacidade para a produción forraxeira, algo que Fran considera contraditorio con permitir despois, facendo a vista gorda, que se planten a eucaliptos.

O ano pasado entregáronlles as fincas, aínda que non recibiron aínda os títulos, tras máis de 8 anos desde o inicio dos traballos. “Tes a incertidume de saber que fincas che fan tocar, pero a nós, dentro do que cabe, non nos dificultou moito o traballo, pero houbo outra xente aos que lles tocaron pistas polo medio das fincas e botaron anos facendo nelas sen dispoñer das outras parcelas para labrar”, relatan.

No caso de Granja Virgen del Camino, arredor da explotación quedoulles unha finca de 30 hectáreas. En total, traballan unhas 80 hectáreas, entre propias e alugadas. Como na zona existe demanda de superficie agraria, están a pagar arrendamentos de 20 euros/ferrado (580 metros cadrados), “pero posiblemente sigan subindo”, din. 

Son socios da cooperativa Cusoviame, que lles presta o servizo diario de carro mesturador, failles a sementeira de millo e herba e aplícalles os tratamentos fitosanitarios 

Aproximadamente o 60% da SAU da explotación destínase a cultivo de millo e o resto a pradeira permanente, onde fan dous cortes de ensilaxe e un de herba seca. Reservan tamén unha zona para pastizais, tanto para as vacas secas como para os animais de desvelle, que engordan antes de mandalos ao matadoiro.

Nas fincas de millo procuran facer en todas rotación con cultivo de inverno, agás nalgunhas máis húmidas onde en ocasións non entra a maquinaria para sementar. Até agora botaban raigrás híbrido pero este outono teñen intención de probar cunha mestura que inclúe tamén trevo e veza.

Traballos como botar o purín ou arar fanos eles e para a sementeira e os tratamentos fitosanitarios botan man do parque de maquinaria da cooperativa Cusoviame, que sen embargo non ten colleitadoras, polo que para ensilar tanto a herba como o millo recurren a unha empresa de servizos da zona.

De Pontedeume a Curtis

O recheo das camas nos cubículos das vacas en produción ten un 60% de serrín e un 40% de carbonato. O establo foi construído no ano 2008

A cama das vacas en produción ten un 60% de serrín e un 40% de carbonato. O establo foi construído no ano 2008

A orixe da granxa remóntase ao ano 1986 cando o pai de Mari e Fran, que tiña unha pequena explotación en Pontedeume, decide buscar unha nova ubicación onde poder medrar sen as limitacións coas que se atopaba na zona da costa.

“Alí non era viable aumentar por estar perto da costa e da praia, polo que viñemos para aquí, que é unha zona boa para a gandería”, di Fran, que se incorporou á explotación no ano 1998 (a súa irmá Mari xa o fixera un ano antes).

Mari foi a primeira en incorporarse, no ano 1997, e o seu irmán Fran fíxoo un ano despois

Comezaron cunha nave para 42 animais e unha sala de muxido en espiña de peixe de 12 puntos que estivo operativa até fai 2 anos. Pero co paso do tempo, a granxa foi medrando, trala construción no ano 2008 da actual nave de produción, con capacidade para 160 prazas, e fíxose necesaria a renovación do sistema de muxidura.

Proxecto para facer unha nova nave e chegar a 400 vacas en produción

Obras de ampliación acometidas este verán para acoller ao lote de vacas secas e unha parte da recría

Obras de ampliación acometidas este verán para acoller ao lote de vacas secas e unha parte da recría

Na actualidade dispoñen dunha cabana gandeira total de 214 animais, sumando 132 vacas adultas e 82 animais de recría pero a súa intención é seguir medrando nos vindeiros anos. Para iso, están a facer unha ampliación para vacas secas e xovencas, coa intención de liberar espazo na nave principal e poder adicar as 160 prazas a vacas de leite, e teñen tamén un novo proxecto para construír outra nave a maiores con capacidade para 240 animais en produción. “Estamos cos trámites para obter os permisos e licenzas necesarias, levamos case dous anos co papeleo e de momento vai para largo”, quéixanse.

“Nestes tempos nos que o prezo do leite axuda hai que aumentar, senón quédaste atrás”, argumenta Fran. “Isto ten futuro e apostamos por este sector. Nós gañas de aumentar temos e posibilidades tamén, porque recriando logo te pós”, asegura.

Están a poñer seme sexado tanto nas xovencas como nas vacas de primeiro e segundo parto para medrar en base á recría propia

Desde fai anos a estratexia de reprodución da granxa pasaba por usar seme sexado principalmente nas xovencas e poñer touros cárnicos azul belga ou angus na maioría das vacas, pero agora ampliaron o sexado a vacas de primeiro e segundo parto co obxectivo de cubrir as necesidades de recría que requiren para poderen medrar en número de cabezas sen ter que mercar animais fóra da explotación.

Sala en vez de robot

Nova sala de muxido da explotación, de 18 puntos pero ampliable a 24

Nova sala de muxido da explotación, de 16 puntos pero ampliable a 24

Granja Virgen del Camino instalou fai dous anos unha sala de muxido traseira de 16 puntos ampliable a 24, en previsión xa do crecemento futuro da explotación para que sexa capaz de asumir incremento no número de animais a muxir.

Optaron de novo por unha sala en vez instalar dos robot por varias razóns. “A primeira, porque como gandeiros gústanos o contacto directo co animal na sala e verlle o ubre todos os días”, di Fran. Ademais, “unha sala condiciónate menos á hora de medrar, porque podes facelo progresivamente e non tes que dar saltos de 60 en 60 vacas”, evidencia.

Pensando en medrar, a sala énos máis práctica, porque para muxir máis vacas tan só hai que poñer máis puntos ou muxir máis horas

Investiron uns 250.000 euros na nova sala, contando a maquinaria e a nova nave . “Sería o custo de dous robots, pero con dous robots muxiriamos só as vacas que temos hoxe, mentres que nunha sala coma esta con 24 puntos podes muxir até 400 vacas tranquilamente. Os robots obrígante a volver investir no sistema de muxido cada vez que aumentas ás vacas, porque tes que poñer outro robot máis, mentres que a sala non, polo que o investimento a longo prazo é moito menor”, di.

O custo de mantemento e a vida útil tamén decantaron a balanza. “Unha sala é unha máquina que dura moitos anos, mentres que o robot desde que pasan 10 anos xa tes que pensar en substituílo por un modelo novo”, opina. “Levamos dous ou tres anos bos e cos prezos do leite que temos hoxe pódense pagar robots, o seu mantemento e o que faga falla, pero se vén unha crise onde os prezos caen e as marxes son moito máis axustadas, na sala veste menos apurado porque non estás atado con mantementos altísimos”, considera.

O investimento por vaca é moito menor na sala e o mantemento tamén, non ten comparación

Polo de agora atenden a explotación eles dous sós, sen man de obra contratada, pero son conscientes de que se a granxa segue medrando farase imprescindible contar con traballadores. “Din que os robots aforran man de obra, pero eu penso que relativamente, porque para que funcionen ben hai que estar pendente deles, tanto no ordenador como arrimando vacas”, argumenta Fran.

Lévalles unha hora e vinte minutos muxir na nova sala. “A sala o que ten que ser é cómoda e moderna. Antes tiñamos unha sala vella en espiña de peixe de 12 puntos e levábanos 3 horas muxir”, explica Mari.

Moxen dúas veces ao día, porque, din, o volume actual de animais non compensaría o sobrecusto das tres muxiduras. “Eu penso que para muxir 3 veces hai que ter de 200 vacas en produción para enriba para que sexa rendible, porque é necesario dispoñer de 3 persoas para muxir e tal como están hoxe os custos de persoal, o que poidas sacar de máis produción non che chega para pagar aos traballadores”, argumentan. 

Unha tarefa pendente que temos é a monitorización do gando; supón un investimento importante pero temos que dar o paso

A produción ronda os 38-39 litros de media todo o ano, cunha porcentaxe de proteína do 3,50-3,60% e con variacións estacionais na graxa, que pasa do 4,50% no inverno ao 4,10% nos meses do verán. Están entregando o leite a Larsa.

Non contan nin con podómetros nin con colares de monitorización do gando, pero consideran que é unha tarefa pendente a acometer. “Temos que dar o paso. Supón moitos cartos pero seguramente sexa un investimento rendible a longo prazo”, recoñecen.

Comida fresca no pesebre ás 7 da mañá

VIRGEN DEL CAMINO SC (Curtis) vacas en producionMoxen ás 5 e media da mañá e ás 5 e media da tarde. “O carro vén ás 7 e media da mañá e necesitamos ter acabado de muxir e lavado, porque ten que entrar pola zona de paso das vacas desde o establo á sala de muxido. Iso obríganos a madrugar pero tamén ten outras vantaxes, porque acabas antes pola tarde e porque a ración é depositada no pesebre moi fresca, porque os frentes dos silos están de toda a noite e non de darlles o sol toda a mañá, e iso fai que a comida se manteña moito mellor durante todo o día”, asegura Fran.

Ao repartir os muxidos cada 12 horas non teñen practicamente diferenza de produción entre a mañá e a noite

A ración está baseada no silo de millo como elemento principal. Leva 32-33 kg de silo de millo, 6-7 kg de silo de herba e 12-13 kg de concentrado. O servizo diario de carro mesturador préstallelo a cooperativa Cusoviame, da que son socios. Fran destaca as vantaxes deste sistema: “non temos que facer fronte ao investimento deste tipo de maquinaria nin o mantemento e se avaría, mándanche outro carro e estás sempre cuberto”, valora.

“Iso é moi importante, porque se tes carro propio e che avaría e tes as vacas medio día sen comer ese día vas ter unha baixada de produción moi importante e un risco moi grande de problemas metabólicos, porque as vacas non poden estar sen comer”, argumenta.

Vacas secas con acceso a pasto

Vacas secas na pradeira, cunha plantación de eucaliptos ao lado

Vacas secas na pradeira, cunha plantación de eucaliptos ao lado

Cusoviame elabóralles todos os días dous carros para vacas de produción e un para as xovencas. En canto ás vacas secas, contan cunhas novas instalacións de recente construción nun dos laterais da nave de produción. Construíron a ampliación este ano para ofrecerlles máis comodidade de cara ao inverno, pero quixeron seguir mantendo a saída ao pasto que sempre tiveron no lote de secas.

No programa de manexo da granxa teñen posto os 7 meses e 10 días de preñez como data para o secado, polo que as vacas paren habitualmente con entre 50 e 60 días de descanso. “A recuperación nese tempo fóra é moito mellor ca dentro, volven parir áxiles e fortes de patas”, asegura Fran.

Unha vaca seca quieta engraxa, fóra o que colle é máis músculo

“Mais aló de que me guste ver as vacas no prado, é algo beneficioso para elas porque non engraxan como o poden facer dentro no establo, e que unha vaca chegue a parir engraxada é malísimo. Nós témoslles unha finca grande na que ao longo do día a vaca móvese e fai quilómetros, polo que collen músculo e non graxa”, di.  

“Apuramos o crecemento das xovencas e logramos primeiros partos aos 18 meses; iso supón aforro  de comida e menos necesidade de recría na granxa”

Xovenca de 18 meses de idade próxima ao parto

Xovenca de 18 meses de idade próxima ao parto

Unha das estratexias de Granja Virgen del Camino consiste en apurar o crecemento das becerras de recría para conseguir que teñan canto antes a condición corporal necesaria para inseminalas, logrando unha idade ao primeiro parto das xovencas no entorno dos 18-19 meses.

Non dispoñen polo de agora de ningún tipo de dispositivo de monitorización das xatas para facilitarlles a detección de celos, algo que teñen pendente de implantar de cara ao futuro, admite Fran. Malia iso, a primeira inseminación realízana arredor dos 10 meses.

A nivel de produción de leite ao primeiro parto, din, non ten por que dar menos leite unha xovenca que pare máis nova. “Se unha xovenca ten ao momento do parto o tamaño e o peso necesario, non inflúe que teña 24 meses ou que teña 20, e eses 3 ou 4 meses que logramos adiantar o parto son meses nos que as xovencas estaban comendo e ocupando sitio sen producir. Eses 3 ou 4 meses de diferenza supoñen moitos litros de leite”, argumenta Fran.

As xovencas que paren novas dan menos problemas á hora do parto

Ademais, engade, “as xatas que paren novas líbranse mellor e arrincan a comer moi ben, polo que teñen menos problemas de cetoses e acidoses e como se recuperan mellor do parto, tamén volven empreñar mellor despois”, asegura. 

De dúas en dúas nos boxes

Becerras de recría antes do destete, con dous meses de idade

Becerras de recría antes do destete, con dous meses de idade

A estratexia de forzar o crecemento e a inxesta das becerras nos primeiros estadíos comeza tralo encalostrado e ten como premisa lograr animais cun alto nivel inmunitario e un do estado dixestivo e intestinal.  

Empregan leite dietético no primeiro mes, o máis delicado a nivel de diarreas, aseguran. Desde que empezaron a usalo, fai case un ano, acabaron por completo os problemas de Cryptosporidium parvum, un protozoo que se desenvolve e multiplica no intestino das becerras, provocándolles descomposición, deshidratación e debilitamento xeral.

Dentro dos protocolos de vacinación da granxa, vacinan contra E.coli as vacas preñadas un mes antes de parir e con vacina intranasal as becerras fronte ás pneumonías para que estean cubertas durante toda a súa fase de crecemento, de maneira que non collan enfermidades que poidan retrasar o seu medre.

Aproveitan o leite das vacas con máis células para a última fase de aleitamento das becerras

Outra das pautas de manexo da recría nesta granxa consiste en xuntar as xatas en boxes de dúas en dúas durante a maior parte do período de aleitamento. En canto as xatas toman o costro e comproban que maman ben por si soas, xa as xuntan.

“Pode ser unha semana máis ou menos, en función tamén da presión de nacementos que teñamos na explotación nese momento, o tempo que están en boxes individuais e despois xa pasan a estar de dúas en dúas. Desa maneira arrincan antes a comer”, asegura Fran. Téñenlles un penso starter a libre disposición, auga e palla.

Estando de dúas en dúas nos boxes as xatas arrincan antes a comer

En canto á cama, utilizan unha mestura de palla con serrín. “O serrín chupa máis a humidade e evita que fermente a cama, mentres que a palla dalles calor e apórtalles confort e comodidade. A elas gústalles a palla para durmir, porque fan nido, polo que xogamos coas dúas cousas”, argumenta Mari.

Lote de becerras de 4 meses de idade

Lote de becerras de 4 meses de idade

Despois do primeiro mes con leite dietético, pasan a darlles ás becerras leite de vaca daqueles animais que presentan un maior reconto celular, que deste xeito non vai para o tanque. Destetan as xatas aos 2 meses de idade nun proceso progresivo que comeza 15 días antes. “Ao mes e medio empezamos a baixarlles ao leite pouco a pouco para intentar que coman máis penso e que non sexa tan brusco o secado, de maneira que cando chegan aos 2 meses xa están comendo entre 2 e 3 quilos de penso diarios polo que non notan moito o cambio.

Se unha xata con 10 meses ten a estatura e a condición corporal necesaria, non hai por que esperarlle para inseminala

A ración que comen desde o destete e até que son inseminadas é a mesma que lle dan ás vacas de leite, cun engadido de 2 kg de penso por tenreira até que cumpren os 6 meses de vida para tratar de forzar ese crecemento rápido que perseguen nos primeiros meses. “Se unha xata con 10 meses ten a estatura e a condición corporal necesaria, non hai por que esperarlle para inseminala”, din.

Desde que quedan preñadas, pasan a comer unha ración menos nutritiva, composta por silo de millo, silo de herba, palla e entre 3 e 4 kg de penso por xovenca. “En xeral, pode parecer unha ración máis cara a que lles damos, pero se con iso aforramos telas até os 2 anos comendo e sen producir, ao final estamos aforrando cartos, porque son 3 ou 4 meses de comida que aforramos”, razoan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información