“Necesitamos políticas que defendan a terra para producir a nosa alimentación, sen importala”

Margarida Prieto, do Sindicato Labrego, aborda nesta entrevista polémicas ligadas á xestión da terra, como a minería, Altri ou a entrada de empresas foráneas para instalar grandes plantacións de arandos e viñedos en Galicia

“Necesitamos políticas que defendan a terra para producir a nosa alimentación, sen importala”

Margarida Prieto, responsable do problema do acaparamento de terras no Sindicato Labrego.

Falamos con Margarida Prieto, responsable da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego Galego, para abordar cuestións de actualidade, como as polémicas ligadas a Altri e a minería, ou os casos de explotación laboral en grandes plantacións galegas de arandos.

Esta tempada está a aumentar a contestación social en torno ó proxecto da planta de Altri. Cal é o sentir das vosas explotacións afiliadas na comarca da Ulloa?
Existe unha gran preocupación porque son proxectos nos que vemos que hai unha aposta clara da Xunta e que non se someten a informes técnicos rigurosos.

Hai unha aposta clara por un proxecto, cunha campaña de publicidade da empresa e da Administración a favor do proxecto, o que xera unha dúbida importante, pois semella que intentan tapar os efectos negativos que pode ter. A veciñanza e afiliados viven cunha gran preocupación a aprobación do proxecto.

Falamos dun impacto no medio moi importante, que afecta á Rede Natura, que vai consumir 16 millóns de litros de auga ao ano e que vai expulsar gases moi contaminantes. É un problema para os gandeiros, que verán os seus cultivos afectados, e para a xente que vive perto e tamén a moitos kilómetros. Falamos de concellos onde o sector primario é moi importante, con explotacións en ecolóxico, coa Denominación de Orixe Arzúa Ulloa, explotacións apícolas…

Plano da ubicación do proxecto de Altri. /  Arquivo.

Plano da ubicación do proxecto de Altri. / Arquivo.

Tedes manifestado tamén temor a unha ‘eucaliptización’ maior da zona centro de Galicia pola chegada da planta de Altri. Como valorades a actual normativa forestal, que limita a plantación de eucalipto, e o seu grao de cumprimento sobre o terreo?
O primeiro que hai que dicir é que somos a comunidade autónoma con menos superficie agraria útil, a penas o 30% da superficie é para a produción do campo, cando a media do Estado anda polo 40% e nos países europeos móvese arredor do 50%.

En canto á forestación ilegal con eucalipto, é un problema grave sobre o que a Xunta non quere actuar. Debería haber denuncias de oficio, pero non as hai. Foméntase que os veciños se denuncien os uns ós outros e esas denuncias non se atenden.

Somos a comunidade autónoma con menor porcentaxe de superficie agraria útil, a 20 puntos da media europea

Un problema de base é que Galicia carece dunha ordenación forestal axeitada, existen plantacións perigosas ao redor das casas. Na Lei de Recuperación de terras agrarias dise que se quere avanzar para que Galicia chegue á media europea de terras agrarias, pero a superficie forestal e industrializada segue aumentando, en detrimento da superficie agraria. En resumo, non se cumple a normativa.

A moratoria do eucalipto só existe no papel, pois non se cursan denuncias de oficio

As novas plantacións de eucalipto habería que prohibilas de raíz, non andar con moratorias.

Pasando a cuestións mineiro – industriais, fálanos da actual situación do proxecto da mina de Touro – O Pino, que igual que Altri, xerou tanto oposición na comarca como na ría de Arousa, onde desemboca o río Ulla.
Non é un problema de Touro ou de dous proxectos, son as institucións públicas as que están incentivando estes proxectos. Grazas á contestación social, moitos foron parados no xulgado.

Un problema co que nos atopamos é que saíu un concuso de dereitos mineiros para revivir concesións caducadas, modificando as normativas para recurtarlle dereitos á cidadanía, recurtar prazos de presentación para dificultar examinar os proxectos, xa que precisan unha parte técnica moi importante que leva moito tempo, e ao recurtala, dificúltase o acceso á información.

Tamén se cambiou por medio de normativa que se reduza o número de informes, o carácter dos mesmos dos proxectos e os prazos para admitilos ou rexeitalos. É unha lei de simplificación administrativa que marca unha clara aposta do Goberno galego por este tipo de proxectos moi destructivos para o noso país, reducíndolles requisitos.

Neste caso non é un proxecto novo, porque en Touro xa é un proxecto que estivo funcionando entre o 1974 e o 1987 e a veciñanza coñece os efectos.

Presentouse un primeiro proxecto para recuperar a mina no 2017, pero a contestación social foi moi importante, polo que foi denegado. A finais do 2024 sae á exposición un novo proxecto similar ao anterior, pero a Xunta fai unha clara aposta tramitándoa coma un proxecto industrial estratéxico, o que implica máis facilidade para a a súa aprobación.

Desde moitos colectivos levamos adiante unha campaña informativa para explicar que se trata do mesmo proxecto destructivo e presentamos alegacións para que non vaia adiante, porque entendemos que un proxecto que pon en risco importante a vida dunha soa persoa non debería ir adiante.

Neste caso falamos de risco da falla da balsa de Arinteiro, que poría en risco a vida de máis de 60 persoas, por non falar do problema da mina anterior, da contaminación, da terra acaparada (900 hectáreas), nun concello no que as actividades agrogandeiras teñen moita importancia e que non precisan que esta actividade veña afectar a súa actividade.

– Saíu tamén estes días o proxecto da mina de litio de Doade, en Beariz. Como vedes esta iniciativa?
Vimos de coñecer tamén estes últimos días á inclusión da mina de Doade (parroquia de Xirazga en Beariz, Ourense) na lista de “proxectos estratéxicos” da Comisión Europea -Regulamento de Materias Primas Fundamentais- para a extracción de minerais destinados a industrias do sector enerxético, tecnolóxico e armamentístico, proxecto que no ano 2014 o Instituto Geológico y Minero de España advertiu nun dos seus informes “da posibilidade de formación de augas ácidas de mina, e da propia documentación presentada no marco do proxecto Alberta-1 pola empresa solicitante nese momento despréndese que minerais radiactivos como o cesio ou o rubidio serían extraídos, machacados, depositados en escombreiras ao aire libre e suxeitos a disolución, bombeo e inxección a cauces superficiais e contaminación de acuíferos, todo iso a menos de 1 km de dous núcleos de poboación.”

Neste país, necesitamos políticas que aposten por fixar poboación, por defender a terra e por producir a nosa alimentación, en vez de importala. Non necesitamos campañas de propaganda nin dar cartos a empresas como Altri ou as mineiras. Precisamos plans de mellora baseados en proxectos sustentables e con sentidiño para poder realmente vivir neste país e que o rural teña futuro. As políticas públicas deberían ir orientadas a medidas de preservación e recuperación da natureza en lugar de seguir esquilmando recursos naturais e alterando os ecosistemas.

En canto ós proxectos eólicos que están en perspectiva, como valorades o seu impacto e as ofertas económicas que están presentando?
Temos exemplos de concellos que xa levan anos con moitísimos aereoxeneradores e ese modelo nunca freou o despoboamento, ao contrario, non fixa poboación nin os seus ingresos aumentan… Hai estudos feitos polo Observatorio Eólico de Galicia e para nada incide o sector eólico en revertir a situación económica ou de despoboamento… Se che poñen un aereoxenerador a 300 metros da casa, terás que mudarte polo ruído.

Os proxectos actuais de eólicos contan con máis infraestructura, máis altura e máis superficie… Falamos de grandes obras e infraestructuras que poñen en risco en moita maior medida as traidas de augas e fontes, que moitas poboacións poden quedar sen suministros polas obras… O impacto, en xeral, é moito máis negativo que positivo.

“Estamos en contra dun modelo agrícola de grandes producións agrarias baseadas en temporeiros; as persoas migrantes deben poder asentarse e traer as súas familias”

Recentemente trascendeu nos medios un caso de explotación laboral de migrantes nunha plantación de arandos en Begonte (Lugo), con arredor de 80 persoas migrantes afectadas. Que sabedes da situación que atravesaban estas persoas e das responsabilidades que hai detrás?
É unha situación que temos denunciado desde varios colectivos. O problema principal é o modelo de produción destas grandes explotacións, con moita man de obra en poucos meses ao ano. Isto leva á precariedade, estas persoas moitas veces viven en barracóns ou garaxes.
En Galicia tradicionalmente non se precisa esta man de obra, porque temos explotacións familiares con pouco terreo.

Con este modelo das plantacións de arandos, estes traballadores só teñen traballo uns poucos meses, sobreexplótase o terreo e ás persoas, con man de obra migrante, que así nunca se vai asentar ou traer ás familias, é un modelo terrorífico para eles e para o noso país… Quen incentiva e consinte este modelo de produción, en vez de protexer a terra dos grandes capitais, é a Administración.

Vós xa advertirades no 2021 da necesidade de control das plantacións agro-industriais como esta, que naquela estaba nas mans de Surexport, e que nos últimos meses pasou a Berries Passion. Pensades que non se vos fixo caso, cando mesmo fixerades daquela campañas públicas de sinalamento de Surexport?
Non se nos fixo caso e as políticas que vemos a diario non están atacando o problema do aumento do apropiamento de terras por grandes empresas e fondos de investimento. Estas macroexplotacións, este modelo de grandes superficies está ocupando cada vez máis, incluso no viñedo, onde pode pasar o mesmo, e buscan producir grandes cantidades a baixos prezos.

É un gran problema porque nalgúns casos hai unha competencia directa cos aproveitamentos agrícolas e gandeiros propios de Galicia, xa que nalgún caso víronse en perigo aproveitamentos de pastos e forraxes polo arrendamento de superficies en montes veciñais a estas empresas.

Pensades que pode haber outros casos similares en Galicia, en canto a explotación de migrantes?
Tradicionalmente non había esta problemática porque eran explotacións pequenas e familiares. Nos arandos ou nos viñedos, hai un novo modelo, con emprego que traen de fóra as grandes empresas.

Co caso de Guitiriz, o agro galego trasladou unha imaxe a nivel da opinión pública que non se corresponde en verdade coa realidade maioritaria, pois nas explotacións gandeiras galegas é algo habitual a contratación de persoas migrantes con cumprimento, cando menos, das esixencias legais.

Aquí as explotacións medianas teñen un ou dous empregados que en moitos casos son inmigrantes… É unha man de obra necesaria porque neste momento non hai traballadores para as explotacións agrarias pero ten que ser cun modelo no que podan convivir, traer á familia…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información