A cadea monte – industria do eucalipto enfróntase a desafios de futuro que obrigan a unha innovación continúa. A nivel forestal, por exemplo, como enfrontar o cambio climático e un mellor control de enfermidades e pragas? E na transformación industrial da madeira, que solucións se lle poden ofrecer a unha economía que quere reducir a súa dependencia de plásticos e combustibles fósiles?
Estes son algúns dos retos sobre os que enfoca o seu traballo Navigator, a firma papeleira líder na Península Ibérica. Un grupo de propietarios forestais, técnicos e empresas de servizos de Galicia e Asturias veñen de visitar esta primavera en Portugal o ecosistema de I+D e produción da compañía.
O núcleo técnico e de investigación de Navigator sitúase no Instituto RAIZ, un centro liderado por Navigator que se ubica nas proximidades de Aveiro. É unha instalación que conta cun equipo de arredor de 93 persoas, divididas nun departamento forestal e noutro de tecnoloxía industrial.
I+D Forestal
O equipo forestal do RAIZ é o que testa os futuros clons de eucalipto que entrarán nos viveiros de Navigator para plantar en monte. Os viveiros Aliança (Setubal) teñen capacidade de produción de arredor de 11 millóns de plantas de eucalipto (9 millions clonais e 2 millóns a partir de semente), tanto para a venda a propietarios como, principalmente, para as plantacións propias de Navigator, pois a empresa xestiona cerca de 108.000 hectáreas na Peninsula Ibérica, a parte dun proxecto paralelo en Mozambique.
Na actualidade, os Viveiros Aliança, o principal núcleo de produción de planta de Navigator, traballan con 8 clons de glóbulus e con 4 híbridos de eucalipto, cos que a compañía ten un abano suficiente de planta para dar resposta ás distintas necesidades de solo, clima e ás diferentes pragas e enfermidades.

Visita da delegación española ó viveiro.
En Galicia, a maiores dos seus clons, Navigator emprega eucalipto nitens de provedores locais, cos que ten acordos técnico-comerciais para áreas que non se adaptan ao eucalipto globulus ou ós híbridos.
Navigator estuda posibles híbridos com eucalipto nitens que sexan útiles para Galicia
“De cara ó futuro, para Galicia estamos traballando sobre posibles híbridos con eucalipto nitens, que poderían ser o camiño, é algo que aínda temos que testar”, valoran no Instituto RAIZ, onde a delegación galega recibiu as explicacións dos investigadores José Araujo e João Ezequiel.
No 2024, a compañía instalou catro campos de ensaio en Galicia para testar un total de 50 clons de eucalipto globulus. Os ensaios que Navigator desenvolve na actualidade van definir os clons que a compañía plantará en monte na próxima década.
A actual produción dos seus viveiros céntrase nun 80% en clons de globulus e nun 20% en híbridos. Sempre que é posible, Navigator decántase por plantacións de eucalipto globulus, que consideran o “príncipe dos eucaliptos”.

Invernadoiro con planta nos viveiros Aliança.
Os viveiros Aliança, en cifras
Miguel Ferrinho e Carmen Correia acompañaron á delegación española na súa visita ós viveiros Aliança. Estas son algunhas das cifras que manexa a instalación, nas súas máis de 20 hectáreas:
• Os viveiros Aliança (Setúbal) teñen capacidade de produçión anual de 11 millóns de plantas de eucalipto: 9 millóns de plantas clonais e 2 millóns de plantas por semente.
• As plantas clonais prodúcense a partir de estaquillas de arredor de 230.000 plantas nai, das que 170.000 están ó aire libre e case 50.000 baixo invernadoiro.
• As técnicas empregadas para a produción de planta clonal son as macro estaquillas (7 – 10 centímetros), obtidas das plantas en exterior, e o mini estaquillado (5 centímetros), a partir dos pés nai de invernadoiro, unha técnica que está en crecemento.
• O 60% da produción de planta de Navigator destínase a plantacións propias e o resto a suministro a propietarios forestais cos que colabora.

Práctica de estaquillado de planta durante a visita da delegación galega e asturiana.
Conglomerado industrial
Navigator é a a día de hoxe unha multinacional con instalacións industriais en tres países: 4 factorías en Portugal, 1 en España (Ejea de los Caballeros, Zaragoza) e 5 máis de recente adquisición en Gran Bretaña, orientadas ó papel tissue.
A compañía produce 1,6 millóns de toneladas de pasta de papel e 1,6 millóns de toneladas de papel ó ano.
A principal liña de produción de Navigator é a do papel, que representa o 60% do seu volume de negocio, pero o packaging e o tissue foron medrando nos últimos anos, ata acadar en conxunto xa un 40% do volume de negocio da empresa.
A empresa vén de introducirse ademais nunha liña complementaria, a da pasta moldada, cunha planta en Aveiro que xa está a fabricar produtos como pratos, vasos ou cubertos de celulosa.
De cara ó futuro, a compañía traballa en liñas adicionais. Así, conta xa cunha biorrefinería piloto no Instituto RAIZ, na que está a elaborar composites de celulosa e plásticos (ou bioplásticos). O resultado son pellets compostos que se poden empregar como materia prima para a inxección nas industrias plásticas. “É unha liña de traballo que xa está ás portas do desenvolvemento industrial. Só falta o modelo de negocio”, valoran no RAIZ.
Para a industria da celulosa, os combustibles de aviación e marítimos serán un gran negocio no futuro (Gonçalo Vieira, Navigator)
A extracción de compostos de valor a partir das ligninas, un material da madeira que se separa da celulosa durante o proceso de fabricación de papel, é outra liña de interese para as biorrefinerías, igual que a obtención de biocombustibles.
“Para a industria da celulosa, os biocombustibles de aviación e marítimos serán un gran negocio de cara ó futuro” pronostica Gonçalo Vieira, o director xeral de Abastecementos, Loxística e Arrendamentos de Navigator, que recibiu á delegación española no RAIZ.
Visita á factoría de Aveiro
En Portugal, na actualidade, Navigator conta con catro industrias, ubicadas en Vila Velha do Rodao, Setubal, Figueira da Foz e Aveiro. Esta última, adicada ó papel tissue, foi a visitada pola delegación de Galicia e Asturias.

Imaxe de grupo da visita á factoría de Aveiro.
A planta, que traballa en quendas as 24 horas do día os 7 días da semana, elabora un total de 350.000 toneladas de pasta ó ano, 70.000 toneladas de bobinas de tissue e 55.000 toneladas de produto acabado, como papel hixiénico, de cociña ou servilletas. Unha das últimas innovacións en produto acabado foi o lanzamento dun papel de cociña que vai xa acompañado de xabón.
Da pasta tissue que non se consume na planta, unha parte é enviada para a súa transformación ás factorias de Navigator en España e Gran Bretaña, e outra parte comercializada no mercado.
Manexo do eucalipto en monte
“Cada intervención de desbroce e abonado aumenta un 10% a produción en madeira, como mínimo”

Plantación de Valença do Minho visitada pola delegación española.
Nas plantacions proprias de Navigator, o 100% da superficie é certificada, polo que a maiores das zonas produtoras de eucalipto, a compañía dispón de superficies de conservación con outras especies (sobreiras, piñeiros, carballos, etc.).
A superficie total que xestiona Navigator na Península é de 108.000 hectáreas. O manexo forestal dunha superficie de tal dimensión faise en base a protocolos técnicos baseados na experiencia e na investigación.
Antes de cada plantación, o Instituto RAIZ fai un estudo do solo da parcela. En base ás súas características, ás condicións climáticas e á presenza de enfermidades e pragas na zona, determina a especie de eucalipto a plantar. Durante todo o ciclo de cultivo, RAIZ manterá ademais colaboración co departamento de Produción, en canto ás pautas específicas de manexo.
Visita en Valença do Minho
A delegación galega visitou unha plantación de Navigator en Valença do Minho, preto da fronteira galega, que estaba cultivada cun clon de eucalipto globulus, o G74, nun marco de 4×2 metros.
“A expectativa nesta parcela é obter unha produción de 25 metros cúbicos de madeira (sen casca) por hectárea”, explica João Bandeira, responsavel do Departamento de Produción e Explotación Forestal de Navigator.
Navigator traballa con quendas de corta duns 12 anos e centra o manexo máis intensivo da plantación nos primeiros 5-6 anos. A maiores do abonado de plantación e doutro complementario ó cabo dun ano, fai dous abonados adicionais: un ós 2 anos, cun desbroce previo, e outro abonado de mantemento ós 4-5 anos, tamén acompañado de desbroce.
“Cada intervención de abonado e desbroce representa un aumento da produtividade dun 23%”, calcula Joao Bandeira (datos do programa L&A).
Control de pragas
Fronte á praga do gorgullo, a práctica habitual nas plantacións de Navigator é a aplicación de periódicos tratamentos fitossanitários (caso da plantación de Valença visitada).
Loita biolóxica contra a acacia
O centro RAIZ traballa asímesmo na loita biolóxica contra as acacias, unha árbore invasora que se convertiu nun problema en amplas zonas de Portugal, algo que tamén está a suceder en determinados distritos forestais de Galicia.
O Instituto de investigación colabora xunto coa Escola Superior de Agronomia de Coimbra cunha avespa parasitoide, chamada ‘Trichilogaster acaciaelongifoliae’, que combate a ‘acacia longifolia’, na que xera bugallas coas súas postas. De cara a futuro, traballa tamén na obtención e autorización de solta para defoliadores da acacia negra e da mimosa.
Galego











Control OJD