Naves gandeiras en madeira: 15 anos da experiencia pioneira de Mabegondo

No 2010 erguéronse no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo tres naves para gando que contaban con parte da estrutura feita en madeira de piñeiro galego. Transcorrido ese tempo, a construción mantense en perfecto estado e da pé a pensar en máis instalacións deste tipo en ganderías de Galicia. Falamos con técnicos do CIAM e de CIS-Madeira, que colaborou no proxecto.

ESTRUTURA MADEIRA CIAM 3

José A. Veiga, técnico para apoio e divulgación de investigación agraria do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), foi unha das persoas que estiveron no inicio e no seguimento do que se fixo hai tres lustros con madeira galega en estabulación. Falamos con el para coñecer o estado e evolución da iniciativa edificada en Mabegondo.

“Son dúas naves de estrutura independente pero que están pegadas, e unha terceira que foi construída máis tarde. Utilízanse para acoller gando vacún. Nas primeiras, animais de recría, de diferentes razas tanto de leite coma de carne; e na terceira vacas que están en produción leiteira”, explica.

Daquela, os piares das naves fixéranse de formigón e as partes superiores e parte das laterais de madeira. “Empregáronse pezas ensambladas e pegadas de 31,80 centímetros de ancho e ata 30 metros de longo, todo de madeira de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’). Deste xeito, fixéronse as cerchas, os elementos estruturais que sosteñen o tellado. Nos laterais tamén hai unha parte baixa de formigón e, por riba dela, un entramado de madeira.”, di Veiga.

A capacidade de resistencia da madeira e o estado das pezas son os mesmos que o día que se instalou a estrutura. (José Veiga, técnico do CIAM)

Malia o éxito construtivo acadado, os comezos do proxecto non foron doados. “Estabamos en plena crise económica e moitos serradoiros non tiñan dispoñible o que necesitabamos, Ademais, a regulación non permitía certificar a resistencia do ‘Pinus pinaster’ para as lonxitudes coas que pretendiamos traballar. Con todo, a intención sempre foi utilizar madeira galega porque, traéndoa de fóra, o proxecto non tiña moito sentido.”

Finalmente, conseguiuse utilizar madeira da zona do Barbanza e construír as vigas e cerchas mediante a técnica do Finger Joint, que consiste en enchufar unhas pezas noutras.

As naves acollen animais para recría e vacas en produción de leite

As naves acollen animais para recría e vacas en produción de leite

“O que fixemos daquela sería hoxe moito máis sinxelo. Porque hoxe xa hai empresas galegas que traballan con madeira laminada de Galicia apta para estes usos. Daquela só facían algo similar con madeiras nórdicas.”, explica o técnico do CIAM, quen tamén indica que se mellorou moito a técnica de uso e a calidade dos encolados.

Superados todos eses atrancos, na actualidade o proxecto amosouse como todo un éxito. “O único cambio visible respecto de hai 15 anos é que as cerchas escureceron polo efecto da luz solar sobre delas. E iso que non se lles fixo ningún tratamento. No inicio déuselles un vernizado cun produto profesional e, ata hoxe, nada máis.”

Como en calquera construción con madeira, apareceron pequenas fisuras que xa estaban previstas. “Xa no inicio se sabía que a madeira buscaría a súa posición natural. Técnicos do CIS-Madeira certificaron que era algo normal e a resistencia non se viu afectada en absoluto.”, valora.

A humidade e a proximidade ao mar en Mabegondo podían facer pensar nun deterioro constante da madeira. Pero non foi así. “A ventilación é a clave. O deseño das naves fai que a madeira estea moi aireada e que manteña as súas propiedades. O da ventilación pensouse sobre todo para as vacas pero tamén acabou beneficiando as estruturas.”, asegura Veiga.

Tanto dende o CIAM como dende CIS-Madeira sinalan que no momento en que comezou o proxecto non se fixo un cálculo da vida útil que poderían ter as estruturas de madeira. “O que se adoita facer noutro tipo de obras é fixar un prazo de 50 anos, non foi o noso caso. Haberá que ver a evolución, aínda que, co estado actual das estruturas, podemos pensar que se pode superar ese prazo sen problema.”

A intención sempre foi utilizar madeira galega porque, traéndoa de fóra, o proxecto non tiña moito sentido.

Veiga cita, como anécdota que reforza a calidade da madeira, que no último inverno houbo un canalón derramado que estivo botando auga por unha cercha durante meses. Cando cambiaron a baixante, comprobaron que a peza de madeira estaba intacta.

Posibilidades de estender o modelo

Consultado sobre a posibilidade de que haxa ganderías que empreguen este modelo, o técnico do CIAM considera que, polo momento, as estruturas de formigón son máis baratas e sinxelas de instalar, pero cre que a medio prazo as estruturas de madeira poden ser moi vantaxosas para quen decida optar por elas.

“Todas as administracións públicas están a apostar pola sustentabilidade e pola bioconstrución. É moi probable, pois, que se acabe primando economicamente ou doutro xeito a construción de naves con estrutura ou parte da estrutura de madeira.”

A ventilación é a clave para a conservación da madeira

A ventilación é a clave para a conservación da madeira

Estritamente dende o punto de vista medioambiental, Veiga sinala que “o formigón faise con materiais que veñen de lonxe e que teñen unha pegada de carbono pola súa produción e transporte. Aparte de que son elementos artificiais e non biodegradables, como o clinker. Cando se derruba unha corte non se poden eliminar eses elementos sen impacto no medio ambiente”.

“Por contra, a madeira pode ter usos posteriores, é un material case de quilómetro cero e garante unha resistencia e durabilidade como mínimo igual que a do formigón. E pódese reciclar e reutilizar se se derruba a nave. Por iso o normal será que se primen estas prácticas.”

Veiga analizou a situación actual en Galicia para a elaboración das estruturas. “Segue habendo un problema de falta de silvicultura, que fai que as vigas serradas sexan moi curtas porque hai que sacarlles os nós. En cambio, coa madeira laminada houbo moitos avances polo uso de novas tecnoloxías e produtos moi profesionalizados. En calquera caso, é posible facer estruturas para estabulación con calquera das dúas -serrada e laminada- porque o laminado e o encolado de vigas dan estruturas moi estables”, valora.

A análise do CIS-Madeira

Dende o CIS-Madeira, un centro de investigación público ligado á Axencia Galega da Industria Forestal XERA (Consellería de Economía e Industria), fan unha valoración moi positiva da evolución nestes 15 anos das naves gandeiras de Mabegondo.

O coidado da construción resultou clave, en aspectos como illar os puntos de apoio para que a madeira non toque co formigón nas zonas de contacto, o que mellora a súa resistencia.

Tamén coinciden dende o organismo público na importancia que tivo a ventilación para acadar uns resultados óptimos. Pódese conseguir unha longa duración e conservación con algo tan sinxelo como que a estrutura estea ben aireada, sinalan. Ao ser madeira para cuberta, por ser tan lixeira vai ben para estruturas que cobren grandes luces. E, insisten, beneficia os animais que acollen.

A madeira non toca directamente co formigón nos puntos de apoio

A madeira non toca directamente co formigón nos puntos de apoio

Para tentar implementar en Galicia outros proxectos similares, dende CIS-Madeira están a realizar un intenso traballo de formación en utilización de estruturas de madeira para diferentes usos construtivos. Retoman así labores formativos que se puxeran en práctica hai anos con estudantes de enxeñería agrícola para cálculos de utilización en obra de vigas e cerchas de madeira.

O que si recalcan é a necesidade de optimizar os recursos. Hai que usar a menor cantidade posible de madeira, pero resolvendo con eficacia. Por iso, cada especie de madeira e cada peza que se faga debe ir para o uso no que sexa máis axeitada, cunha boa planificación.

Redución do tempo da obra

No CIS-Madeira subliñan o enorme avance que supuxo a crecente profesionalización das empresas madeireiras galegas. Din que hoxe hai moitas que teñen a capacidade de montar íntegra ou parcialmente as estruturas nas súas propias instalacións cunha precisión milimétrica.

Dese xeito, o traballo en obra vese moi reducido, xa que só consiste en depositar as pezas nos lugares indicados. Con iso afórrase tempo de traballo, redúcense os custos e non se xeran residuos que logo hai que recoller. A prefabricación, con aserrados ou laminados, non ten máis ca vantaxes, aseguran.

As estruturas ensambladas en fábrica reducen o tempo de traballo na obra, os residuos xerados e os custos totais da construción

Respecto das posibilidades que as naves con estrutura de madeira ofrecen aos gandeiros, dende o organismo público lembran que se adapta ben ás contornas rurais, que é un material que teñen preto das explotacións, que son materiais lixeiros de fácil colocación e, sobre todo, que teñen unha enorme resistencia.

A pega, polo de agora, é que, mentres as naves de formigón só requiren de contratar unha empresa instaladora, para as que leven partes de madeira hai que ir a especialistas nesas estruturas, xunto a outros profesionais da construción. Con todo, poñen o exemplo de Francia onde a presenza de naves como as que levan 15 anos no CIAM está cada vez máis estendida.

Outra cuestión a ter en conta é que, como en case todos os sectores vencellados directa ou indirectamente coa construción, hai escaseza de man de obra, sobre todo da cualificada e especializada. Por iso o CIS Madeira segue a desenvolver un importante traballo formativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información