A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Naturleite incrementou a súa facturación en 2025 ata os 140 millóns de euros

A industria láctea, con sede no municipio lugués de Meira, e pertencente á cooperativa andaluza COVAP, investiu o pasado ano 2,6 millóns de euros nas súas instalacións

exterior_naturleiteNaturleite, industria pertencente ao Grupo COVAP e situada na localidade lucense de Meira, pechou o exercicio 2025 cunha facturación de máis de 140 millóns de euros -un 6% máis que en 2024-, como unha das empresas de referencia do sector lácteo galego.

Naturleite mantén o seu compromiso cunha cadea de subministración de proximidade, baseada na colaboración estable con máis de 130 ganderías galegas provedoras de leite, principalmente das provincias de Lugo e A Coruña. Esta relación permite garantir a rastrexabilidade do produto, impulsar a profesionalización do sector primario e contribuír á xeración de actividade económica e emprego no medio rural.

A empresa conta actualmente con 116 traballadores e durante 2025 investiu máis de 2,6 millóns de euros para mellorar a eficiencia nos procesos produtivos, avanzar na automatización da planta e reforzar a eficiencia enerxética. Estas actuacións forman parte da estratexia de crecemento sostible da compañía, orientada a manter altos estándares de calidade, seguridade alimentaria e respecto á contorna.

Naturleite obtivo en 2025 a certificación SMETA, un novo recoñecemento que reforza o seu compromiso coas boas prácticas empresariais, laborais, sociais e ambientais. Este selo súmase ao resto de certificacións de calidade, benestar animal, xestión enerxética e xestión ambiental, renovadas nesta anualidade, que avalan o modelo de traballo da compañía.

Segundo María Jesús Peteira, directora xeneral de Naturleite, “2025 foi un ano de consolidación para a empresa, no que seguimos avanzando en eficiencia, sustentabilidade e calidade. O noso obxectivo é continuar xerando valor desde Meira, traballando da man coas ganderías galegas e respondendo as demandas dun mercado cada vez máis esixente”.

Formación, sustentabilidade e territorio

Naturleite fortaleceu durante o pasado exercicio a súa aposta polo futuro do sector lácteo galego a través de iniciativas vinculadas á formación, a remuda xeracional e a sustentabilidade das ganderías. Nesta liña, a compañía impulsou diferentes xornadas técnicas, sobre fertilización e mellora da xestión gandeira, entre outras, co obxectivo de trasladar coñecemento útil e aplicado aos seus gandeiros provedores.

Un dos proxectos máis salientables foi “Muxindo o futuro”, desenvolvido en colaboración con Cruz Roja. A iniciativa permitiu formar a persoas procedentes de Mali e Senegal en tarefas propias do sector de vacún de leite, combinando formación teórica e práctica en ganderías provedoras de Naturleite. O programa naceu cun dobre obxectivo: favorecer a inserción laboral e social dos participantes e dar resposta á necesidade de man de obra cualificada no sector lácteo galego.

Aposta de NaturRego polo servizo e a calidade

Pola súa banda, NaturRego, a fábrica de pensos de Naturleite, pechou 2025 cunha evolución positiva e unha facturación de máis de 17 millóns de euros. A empresa superou os 50 millóns de quilos vendidos entre materias primas e pensos.

Con esta actividade, NaturRego continúa reforzando o servizo que aguzosa ás ganderías galegas, adaptándose ás necesidades específicas de cada gandería e ofrecendo solucións orientadas á mellora da alimentación animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *