“Nas Zonas Vulnerables a Nitratos agricultores e gandeiros poden traballar con normalidade, imos ser o máis flexibles que nos permita a lei”

Entrevista ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros. Fálanos en detalle da declaración por parte da Xunta de Galicia de zonas vulnerables a nitratos en áreas gandeiras do Ulla, Tambre, Zas e Ferrolterra, así como na comarca da Limia

BALSEIROS XUNTA MEDIO RURAL APAISADAA pasada semana representantes da Xunta de Galicia reuníronse con alcaldes das comarcas do Ulla, Tambre, Zas e Ferrolterra, así como na comarca da Limia, para anunciarlles que no mes de maio estarán declaradas como Zonas Vulnerables á contaminación por Nitratos, o que na práctica se traducirá en restriccións á actividade gandeira, fundamentalmente na aplicación de xurro e esterco.

Para aclarar os próximos pasos a seguir e tamén as limitacións que se fixarán entrevistamos ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros.

Colle de sorpresa a Xunta a declaración destas zonas? algúns alcaldes así o tomaron igual que agricultores e gandeiros….
– En certo modo si. Todos tíñamos o punto de mira nalgunha comarca en concreto, pero a realidade é que nas medicións que foron efectuando os departamentos e organismos que teñen a competencia sobre iso nos distintos puntos de toma de mostra ao longo da xeografía galega -mostras que se toman durante un cuadrienio-, con funcións de valores medios e máximos, si que apareceron unhas zonas coas que en principio non contábamos. Estas aparecen reflectidas na publicación que fai o Ministerio de Transición Ecolóxica a través da Dirección Xeral de Augas, onde aparece ese mapa de masas de augas contaminadas sobre as cales hai que cumprir a normativa. Esta deriva dunha directiva comunitaria que, no caso do reino de España, foi trasposta en posteriores modificacións no ano 1996, que acaban no decreto 47/2022 que é o que regula e determina como hai que actuar en canto á denominación de zonas vulnerables nesas comarcas que presentan elevados índices de nitratos.

Dende o Ministerio aseguran que a Xunta tiña coñecemento destas zonas desde o ano 2022 e, no caso concreto da Limia, si que hai informes propios de Augas de Galicia desde o ano 2017 que advertían xa de que había unha elevada concentración de nitratos. Que medidas correctivas, especialmente no caso da Limia pero tamén nas demais zonas, puxo en marcha a Xunta para reducir este risco de contaminación?
– É certo que a publicación dese decreto faise no ano 2022, pero non debemos esquecer que ao longo dos últimos anos houbo distintas cuestións que nos fixeron pensar que tal vez debería haber algún tipo de flexibilización. Todos temos na memoria aquelas mobilizacións que se fixeron practicamente en todos os países produtores europeos previas ás eleccións europeas. Mobilizacións, nalgúns casos, moi contundentes e agresivas que derivaron, recordo con claridade, nunhas manifestacións que fixo o ministro de agricultura, Luis Planas, no mes de maio do ano 2024 nun foro de gandaría extensiva en Toledo. Alí anunciaba a flexibilidade e relaxación de 56 medidas que afectaban precisamente a cuestións relacionadas coa produción agrogandeira no conxunto de España. Por exemplo, retrasar a implantación do caderno dixital, do veterinario de explotación e de determinadas prácticas, moitas delas relacionadas coa sostibilidade medioambiental.

Como había unha tendencia favorable a flexibilizar estas cuestións ao mesmo tempo que nós, precisamente como consecuencia desa sorpresa que nos causou que houbera puntos en comarcas cos que non contábamos con altos índices de nitratos, pois fixemos un encargo cun equipo de técnicos científicos para determinar a verdadeira orixe desa contaminación. Nalgúns casos dounos a razón en principio, pero noutros non foi así e eso púxonos finalmente en tomar a decisión de cumprir a lei, a norma que nos obriga a facelo.

Tamén desde a constitución do Parlamento Europeo tiñamos unha posible boa noticia, xa que o actual comisario de agricultura da UE empezou a manifestarse dicindo que a este tema da produción agropecuaria e agrogandeira en Europa había que darlle unha volta. Ten razón nos seus plantexamentos e nós coincidimos en que se está criminalizando aos agricultores e gandeiros dunha forma absolutamente inxusta e pensamos que se lles esixe demasiados requisitos e cumprimentos. Por exemplo, na aplicación de produtos fitosanitarios teñen que reducir ao 50% a aplicación mentres que terceiros países colocan aquí os seus produtos, como é o caso das patacas de Exipto ou os tomates de Marrocos. Iso parécenos inxusto e coincidimos co comisario europeo en que hai que darlle unha volta. Probablemente habería que prohibir a aplicación dalgúns produtos se son nocivos para a saúde humana ou para o medio ambiente. Pero tamén haberá que esixirllo aos países que comercialicen aquí os seus produtos senón estaremos poñendo en desvantaxe aos produtores locais e nacionais, en todo caso europeos.

 “A raíz das mobilizacións dos agricultores e gandeiros pensabamos que se ía flexibilizar a normativa para declarar Zonas Vulnerables a Nitratos, por iso agardamos ata agora”

Esta circunstancia foi o que nos fixo pensar que tal vez antes de que se esgotara o prazo dos 3 anos que concede a normativa para a declaración de zonas vulnerables, puideramos chegar a acadar unha modificación lexislativa que fixera que non houbese que declarar todas estas zonas como vulnerables. Non foi así e polo tanto a Xunta de Galicia ten que cumprir cunha normativa europea e nacional pois, no caso contrario, estaríamos expoñéndonos a que a Comisión Europea, como xa fixo con outros lugares, podería sancionarnos.

A ninguén se lle escapa o que está pasando noutros países como Holanda, Bélxica, Alemaña ou Dinamarca. En Holanda recentemente un tribunal acaba de sentenciarlle ao goberno holandés que nun prazo de poucos anos ten que reducir á metade ás emisións provocadas pola gandaría e, por ese motivo, están sacrificando animais. Esa tendencia, que está pasando noutros países, empeza a pasar tamén en España.

En maio van estar declaradas todas as zonas?
– Si, nós pensamos cumprir os prazos salvo algún atranco na parte administrativa. Sabemos que a burocracia ten as dificultades que ten pero a nosa vontade é cumprir coa normativa. Precisamente, para evitar esas sancións que no caso da Comisión Europea ou do Tribunal de Xustiza Europeo son millonarias, e tamén para evitarllas aos agricultores e gandeiros. Esta responsabilidade é conxunta e polo tanto temos que tratar de axudarlles coas medidas que poñemos, conservar e preservar o noso sector produtivo e, sobre todo, poñer en valor os nosos produtos agroalimentarios.

Ao cabo de catro anos volveríase a revisar a declaración?
– Efectivamente. Logo da declaración aínda teríamos a administración autonómica, a Xunta de Galicia neste caso, dous anos de prazo para aprobar e publicar un plan de acción que sería o que decidiría as condicións e características que habería que cumprir nesas comarcas declaradas zonas vulnerables. Eso tería unha duración de catro anos ao fin dos cales se podería revisar para reverter a situación e volver á anterior, no caso de que mellorara a situación das analíticas deses puntos de toma de mostra, ou habería que continuar se ese requisito non se dera cumprido.

O límite é 170 unidades máximas de nitróxeno por hectárea e ano?
– Eso non é así exactamente. Vin estes días nalgúns medios cantidades de todo tipo e esto non se axusta ao que di o propio decreto 47/2022, que establece que no primeiro cuatrienio, unha vez aprobado o plan de acción, poderase poñer unha cantidade de 210 kg de nitróxeno por hectárea e ano. Pero o organismo competente, neste caso as comunidades autónomas, acreditando a tipoloxía do cultivo, a orografía, a climatoloxía, a rotación de cultivos, etc., poderiamos poñer outras cantidades e iso é perfectamente posible.

Eu o que pido é un chamamento á responsabilidade porque, por unha parte, estámoslle metendo medo aos agricultores e gandeiros, ante os que temos que quitarnos o sombreiro especialmente en Galicia. Se miramos para o resto do territorio nacional, practicamente todas as comunidades autónomas, excepto Asturias, Cantabria e, ata agora Galicia, teñen zonas vulnerables declaradas. Algúns territorios incluso superan o 30% do seu territorio declarado zona vulnerable. Os agricultores e gandeiros galegos son extremadamente cumpridores e canto máis profesionais son, máis entenden que non queda máis remedio que ir cara o cumprimento de prácticas sostibles e medioambientais. O importante é que lles paguen máis polos produtos que produza, teñan máis calidade e máis valor. O consumidor reclama isto cada vez máis.

Tamén me gustaría aclarar unha confusión. Estannos a chamar gandeiros estes últimos días dicindo que están vendo nos medios que solo vamos a permitir aplicar 170 kg de purín. Eso non é así. Como dixen antes vamos ir a mínimos dese plan de acción porque consideramos que Galicia vai acabar cumprindo e revertendo a situación. Serán 210 en termos xerais, e máis nos casos que se acrediten que son rotacións de cultivos ou que son cultivos que necesitan moita aportación de nitróxeno. Ademais, cando falamos de cantidades, referímonos a kilos de nitróxeno. Cada tonelada de purín de vaca pode ter entre 1,5 ou 3 kg de nitróxeno. Polo tanto, poderíanse botar ata cerca de 80 toneladas de purín por hectárea e ano.

“Vamos ir a un plan de acción de mínimos porque estamos convencidos que vamos a conseguir no primeiro cuatrienio reverter a situación”

Confirma por tanto que ese límite vai ser flexible?
– Nós dicimos con contundencia que no plan de acción, tendo en conta as características edafolóxicas, climatolóxicas e orográficas de Galicia, vamos ir a un plan de acción de mínimos porque estamos convencidos que vamos a conseguir no primeiro cuadrienio reverter a situación. Neste plan de acción vaise permitir aplicar a cantidade que sexa necesaria e se considere conveniente no caso de rotación de cultivos. Pero non debemos esquecer que previa á declaración de zonas vulnerables, xa hai requisitos, hai normativas, hai un decreto de nutrición sostible dos solos que hai que cumprir. E aínda que algunha das súas condicións e requisitos están aliados, como por exemplo o nomeamento dun asesor de fertilización ou as analíticas de campo, non significa que non haxa que estar cumprindo determinadas condicións. Claramente, vamos ir a unhas esixencias mínimas porque coas condicións de Galicia e coa colaboración deses agricultores e gandeiros vámolo conseguir.

Pode avanzar algún límite básico que se podería autorizar con este plan de acción?
– Estámolo estudiando. O estándar serían 210 kg de nitróxeno ao ano.

Nos cultivos?
– Non. 210 sería o mínimo que permite o decreto no primeiro cuadrienio. Pero para aqueles casos onde se xustifique adecuadamente que vai haber rotación de cultivos ou que se van facer cultivos que absorben moi ben o nitróxeno, vaise permitir máis cantidade. Pero non se pode adiantar porque aínda están os técnicos facendo o seu traballo.

Cando está previsto que se coñeza este plan de acción con detalle?
– Como a lei di, temos dous anos de prazo e non imos precipitarnos. Vamos traballar ben, tomar en consideración os datos técnicos e científicos que se nos aporten e imos a facelo no momento que sexa necesario, sempre cumprindo os prazos que marca a lei.

Por tanto, para esta campaña e para a que ven, en principio poderían seguir traballando como traballan ata agora?
– Cumprindo as normativas que hai poden seguir facéndoo ata que se aprobe e publique o plan de acción que será nun prazo aproximado de dous anos.

“Nas Zonas Vulnerables a Nitratos pódese seguir traballando o agro con normalidade”

Fálase tamén de que unha das medidas da Xunta para reducir ou mitigar esta problemática serán as plantas de tratamento de xurros, as plantas de biogás. Pódenos adiantar algo sobre esta medida?
– A diferenza entre Galicia e o resto de comunidades autónomas é que nelas declaráronse zonas vulnerables sen máis, cumprindo a normativa lóxicamente. E Galicia cumprindo a normativa, ademais de declarar zonas vulnerables, no momento que as declara xa estaba ofrecendo dúas solucións dende o noso punto de vista moi importantes.

Por unha parte, estamos anunciando que a Xunta vai implementar unhas plantas de biogás polo territorio, unhas plantas de tratamento de xurros, cunha dobre ou triple característica. Por unha parte a produción enerxética e por outra a hixieneización dos produtos resultantes da dixestión anaeróbica que poden, unha vez hixienizados ou compostados, devolver a aportación de nutrientes aos propios agricultores ou gandeiros que así o demanden, libres de metais pesados e calquera tipo de contaminación. Aí radica a principal diferenza das plantas de tratamento que propón a Xunta na súa rede de plantas con respecto ás que se poden estar promovendo por iniciativa privada.

“Nas plantas de tratamento de xurro ou esterco vaise xestionar o excedente das explotacións e os gandeiros non terán coste para os gandeiros, polo menos nos primeiros anos”

Esas plantas poden ter participación privada a título individual dunha ou varias explotacións ou dunha cooperativa ou poden ser público-privadas. Isto quere dicir que non se busca a rendibilidade ou negocio, búscase axudar aos gandeiros a xestionar o seu excedente, nunca a totalidade. A cantidade excedente que non poida aplicar vaino ter xestionado por esa rede de plantas de tratamento. Tamén se garante que non vai ter coste ningún polo menos nos primeiros anos e incluso dependendo do prezo que alcance o kW de enerxía que se produce aí, pódese chegar a ganar cartos.

Pode avanzar cando e onde está previsto que se poñan en funcionamento?
– Lóxicamente as plantas que vai impulsar a Xunta estarán cerca das zonas de produción de xurro e onde se teña constancia de que vai haber máis excedente. Ao mesmo tempo, dentro das posibilidades, cerca das redes gasísticas e, en terceiro lugar, onde sexa sinxelo facilitar o transporte, que está previsto que o faga a propia infraestrutura loxística das plantas, sen coste ningún.

Hai unha segunda proposta positiva que facemos, que é o establecemento dun selo de circularidade para aquelas explotacións que, seguindo as practicas de sostibilidade, imos concederlle a posibilidade dese selo de tal maneira que un frasco de leite ou bolsa de patacas que o leve, obterá un alto valor engadido e un maior prezo. Hai que recordar que a sociedade e os consumidores reclaman cada vez máis produtos sans e locais, libres de contaminación e que contribúan a mitigar os efectos do cambio climático.

Cando se ten previsto poñer en marcha estas plantas?
– Non vamos mentir, estas cousas levan tempo pero temos moitas outras feitas. Temos un anteproxecto de lei e temos un soporte técnico feito por consultoras de renome. Hai outras moitas cousas feitas para comezar canto antes e poder telas en funcionamento. Se o que preguntan é se estará no prazo de dous anos, eu vexo difícil pero espero que estean en construción nese momento.

Xa para rematar, con relación ao prato invertido, que xestións fixo a Xunta para a súa autorización? Segundo ten contestado o Ministerio, agora depende das comunidades autónomas presentar o informe que avale o uso, e por parte do Ministerio din que estarían abertos a autorizalo. Que tramítes realizou a Xunta para que se autorice?
– Primeiro hai que dicir que Galicia estivo excepcionando a aplicación de purín en prato non último cinco ou seis anos. Coa aplicación do decreto de solos sostibles esa práctica prohíbese con carácter xeral. Aínda así, en base ás múltiples alegacións que fixemos desde Galicia aos borradores dese decreto -quero recordar que ata 11 versións se fixeron grazas ás alegacións das comunidades- conseguimos que o decreto excepcione a aplicación do purín en prato invertido naqueles recintos ou superficies menores de 2 hectáreas ou naquelas cuxa pendente sexa superior ao 10%. Incluso tamén no conxunto dos recintos dunha explotación sempre e cando a media da pendente dos recintos que teña supere ese número que acabo de indicar.

Encargamos un traballo técnico e científico para tratar de conseguir que se nos autorice quitar o xurro co prato invertido

Aínda así, encargamos un traballo técnico e científico para tratar de conseguir que se nos autorice quitar o xurro co prato invertido. Teño que recordar que, se ben é certo que o estamos facendo e esperamos telo en pouco tempo, tamén é verdade que o propio decreto di que esa proposta haberá que transmitila e que a última palabra sobre iso será do Ministerio de Transición Ecolóxica. Confiemos en que o traballo científico acredite que si é convinte autorizalo e confiemos en que o Ministerio permita implantalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información