A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Nas árbores resinadas en Galicia, non apreciamos diferenza en densidade e volume de madeira aserrada”

Falamos co director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, sobre o resinado de piñeiros en Galicia, unha actividade incipiente que presenta perspectivas de interese

“Nas árbores resinadas en Galicia, non apreciamos diferenza en densidade e volume de madeira aserrada”

Enrique Martínez Chamorro, director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán.

Desde que o resinado comezou a retomarse en Galicia, hai arredor de 7 – 8 anos, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán emprendeu liñas de traballo para adaptar as técnicas de extracción ás características forestais galegas. Falamos co director do Centro, Enrique Martínez Chamorro, sobre as innovacións que se están a producir, así como sobre as perspectivas da actividade. O CIF colabora actualmente co grupo operativo Acrema na optimización das técnicas de resinado.

– Explíquenos as accións sobre resina que está a desenvolver o CIF Lourizán no marco do grupo operativo Acrema.
– Xunto aos demais membros do grupo, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán está por unha banda, optimizando o método convencional de pica de cortiza e comparando este método de extracción de resina tradicional con outros máis innovadores de extracción, mecanizados en envase pechado. Con estas innovacións, búscase optimizar a cantidade e a calidade dos produtos obtidos, minimizando así os impactos na calidade da madeira e mellorando a sanidade das masas tralos aproveitamentos, ao non facer feridas abertas.

– Cando comezou a recuperación do resinado de piñeiros en Galicia, ao redor de 2015, o CIF de Lourizán enfocou as súas liñas de investigación para adaptar o método de extracción de pica sobre cortiza ás condicións da comunidade, aínda que as perspectivas de cara ao futuro oriéntanse a métodos mecanizados e/ou recollida en bolsa (o método de entalladura circular e o Borehole). Que conclusións se poden adiantar sobre estes novos métodos en Galicia?
– Aínda que é pronto para dar resultados globais, si se pode concluír que os métodos mecanizados -como o de Pica Circular Mecanizada- son máis rápidos, porque os rendementos melloran e os esforzos diminúen; a resina que se obtén é máis pura, sen auga nin outros residuos (cortiza, acículas etc.), ao “cultivarse” en bolsas pechadas. Ao mesmo tempo, falta avanzar no tratamento que dá a industria á resina cultivada en bolsas (residuo da bolsa), e que se cuantifique economicamente o valor engadido que ten esta resina pura.

– Unha das vantaxes que se apunta que achegarían estes métodos de extracción é unha maior calidade da resina. Explíquenos esa mellora.
– A parte do indicado, estes métodos permiten aumentar a fracción volátil (trementina), con alto valor engadido, e ademais ofrecen a posibilidade de aplicar estimulantes con menos contido en ácido sulfúrico, ou mesmo, como xa se probou desde o CIF, estimulantes a base de ácidos orgánicos, obtendo unha miera (resina) válida para calquera aplicación en humanos (terapéutica, farmacolóxica etc.).

– Como sería o sistema de traballo ao longo dunha campaña con estes métodos e que produtividades se poderían obter?
– Sería similar ao tradicional en periodicidade, pero os procesos de extracción e recolección lévanse a cabo nun curto período de tempo, ao tratarse dun método mecanizado, é tecnicamente máis fácil e con menos esforzo físico para o resineiro.

metodos de resinado en Galicia

Hai diferenzas internas dentro de Galicia en canto a produtividade? Podería dicirse que o sur da comunidade, con maior insolación, e en especial a provincia de Ourense, cun clima mediterráneo, teñen maiores produtividades?
– Ao final do Proxecto Acrema compararemos datos de Asturias e da zona norte e centro de Galicia, aínda que si pensamos que é un factor importante o efecto das temperaturas acumuladas os días anteriores e posteriores á apertura da pica.

– Para mellorar a resinación, no CIF de Lourizán desenvolvestes unha pasta estimulante elaborada en base de ácido salicílico, que demostrou a súa eficacia en comparación con pastas máis agresivas, como as que inclúen acedo sulfúrico ou ethrel. Fálanos desta liña de traballo.
– No grupo operativo Acrema está a dar moi bos resultados. Na actualidade no CIF de Lourizán xa estamos a traballar noutra con menos proporción de ácido sulfúrico que se adaptaría mellor a unha incisión pechada como é a Pica circular mecanizada.

– En canto ao resinado, unha das dúbidas que se mantén no sector forestal é sobre un posible impacto do resinado na madeira. O CIF de Lourizán, en colaboración con Finsa, fixéstedes hai uns anos unha comprobación coa curta de 35 pés resinados en Caldas de Reis. Cales foron as conclusións?
– Nas probas de aserrado non se apreciaron diferenzas sobre a porcentaxe en volume con respecto ao total da rolla. Respecto á densidade da madeira non se apreciaron diferenzas entre as trozas de árbores testemuña e as de árbores resinados cunha e dúas caras opostas. De maneira xeral, a zona de madeira afectada pola resinación está presente na primeira táboa nunha lonxitude de entre 40 a 60 cm (táboas de 27 mm de espesor). Tampouco a velocidade da serra se viu alterada nas árbores resinadas.

– É aconsellable só unha resinación a final de quenda, nos 3-5 anos previos á curta, ou vedes posible outras opcións?
– Agora mesmo paréceme a mellor opción, máis aínda cando a madeira en Galicia é o produto principal e aumentou o seu valor (prezo). Se se resinara a máis anos, podería depreciarse o valor da madeira como sucede noutras zonas de España.

– Outra cuestión sobre a que hai incerteza é a vinculación entre resinado e sanidade forestal. En Galicia polo momento non se permite a resinación en zonas afectadas polo nematodo do piñeiro. Como ve esa situación?
– Creo que cos novos métodos de Pica circular mecanizada pode reformularse esta restrición. No caso do método tradicional, prodúcese unha ferida que pode ser un posible foco de entrada de pragas ou enfermidades, pero ao estar esta ferida constantemente selada, esa posibilidade, ao meu xuízo, diminúe considerablemente.

– Vostede sempre foi optimista sobre a potencialidade do resinado na comunidade, pero é un aproveitamento que en Galicia, a diferenza de Castela e León, non acaba de despegar. Que falta para que a actividade resineira aumente na comunidade?
-Claro que en Galicia non existía tradición como noutras zonas de España, pero hoxe en día iso está a empezar a cambiar e existen particulares e comunidades de montes cada vez máis implicadas. Só falta que a industria se asente na nosa comunidade, para así poder realizar todo o proceso en Galicia.

Logo Acrema 660

Logos asociados grupo Acrema

Proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020, cun importe de 561.719,17 euros, financiado con fondos FEADER nun 80% e AGE nun 20%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información