Nairoa, viños que prestixian a uva treixadura

A adega do Ribeiro destaca polos seus plurivarietais de uvas autóctonas cunha base principal de treixadura, ‘Alberte’ e ‘Val de Nairoa’

Publicidade
Nairoa, viños que prestixian a uva treixadura

Adega Nairoa, durante a vendima.

A adega Nairoa, ubicada no val do río Arnoia, é unha das adegas do Ribeiro que está a facer bandeira da treixadura, a variedade raíña da denominación de orixe. A sociedade ten no mercado catro plurivarietais coa treixadura como referencia e lanzará no 2018 un monovarietal de esta uva. “É unha variedade que imprime distinción e elegancia nos viños” -valora o director de Nairoa, Guillermo Díez-. “Agora comeza a ser recoñecida no mundo vitivinícola e pouco a pouco, no Ribeiro estamos poñendo á treixadura no lugar que se merece”.

A principal aposta da adega no mercado céntrase en ‘Alberte’, un viño que combina un 85% de treixadura cun 10% de albariño e un 5% de lado, unha uva autóctona propia da comarca de Arnoia, na que se ubica a adega. “Cada uva ten unhas características determinadas, a lado é unha uva que lle aporta frescura ó viño, en tanto a albariño suma sobre todo compoñentes aromáticos”, destaca Guillermo Díez. “Coa ensamblaxe das tres variedades, logramos o viño que buscamos, que gaña en complexidade e interese”.

alberte vertical

De ‘Alberte’, a adega saca ó mercado cada ano arredor de 60.000 botellas, do total de case 200.000 que elabora anualmente. “É un viño que está interesando en mercados internacionais, como Reino Unido, México, Estados Unidos ou Suecia, entre outros. Temos capacidade de crecemento, pero máis que a cantidade, interésanos coidar da calidade”, subliña o director da adega.

Nairoa traballa principalmente con pequenos viticultores do Ribeiro, que manteñen unha relación estable de colaboración coa adega, en viñedos controlados nos que se prima a calidade da uva. A adega decántase polas variedades autóctonas, que utiliza en exclusiva nas súas dúas principais marcas, a citada Alberte e Val de Nairoa, un plurivarietal de treixadura, albariño, loureira e lado cun proceso de elaboración que inclúe un conxelado pelicular da uva.

O proceso de conxelación, que a adega traballa en exclusiva, consiste no paso da uva por un túnel de conxelación antes da súa transformación. “Con este sistema conseguimos rachar a estrutura da pel e que haxa un maior aporte de aromas e taninos ó viño. É un viño moi do gusto do público que busca algo distinto. As persoas que o proban normalmente comentan que lles lembra a un viño criado sobre lías, que é unha opinión que comparto, ou incluso relacionan este viño cun envellecemento en barrica, cando non ten ningún destes procesos”, explica Guillermo Díez.

En ‘Val de Nairoa’, a adega aplica un proceso de conxelación pelicular na uva para obter máis aromas e taninos

Galardóns
As características de Val de Nairoa fixérono merecedor de 90 puntos na prestixiosa guía internacional de Robert Parker. Os galardóns que recibiu a adega nos últimos anos sucédense, se ben dun dos que máis orgullosos se amosan é do primeiro premio da Cata Popular da Festa do Viño do Ribeiro 2017. “É unha cata a cegas na que os consumidores proban os distintos viños e elixen o que máis lles gusta. Os premios que nos dá un xurado especializado teñen a súa importancia, pero este premio, que presenta a singularidade de que o outorgan os consumidores, fíxonos unha ilusión especial”, recoñece Guillermo Díez.

A oferta de brancos da adega complétase con dous viños de gama media, Val de Couso e Nairoa, nos que se combina unha base de treixadura cunha porcentaxe de variedades autorizadas no Ribeiro, como o torrontés. “En determinados mercados son os viños que máis interesan. Atopámonos por exemplo que en Xapón, o Nairoa é o viño que máis funciona”, contan na adega.

‘Alberte’ alzouse co primeiro premio da Cata Popular da Feira do Viño do Ribeiro

A principal cota de mercado da adega sitúase en Galicia, con arredor do 60% das vendas, en tanto no resto de España venden un 25% dos seus viños e a nivel internacional un 15%. De cara ó mercado español, en Nairoa destacan o prestixio que acadaron os viños brancos galegos, un recoñecemento no que contribúen tanto os selos das denominacións de orixe galegas como, no caso de Nairoa, o distintivo de Galicia Calidade, xa recoñecido e valorado polo consumidor.

Proxectos
A adega está a traballar no lanzamento de novos viños ó mercado. Un dos máis inmediatos será o monovarietal de treixadura, que estará previsiblemente á venda o próximo abril. “O mercado erroneamente pide viños de añadas novas con demasiada premura, pero nós pensamos que o intre ideal para sacar os viños do Ribeiro non é antes de marzo-abril – sinala Guillermo Díez-. De feito, un dos nosos viños, o Val de Nairoa, é incluso un viño de segundo ano, non un viño xove”, remarca.

Outra das apostas de Nairoa é un branco sobre lías, que leva evaluando un par de anos e que embotellará baixo a marca Alberte. Se ben a adega aposta claramente polos viños brancos, comercializa tamén un tinto plurivarietal, ‘Terra Longa’ e completará a súa oferta de tintos co lanzamento no 2018 dun tinto ‘Alberte’, que estará elaborado cun coupage de mencía e brancellao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información