“Na Ribeira Sacra hai que apoiar o relevo xeneracional, porque en 10 anos a metade das viñas poden quedar abandonadas”

Falamos con Antonio Díaz Anglada, socio de Adegas Salvadur (A Pobra do Brollón), sobre o seu viño Acivro, a situación da viticultura na Ribeira Sacra e da DO.

Publicidade


Falamos con Antonio Díaz Anglada, socio de Adegas Salvadur (A Pobra do Brollón), sobre o seu viño Acivro, a situación da viticultura na Ribeira Sacra e da DO.

Cando xurdiu este proxecto?
No 2016 nos xuntamos un grupo de amigos e me dixeron “xa que che gusta tanto o tema do viño e vivir na aldea, porque non montamos unha pequena adega e sacamos un viño ao mercado?”, e así xurdiu o tema este.

Que axudas e dificultades estades atopando?
Solicitamos moi poucas axudas… A maior axuda foi que a miña familia xa tiña viñas e agora traballo as súas terras.

O principal problema aquí é a man de obra, non hai ninguén que che veña.
Entón fago eu todo o traballo de campo, de adega… Teño axuda dun enólogo, claro está. Pero incluso nunha pequena adega como esta, para facelo un só, é moito traballo. Despois as pendentes da zona tamén dificultan o traballo, hai que facelo todo manual, non se pode meter maquinaria.

Eu son antisubvencións, pero como os Administracións non axuden un pouquiño a manter a paisaxe… Cando se acabe esta xeración nuns 10 anos, aquí queda case todo abandoado, porque están pagando moi pouquiño o viño e as uvas…

vilachaVinhas3

Vista aérea das viñas de Vilachá (A Pobra do Brollón)

Como ves a situación da DO Ribeira Sacra?
Non estamos moi contentos, non che facilitan nada, é un organismo sancionador, en vez de axudar sancionan… Non se entende moi ben como estas novas viñas que plantei non as aceptan na DO porque din que aquí nunca houbo viñas, pero como poden saber iso? Despois ves pola zona da serra de Quiroga que aceptaron moitas viñas e non se entende por que esas si e estas non … Sobre todo nunha pequena aldea coma esta que está practicamente abandoada. Esa é un pouco a queixa.

Non se entende moi ben como estas novas viñas que plantei non as aceptan na DO

Que variedades de uvas tedes plantadas e que superficie ocupa cada unha?
Abaixo como vinte parcelas moi pequenas, que van todas en terraza con pendentes de ata o 80%, e aí temos variedades de todo tipo… A maioría é mencía pero podes atopar sousón, caíño tinto, merenzao, treixadura, garnacha tintorera… Teño unha variedade nunha viña que leva replantada sobre 130 anos e que non está admitida no Consello Regulador, que se chama mandó. Logo plantei unha nova viña aquí arriba no 2022 que é a que non me aceptan na DO onde plantei godello e un pouquiño de blanco lexítimo, é a única sen terrazas. Fíxeno porque plantar godello alí abaixo non me parece axeitado porque é unha variedade bastante sensible, entón venlle ben estar aquí a máis altura, e así o viño está máis fresco.

Que viños elaborades e que destacarías deles?
Ata agora branco nada, pero pronto teremos branco. Facemos tinto xove e tinto barrica, e tinto de parcela. Os viños de aquí de mencía, como é terra con bastante pizarra, son viños potentes, todo o contrario do que se adoita dicir dos viños mencía galegos, viños con pouca capa e moita acidez… Pois estes ao revés, bastante capa e pouca acidez.

Temos viños de parcela, escollemos a parcela máis axeitada para o viño en barrica… Non facemos moito viño, na colleita 2023 que é a que vai sair agora, fixemos 200 e pico botellas de barrica… E facemos un que lle chamemos “Acivro do monxe” que fixemos 600 e pico botellas, e do xove, arredor de 6000-7000 botellas, dependendo do ano. E agora en breve empezaremos co tema do branco.

Cantas hectáreas xestionades e como é o manexo?
Esta nova viña ten 17.000 metros cadrados… abaixo teremos cerca de 2 hectáreas… Non chegamos ás 4 hectáreas. E o manexo, exceptuando estas que podemos meter o tractor para desbrozar e as ovellas que andan por aí que tamén desbrozan e abonan un pouquiño, o resto é manual, desbroce a man… Son todas da nosa propiedade exceptuando unha que é dun señor que se fixo maior e que nos cedeu a finca. Este ano nos propuxeran catro ou cinco fincas máis pero dixen que non porque estou só e non dou feito. Por iso digo que van quedar abandoadas.

Como foi a colleita deste ano?
Impecable, tanto de calidade como cantidade. Cantidade nunca collemos moitas porque non as miñas cepas non dan moita cantidade porque non lles deixo, e porque as estreso un pouquiño… Como non usamos herbicidas e desbrozamos ao final danche menos.

vinhasVilachaOvellas

Ovellas nas novas viñas plantadas por Antonio Anglada.

Como é o proceso de comercialización?
Ata agora encargábame eu e os meus socios… Agora estou intentando desligarme deste proceso porque non dou a basto. Vendemos bastante pola zona da Coruña, Lugo… Vamos directamente nós aos restaurantes, pero agora estamos vendo o tema dun distribuidor porque non damos feito. Algo tamén o absorve a empresa dos meus socios.

Que análise fas da situación da DO Ribeira Sacra e por onde podería ir a solución?
A solución é complicada, porque esta é unha zona que da moito traballo, sempre digo que a pillaran os franceses ou os italianos sería moito mellor, pero como a temos os galegos non a valoramos como debería ser valorada. A solución pasa por facer viños de moi boa calidade reducindo as producións, e unha pequena axuda das Administracións, porque senón no vai ser viable. Estamos nunha zona está despoboándose e cultivar viño é moi costoso, entón, se queremos manter a paisaxe e fixar poboación hai que axudar un pouco. O criterio que teñen á hora de aceptar ou non as viñas dentro da DO tampouco se entende, polo que comentaba antes de que esta nova viña non a aceptan dentro da DO e vemos outras zonas que si aceptaron… Non se entende, non hai criterio. Ademais, non permiten que elabores viño fóra da DO entón como non aceptaron esta finca vamos a ter que saír da DO, ainda que o demais viño que elaboro sí que estaba na DO ata agora.

Que opinión vos merecen as medidas de apoio á DO por parte da Xunta?
Empezaron agora coa pequena axuda ao mantemento da paisaxe, creo que pagan 2000€ por hectárea sen ten terrazas e 1000€ se non ten terrazas… Pero é inxusto que só sexa para os que están dentro da DO, se a axuda é para manter a paisaxe tería que ser para todos os viticultores, non só os da DO, porque todos mantemos a paisaxe.

“Se a axuda é para manter a paisaxe tería que ser para todos os viticultores, non só os da DO”

A nivel enfermidades como está situación?
Non son un experto pero a verdade é que non me secan moitas ceptas nen teño moitos problemas, pero si que é certo que case todos os anos temos ataques de mildeu e oidio… Contaban os meus pais que antes do embalse non era preciso dar tanto sulfato nin tratamentos como agora, xa que cos embalses aumentou a humidade e a néboa na zona, o que non favorece para nada á viña. Tampouco damos moito tratamento, con cinco mans de sulfato ou tratamento por ano chega, noutras zonas usan moitas máis.

A nivel tecnoloxía e dixitalización cal é a túa perspectiva?
Nesa área non estou moi actualizado e teño axuda dos meus socios e compañeira, pero eu sigo facéndoo todo no meu caderno a man, apuntando o que fago na viña, o meu caderno de campo non é Dixital. O único que temos é unha páxina web, eu non levo nada ben o tema das tecnoloxías.

Como é a relación coa fauna?
Pois temos que ter todo cerrado porque senón o xabarín destroza todo. Tes que gastar diñeiro e pechar con mallas, por o pastor, cousiñas así. Aquí hai bastante xabarín, e cruzan o río con moita facilidade polo que é moito máis difícil cazalos. Ademais, esta zona é reserva e en teoría está prohibido cazalos.

“Temos que ter todo cerrado porque senón o xabarín destroza todo”

Cal é a túa perspectiva de futuro co proxecto?
Respecto á adega estou contento pero xa teño 57 anos e conto con estar uns aniños máis ao frente deste proxecto, pero espero que nos axuden un pouco e miren un pouco pola zona, que a promocionen un pouco máis, ainda que ultimamente a están promocionando bastante. A min o que me motiva non son os premios, é que a xente veña aquí á zona, vexa as viñas, vexa as adegas, e que probe o viño e diga “está moi bo”.

vinhasVilacha4

Vista aérea das viñas de Vilachá (A Pobra do Brollón)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información