Na procura dunha etiqueta de eficiencia para as granxas de leite europeas

Expertos de Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal avanzaron esta semana en Lugo nun mecanismo para clasificar as explotacións leiteiras en función do seu grao de sostibilidade económica, social e ambiental

Algúns dos expertos europeos reunidos esta semana en Galicia

Algúns dos expertos europeos reunidos esta semana en Galicia

A palabra eficiencia está relacionada coa utilización da enerxía en ámbitos diversos. Intimamente ligada coa protección do medio ambiente, pero tamén coa rendabilidade económica, é un concepto comunmente empregado en numerosos sectores e bens de consumo habituais. Aplicado á produción láctea, é un dos aspectos a ter en conta para a viabilidade de moitas explotacións nos vindeiros anos.

Por iso, a mellora da eficiencia produtiva é o obxectivo central dun proxecto europeo que, baixo o nome Dairy for future, busca establecer unha folla de ruta para avanzar nunha produción láctea sustentable desde o punto de vista económico, social e ambiental.

Trátase dun proxecto conxunto no que participan 10 rexións pertencentes a 5 países distintos da UE que comparten a fachada atlántica de Europa e que está a servir para poñer en contacto a investigadores e gandeiros galegos con homólogos seus doutras zonas produtoras.

O proxecto europeo Dairy for future busca establecer un etiquetado específico do leite que procede de granxas con prácticas eficientes dende o punto de vista tanto económico e produtivo como medioambiental

O obxectivo final desta iniciativa, na que colaboran entidades científicas e explotacións de Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e España (de País Vasco e Galicia) será chegar a establecer un etiquetado que tanto en granxas como en produtos identifique aquelas prácticas máis eficientes desde o punto de vista da utilización de recursos e a preservación do medio ambiente.

O proxecto está coordinado polo Institut de l´Élevage (IDELE) de Francia. Galicia participa a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A nosa comunidade foi a anfitriona esta semana dunha das reunións periódicas que manteñen os distintos membros. Durante dúas sesións, celebradas o mércores e o xoves, os integrantes das delegacións dos distintos países analizaron en Lugo a situación do sector lácteo nas súas respectivas rexións, poñendo en común tanto aspectos compartidos e problemáticas comúns ás que se enfrontan as gandeirías dos distintos países como aquelas características específicas e diferenzas existentes na produción de leite das distintas rexións.

O obxectivo final é lograr un método que permita reducir un 10% os custos de produción e un 20% a pegada de carbono das gandeirías

O máximo responsable de Dairy for future a nivel europeo é André Legall, do IDELE, quen explicou que o obxectivo final do proxecto é acadar un método efectivo para que as explotacións do eixo atlántico europeo poidan mellorar a súa eficiencia produtiva nun 10%, mediante unha redución dos custos de produción e a implementación de sistemas innovadores de produción, e reduzan ao mesmo tempo nun 20% a súa pegada de carbono.

Mellor aproveitamento dos recursos = menos contaminación

O proxecto está coordinado en Galicia por César Resch Zafra, investigador da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, quen aclara que esa etiqueta de eficiencia das explotacións leiteiras sería un mecanismo sinxelo semellante a etiqueta de eficiencia que aparece actualmente nos electrodomésticos ou a clasificación das vivendas en función do seu certificado de eficiencia enerxética, de maneira que, do mesmo xeito, as explotacións da categoría A terían, por exemplo, unha alta viabilidade económica, social e medioambiental.

“Trátase de simplificar a categorización das granxas segundo o seu funcionamento e maneira de traballar á marxe da calidade do leite, aínda que é un aspecto que tamén vai relacionado”, aclara. Este indicador do grado de eficiencia tamén sería unha ferramenta útil para as industrias.

Todo o que é contaminación non se usa no ciclo produtivo, polo tanto, se reducimos a contaminación estamos aproveitando máis os recursos e sendo máis eficientes na produción

Para clasificar as gandeirías segundo este criterio analizaríase a utilización de recursos que fan a través da cuantificación das emisións de CO2 que, xunto cunha análise económica, derivaría nunha tipificación de explotacións en función da súa eficiencia.

“Medimos todo o que entra (forraxes, concentrado, nitróxeno en forma de abono) e todo o que sae (produción e calidade de leite) para medir e cuantificar o conxunto do sistema produtivo dunha granxa”, explica César, quen explica que contaminación e eficiencia produtiva están relacionados: “todo o que é contaminación non se usa no ciclo produtivo, polo tanto, se reducimos a contaminación estamos aproveitando máis os recursos e sendo máis eficientes”, di.

Análise comparativa dos distintos sistemas de alimentación do gando

A británica Martina Dorigo durante unha das sesións de traballo

A británica Martina Dorigo durante unha das sesións de traballo

Unha das vertentes do proxecto é a análise comparativa da eficiencia produtiva e medioambiental dos distintos sistemas de alimentación empregados con máis frecuencia na produción de leite. Este ensaio, que se desenvolveu nos últimos dous anos na granxa do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), mediu distintos parámetros de cinco sistemas de alimentación de vacas de leite.

Analizáronse 60 vacas divididas en 5 grupos de 6 vacas cada un durante dous anos. Cada grupo responde a un tratamento diferente que se ensaia durante 305 días. Os distintos sistemas de alimentación diferéncianse na forraxe e no aporte proteico do concentrado (1.500 quilos de concentrado por vaca e lactación).

Os grupos serían:

  1. vacas confinadas alimentadas con silo de millo e silo de raigrás italiano + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  2. vacas confinadas alimentadas con silo de millo e unha leguminosa que rota co silo de millo + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  3. vacas confinadas alimentadas con sorgo e unha leguminosa en rotación  + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  4. vacas en pastoreo 200 días e 100 días confinadas alimentadas con silo de raigrás híbrido os días que non saen ao pasto + 1.500 quilos de concentrado a base de pulpa de remolacha e cebada
  5. vacas en pastoreo  200 días e 100 días confinadas alimentadas con silo de trevo violeta os días que non saen ao pasto + 1.500 quilos de concentrado a base de pulpa de remolacha e cebada

Posteriormente foron asignados a cada cultivo unhas emisións de óxido nitroso e a cada vaca unha superficie concreta. “Os cinco sistemas son bastante equilibrados en canto a resultados de emisións por litro de leite porque os sistemas máis produtivos en litros, aínda que xeran máis emisións, producen máis leite”, explica César.

Os resultados concretos deste ensaio, que forman parte dunha tese de doutoramento, serán presentados este verán no Reino Unido, onde os días 1 e 2 de xullo terá lugar en Plymonth a Conferencia de Verán do proxecto Dairy for future.

Dez rexións que suman o 20% da produción europea

Visita dos integrantes de Dairy for future a Recría Castro

Visita dos integrantes de Dairy for future a Recría Castro

As rexións do arco atlántico europeo producen máis do 20% do leite da UE e nelas atópanse algunas das principais zonas produtoras, como a Bretaña francesa, primeira rexión produtora de leite da UE con 5,8 millóns de toneladas ou a rexión Sur-Leste de Irlanda, segunda con 5,5 millóns (Galicia sería a oitava rexión productora da UE con 2,7 millóns).

Todas elas comparten unha clara vocación para a produción láctea e incrementaron, en maior ou menor medida, a súa produción de leite trala desaparición das cotas lácteas no ano 2015. Con diferenzas en canto ao sistema de alimentación empregado, teñen sen embargo problemas e desafíos comúns, como son a falta de relevo xeracional, que afecta en boa medida a todas as rexións, ou o incremento das esixencias medioambientais no conxunto da UE, no só como consecuencia dos novos criterios da PAC post 2020 e das limitacións impostas á contaminación por nitratos ou fosfatos, senón tamén polo incremento da demanda social da poboación neste eido.

A Bretaña, a zona do Loira ou Normandía en Francia, a rexión Sur-Leste de Irlanda, Galicia ou as Azores son rexións cunha clara vocación para a produción de leite dentro da UE

Por iso, dentro da análise para a clasificación das distintas explotacións polo seu índice de eficiencia téñense en conta datos económicos e produtivos pero tamén aspectos de carácter social e ambiental, como por exemplo a porcentaxe de insumos que se consomen de produción local ou o seu aporte na conservación e mellora da paisaxe.

“Medimos a biodiversidade das explotacións, porque o impacto dunha gandeiría non ten por que ser negativo. As granxas poden aportar á biodiversidade e cuantificamos en base a distintos parámetros, que cantidade de biodiversidade aporta cada unha, porque non aporta o mesmo unha explotación con 50 hectáreas concentradas en parcelas grandes e adicadas a monocultivo de millo que unha con parcelas máis pequenas adicadas a pradeiras que manteña os peches de pedra ou os peches vexetais de separación ou con arborado e arbustos nas extremas”, razoa César Resch.

Intercambio e visitas a explotacións en distintos países

Os expertos procedentes de distintos países coñecendo o proxecto de Arqueixal

Os expertos europeos coñecendo o proxecto de Arqueixal

Dairy for future conta cunha rede de 100 granxas piloto colaboradoras distribuídas polas dez rexións que participan no proxecto e dez destas explotacións están en Galicia (son Granxa O Cancelo, Casa Codesal, SAT Margá, Gandaría Ventura, Gandeiría A Cernada, Gandaría Patalarga, Gandaría Boga, Gandaría Sebastián, SAT Sampérez e Ganaderia Colorado SC).

Algunha destas explotacións, como é Gandeiría A Cernada, de Friol, ou o proxecto de Arqueixal, en Palas de Rei, formaron parte do programa de visitas durante a última xornada da estancia dos distintos expertos europeos esta semana en Galicia, na que tamén coñeceron de primeira man o funcionamento do Centro de Recría impulsado pola Deputación de Lugo na Granxa Gayoso Castro, en Castro Riberas de Lea.

Este é precisamente un dos obxectivos fundamentais do proxecto Dairy for future, fomentar o intercambio de coñecementos e a colaboración entre técnicos e gandeiros das distintas rexións. Contémplanse, por exemplo, unha serie de programas de intercambio e visitas a explotacións para coñecer a maneira de producir leite nas distintas rexións, nas que participan tanto  produtores como investigadores dos distintos países. Un grupo de técnicos e gandeiros de vacún de leite de Irlanda visitaron varias explotacións galegas en setembro de 2018 dentro deste programa.

Finalización en 2021

O proxecto Dairy for future foi aprobado polo comité de seguimento de Proxectos Interreg da convocatoria Interrreg da Rexión Atlántica e ten catro anos de duración (comezou en xaneiro de 2018 e extenderase até 2021). Financiado polo Arco Atlántico, conta cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros e nel participan, xunto ao CIAM e Ingacal, prestixiosos centros de investigación, entidades de asesoramento e universidades doutras nove rexións da fachada atlántica europea que abranguen dende Escocia ate as Illas Azores.

Os centros galegos (Agacal e CIAM) participan neste proxecto interrexional en colaboración con outros moitos centros como o Institut de l´Elevage (Bretaña), INRA (Francia), Teagasc (República de Irlanda); College of Agriculture, Food and Rural Enterprise (Irlanda do Norte), AFBI Hillsborough (Irlanda do Norte), Scotland’s Rural College (Escocia), Agriculture and Horticulture Development Board (Reino Unido), NEIKER (País Vasco), UTAD, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Norte de Portugal) e o Instituto Superior de Agronomia – Universidade de Lisboa (Lisboa, Val do Teixo e Rexión de Azores).

O proxecto contou co apoio de, entre outros, Lactalis no Reino Unido, os procesadores Glanbia e Carbery en Irlanda, a cooperativa Sodiaal en Francia, a cooperativa vasca Iparlat e a portuguesa Agros. Por parte galega as entidades colaboradoras son CAP Coruña, LIGAL, CLUN e AGACA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información