“Na nova PAC imos dar prioridade ao modelo de gandaría familiar de Galicia e a Cornixa Cantábrica”

Entrevista a Luís Planas Puchades, ministro de Agricultura , Pesca e Alimentación do Goberno de España

“Na nova PAC imos dar prioridade ao modelo de gandaría familiar de Galicia e a Cornixa Cantábrica”

Luís Planas Puchades, ministro de Agricultura , Pesca e Alimentación

Luís Planas Puchades é ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España desde xuño de 2018. Desde entón afrontou importantes retos como as protestas de agricultores e gandeiros en demanda de prezos xustos, o impacto da crise do coronavirus Covid19 no sector primario ou as negociacións para a próxima PAC.

Falamos con el sobre estes e outros temas de actualidade como os cambios normativos na xestión dos xurros e estiércoles.

P.- Nestes momentos a moitos gandeiros, sobre todo de vacún de leite e de carne, preocúpalles a prohibición por parte do Ministerio de esparcir o xurro mediante sistema de abano ou prato, como se viña facendo até agora. Cales son os plans do Ministerio a este respecto? Seguirán as Comunidades Autónomas tendo marxe para establecer excepcións, como se fixo durante os dous últimos anos?
De acordo cos compromisos internacionais, España debe reducir de forma substancial as súas emisións de amoníaco, procedentes na súa maioría das actividades agrícolas. O noso país vén superando en máis dun 25 % de media o límite de emisións deste gas desde 2010, tendencia que é necesario reverter para cumprir coa directiva comunitaria de Teitos Nacionais de Emisión.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación traballa actualmente na elaboración dun proxecto de real decreto sobre nutrición sustentable dos solos agrarios, co obxectivo de mellorar a súa fertilización, á vez que se minimizan os impactos ambientais, optimizando o uso dos insumos.

Entre os obxectivos deste real decreto atópase a redución de emisións de gases contaminantes, en especial amoníaco (NH3), que afecta tanto ao medio ambiente como á saúde das persoas. A aplicación dos xurros de forma localizada é unha das técnicas que máis contribúe a reducir as emisións de amoníaco, un gas contaminante, cuxas emisións debemos reducir.

O ministerio estudará as alegacións recibidas durante o trámite de audiencia deste proxecto de novo real decreto, e aceptaranse aquelas que se consideren convenientes, atendendo ás razóns científico-técnicas e os informes achegados. Neste proceso, terase en conta tanto o elevado nivel de compromiso coa redución de emisións como a diversidade de producións e sistemas agro-gandeiros españois.

“A recollida de xurros para tratalos en común é unha solución para reducir as emisións contaminantes”

En todo caso, os mecanismos de flexibilidade que se poidan establecer para acomodar o cumprimento por parte de determinados subsectores agrarios, non poderá ir en detrimento das obrigas adquiridas por España en materia de loita contra o cambio climático e de protección do medio ambiente.

Sen dúbida, a mellora das prácticas de fertilización reverterá nunha utilización máis eficiente dos nutrientes para o cultivo, o que diminuirá os custos económicos para o agricultor e aumentará a sustentabilidade da súa explotación.

Quixera lembrar que desde a entrada en vigor do Real Decreto 1078/2014, en España é obrigatorio aplicar de forma localizada ou enterrada os xurros para poder cobrar as axudas da PAC; é dicir, non poden utilizarse sistema de prato, abano ou canóns, aínda que se permitían algunhas excepcións a aplicar polas CCAA en zonas de orografías complicadas.

Porén, son consciente de que hai que dar unha solución ambiental axeitada á aplicación dos xurros e que é un asunto que preocupa aos gandeiros.

O ministerio traballa para dar a mellor resposta a este asunto e contribuirá a atopar solucións a través de proxectos de colaboración, como, por exemplo, a recollida de esterco para tratalo en común e, así, cumprir cos compromisos ambientais, que son ineludibles.

P.- Que medidas contemplará o Plan Renove 2021 para apoiar a compra de maquinaria para aplicación de xurros conforme á nova normativa?
Un dos obxectivos da renovación da normativa que regula as subvencións para a renovación do parque de maquinaria, cuxo proceso de consulta pública previa finalizou o pasado 16 de decembro, é o de reducir a contaminación dos solos, co apoio a técnicas e equipos máis respectuosos co medio ambiente, incluíndo equipos de agricultura de precisión e novas tecnoloxías. 

Quixera lembrar que as axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola en 2018 ían destinadas en exclusiva a subvencionar tanto a substitución de cisternas antigas por novas como o cambio dos dispositivos de prato, abano ou canón por outros localizadores do xurro.

Con esta convocatoria buscábase axudar a agricultores e gandeiros a cumprir cos obxectivos do real decreto de 2017, que prohibe a aplicación de xurro nas superficies agrícolas mediante eses sistemas, que deberán ser substituídos por outros de reixas, mangueiras ou tubos flexibles, tubos ríxidos ou discos, que permiten localizar ou enterrar o xurro no chan, sen distribución por aspersión, todo iso para contribuír a reducir as emisións de amoníaco á atmosfera derivadas da aplicación de xurros e estercos na agricultura.

Tras catro anos de funcionamento do Plan Renove, búscase agora incluír outras máquinas dotadas das tecnoloxías máis novas que axuden a practicar unha agricultura máis sustentable. No caso da aplicación de xurros, estímase que a redución de emisións de NH3 (amoníaco) pode supor entre un 30 e un 80 por cento cando se localiza a aplicación de xurros (dependendo da técnica empregada).

P.- A crise provocada pola Covid-19 está a ter un impacto moi negativo nos gandeiros de vacún de carne. Que medidas de apoio teñen previsto pór en marcha desde o Ministerio? Pódenos avanzar se as peticións de axudas e outras extraordinarias que realizou España á Unión Europea van ser atendidas?
A evolución da pandemia da Covid-19 provocou unha caída das vendas de carne de vacún, sector especialmente afectado pola escasa demanda de pezas de alto valor engadido, como consecuencia do peche da canle Horeca.

No pasado mes de outubro, España presentou no Consello de Ministros da Unión Europea unha declaración, á que se sumaron Francia, Croacia, Hungría, Letonia, Irlanda e Polonia, na que se solicitaba á Comisión Europea medidas de mercado para este sector que vaian máis aló das axudas establecidas ao almacenamento privado.

P.- Ten previsto o Goberno pór en marcha medidas fiscais de apoio na Declaración da Renda 2021 para agricultores e gandeiros, especialmente nos sectores máis afectados polos efectos da Covid 19 nos mercados?
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, tal e como vén facendo nos últimos anos, remitirá no primeiro trimestre de 2021 ao Ministerio de Facenda unha proposta de redución de índices de rendemento neto no réxime de Estimación Obxectiva (ou de módulos) do IRPF das actividades agrícolas e gandeiras que se viron afectadas de maneira importante por circunstancias de carácter excepcional, que serán aplicables para o exercicio 2020.

“A nosa intención é que se reduza o IRPF para gandeiros e agricultores de sectores nos que houbo caída de vendas e prezos por mor da COVID 19”

Para iso, o ministerio apoiarase, fundamentalmente, na información achegada previamente polas comunidades autónomas, e complementará dita información coas estatísticas oficiais publicadas e outros datos dispoñibles no ministerio. A solicitude do informe ás comunidades autónomas realizouse o 18 de decembro de 2020.

Por outra banda, con obxecto de adaptar á realidade económica derivada da actual situación de emerxencia sanitaria, o Real Decreto-lei 35/2020, de 22 de decembro, de medidas urxentes de apoio ao sector turístico, a hostalaría e o comercio e en materia tributaria recolle no seu artigo 9 unha redución do 20 % do rendemento neto da actividade aplicable no sistema de módulos para 2020, o cal supón unha redución de 15 puntos extra sobre a situación actual.

Esta medida afecta á totalidade dos agricultores (uns 900.000) que declaran no réxime de módulos. Estímase que, só esta medida, supón unha redución da base impoñible duns 600 millóns de euros, superior, por tanto, ao impacto medio nos últimos anos das reducións anuais de módulos para ter en conta situacións excepcionais.

O ministro visitando unha gandería de vacún de leite en Silleda

O ministro visitando unha gandería de vacún de leite en Silleda

P.- O seu departamento prorrogou até 2023 a etiquetaxe obrigatoria do país de orixe do leite e demais produtos lácteos. Como valoran a súa aplicación até agora?
No ministerio somos conscientes de que existen novas demandas dos consumidores, que queren poder elixir os produtos que mellor se adapten ás súas necesidades nutricionais, así como coñecer con claridade a orixe dos alimentos que consomen.

 “Na etiquetaxe obrigatoria do leite ou do mel é necesaria unha armonización a nivel da Unión Europea”

Algúns Estados membros xa puxemos en marcha distintas iniciativas lexislativas nacionais en materia de etiquetaxe. En concreto, en España xa aprobamos normas para esixir na etiquetaxe a indicación da orixe do produto no leite, como produto e como ingrediente dos produtos lácteos, e do mel.

No entanto, consideramos necesario garantir o mercado único europeo e non crear barreiras á hora de comercializar os alimentos na UE, polo que resulta conveniente unha armonización comunitaria. Unha vez aprobada a armonización a nivel da UE, a normativa nacional, que actualmente se renova cada dous anos, non necesitaría ser renovada.

P.- Cales son as principais medidas ou iniciativas para o sector lácteo español que o Ministerio ten previsto pór en marcha ao longo desta lexislatura?
Avanzar na organización do sector lácteo e optimizar os recursos son aspectos fundamentais para mellorar a súa rendibilidade. Sen dúbida, o aumento da dimensión das explotacións, que se está producindo, facilitará economías de escala que suporán melloras de rendibilidade.

Doutra banda, tamén é importante apostar pola calidade e a diversificación, cun desenvolvemento de produtos derivados do leite que tamén sirvan para impulsar o resultado das explotacións.

“Estamos a tramitar unha segunda modificación da Lei de Cadea Alimentaria que dificultará aínda máis as prácticas comerciais desleais”

Coa primeira modificación da lei da cadea sentamos as bases para que se manteña o valor ao longo dos seus elos, ao esixir prezos de compra por riba dos de custo e prohibir actividades que supoñan unha diminución na imaxe ou os atributos dos alimentos. Agora tramítase unha segunda modificación que dificultará aínda máis as prácticas comerciais desleais.

Así mesmo, o sector debe ser consciente de que conta con instrumentos, moitos deles impulsados e apoiados pola PAC, que debe utilizar para mellorar a súa posición nos mercados.

P.- Para unha gandaría de vacún de leite da Cornixa Cantábrica ou de Galicia, Cales serán os principais cambios nos que notará a nova PAC?
A PAC 2021-2027 vai ser unha gran oportunidade para todos os agricultores e gandeiros porque ten un orzamento suficiente e abre as portas a unha transformación que permitirá a España consolidar as súas posicións de liderado agroalimentario.

Todos temos que ser os suficientemente perspicaces como para captar esas oportunidades e poder aproveitalas desde o primeiro momento.

No ministerio queremos que sexa así e por iso estamos a sentar as bases para que o plan estratéxico nacional que ha de rexer a aplicación da PAC contemple todas as especificidades rexionais.

 “Na nova PAC imos dar prioridade ao modelo de gandaría familiar de Galicia e a Cornixa Cantábrica”

O sector lácteo verase apoiado polas axudas asociadas e as novas posibilidades de financiamento que ofrecerán os ecoesquemas. Ademais, a estrutura agraria e gandeira da cornixa cantábrica baséase na explotación familiar, que é á que imos dar prioridade, e na interconexión da agricultura e a gandaría, o que se terá en conta no deseño da axuda básica.

Precisamente, a primeira semana de febreiro presentamos ás comunidades autónomas unha proposta preliminar actualizada para debater sobre os ecoesquemas a aplicar en España.

A lista está composta polas seguintes 9:

-Mellora da sustentabilidade dos pastos, aumento da capacidade de sumidoiro de carbono e prevención de incendios mediante o impulso do pastoreo extensivo.

-Manexo apropiado dos pastos: sega de prados e marxes sen segar.

-Prácticas para a mellora do carbono orgánico, a calidade e a fertilidade do solo en terra arable: fomento da rotación de cultivos con especies mellorantes.

-Agricultura de precisión. Plan de xestión de nutrientes.

-Prácticas alternativas á queima ao aire libre de restos de colleita e poda. (Cubertas vexetais inertes; Valorización enerxética de biomasa vexetal; Compostaxe)

-Práctica en materia de uso sustentable de fitosanitarios.

-Prácticas para a mellora da conservación do solo mediante cubertas vexetais vivas en cultivos leñosos.

-Prácticas para previr a erosión do solo e mellorar o seu contido en carbono e materia orgánica: agricultura de conservación-sementeira directa.

-Prácticas para a mellora da biodiversidade (Marxes multifuncionais e illas de biodiversidade; Zonas de non cultivado e mantemento do cultivo)

P.- O relevo xeracional é un dos grandes retos para a agricultura e a gandaría en España. Que medidas teñen previsto pór en marcha ao longo desta lexislatura para fomentar a incorporación de persoas ao sector?
A alta idade media dos agricultores e a falta de relevo xeracional son un problema serio e sobradamente coñecido. Non hai unha solución fácil porque a comunicación que se fixo durante décadas sobre a actividade agraria, mesmo por parte dos propios agricultores e gandeiros, xerou unha imaxe moi negativa do sector. Debido a isto, a mocidade, en xeral, non perciben o atractivo que realmente ten.

Cambiar esa percepción será tamén un traballo de medio e longo prazo, pero entre tanto hai que crear incentivos que axuden a incorporar novas xeracións á profesión.

Os mecanismos cos que podemos contar na actualidade para fomentar a incorporación de homes e mulleres, e que imos empregar sen ningunha dúbida, son: orzamento da PAC, que se incrementa para o próximo período; fiscalidade, a través da cal se poden artellar incentivos económicos; acceso á terra, que se facilitará se se eliminan os dereitos individuais na próxima PAC; creto financeiro, para facilitar o acceso a recursos económicos en condicións vantaxosas; e comunicación, coa que podemos transmitir e consolidar unha imaxe do sector moito mellor que a que agora ten entre os mozos.

“Os mozos, en xeral, non perciben o atractivo que realmente ten a actividade agrícola e gandeira”

Nos últimos anos foise incrementando paulatinamente a porcentaxe das axudas que perciben os novos agricultores. Así, segundo o informe do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) de axudas directas e de desenvolvemento rural de 2019, produciuse un lixeiro incremento dos importes de axudas directas destinadas aos agricultores novos (menores de 40 anos), que pasaron do 14 % en 2017 ao 14,59 % en 2019; e no caso das axudas dos programas de desenvolvemento rural, a porcentaxe incrementouse do 31,83 % ao 37,06 %.

No caso de Galicia, as porcentaxes de axudas para novos agricultores en 2019 son do 16,22 % e 36,47 % respectivamente, situados ao redor da media nacional.

Ademais, no exercicio financeiro de 2020, cuxos pagos finalizaron o pasado 15 de outubro, incrementouse o importe abonado en concepto de pago complementario a novos agricultores en case un 18% con respecto ao exercicio anterior. E no relativo ás medidas do segundo alicerce (desenvolvemento rural) para o apoio ás novas explotacións, entre as que se atopan as de incorporación de mozas, no exercicio 2020 pagáronse un total de 158 millóns de euros.

Así mesmo, nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 contémplanse actuacións de apoio á formación e o emprendemento de mozos e mulleres no medio rural. Como novidade, os orzamentos  deste ano inclúen unha liña de axudas para desenvolver o programa de accións formativas para novos agricultores en explotacións modelo, dotada con 1 millón de euros. Desta forma, porase en marcha un novo programa de visitas e estancias para mellorar as capacidades e coñecementos técnicos de novos agricultores e gandeiros, co obxectivo de facilitar a remuda xeracional, ademais da competitividade e sustentabilidade a longo prazo das explotacións agrarias.

Aínda que os datos convidan o optimismo, non debemos caer na compracencia e seguir traballando para fomentar que o acceso dos mozos á agricultura sexa atractivo, en termos de rendibilidade e de calidade de vida, unha cuestión clave que se seguirá profundando na nova Política Agraria Común a partir de 2023.

P.- A crise provocada pola COVID 19 supuxo unha freada nas mobilizacións dos produtores en demanda de prezos xustos no campo, que se multiplican ao chegar ao consumidor. En que se está a fallar na cadea alimentaria e que medidas está a pór en práctica o Ministerio?
A cadea alimentaria, en toda Europa, sofre desequilibrios internos, moita fraxilidade nos elos máis débiles e unha certa falta de transparencia na formación dos prezos e no incremento do valor.

Para solucionalo, o MAPA impulsou unha reforma da lei da cadea que introduciu a obrigatoriedade de consignar que as vendas se fan por riba dos custos de produción, co que se preserva o valor xerado en cada un dos pasos. Ademais, nunha segunda fase de reforma vaise elevar a esixencia de calidade dos intercambios comerciais, amplíanse as prácticas comerciais prohibidas por desleais, tamén o catálogo de boas prácticas obrigatorias e protéxese aos operadores nacionais no ámbito internacional.

Doutra banda, AICA reforzará os seus recursos económicos e humanos grazas ao incremento orzamentario do 31,8 % de que foi obxecto nos Presupostos Xerais do Estado recentemente aprobados.

Agora, o importante é que o sector tome nota dos cambios e cumpra escrupulosamente coa lei. Desta maneira veremos en diante mellorar o funcionamento da cadea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información