“Na montaña de Lugo non temos capacidade de gañar poboación por nós mesmos; necesitamos aportes do exterior”

Os 13 concellos que conforman o GDR Montes e Vales Orientais suman máis de 2.500 km cadrados e só 22.000 habitantes. Fomentar o emprendemento en lugares así non é doado. Sen embargo, veñen de presentarse máis de 40 iniciativas para poñer en valor os recursos do territorio

GDR Montes e Vales Orientais Fe AlvarezEntrevistamos a Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais para coñecer as distintas iniciativas que están a levar a cabo e as prioridades que se marcan no actual período de fondos Leader en territorios con baixos índices demográficos e un alto nivel de avellentamento da poboación.

Fan unha aposta por asentar a poboación que xa está e evitar que marche aumentando as posibilidades de emprego e xeración de riqueza que hai no territorio pero recoñece que “con iso non chega” e reclama “políticas de Estado” para loitar contra o despoboamento.

– Descríbenos como é o territorio que abarca o GDR Montes e Vales Orientais
– O GDR está formado 13 concellos da provincia de Lugo. Abarca toda a montaña, o que son as comarcas naturais de Meira, A Fonsagrada e Os Ancares, e inclúe a maiores o val de Láncara. Entre todos os concellos rondamos os 22.000 habitantes nunha extensión de máis de 2.500 km cadrados.

É dicir, temos unha densidade de poboación moi moi baixa e un grao de avellentamento altísimo. Hai algúns concellos, como pode ser o caso de Meira, que teñen uns índices poboacionais un pouco mellores, pero logo hai outros que teñen uns niveis a este respecto tremendamente delicados.

– E que pode facer unha entidade como é o GDR nese ámbito?
– Estamos sobre todo apoiando iniciativas emprendedoras, tratando de que a poboación emprenda no territorio, abrindo por exemplo pequenos negocios en zonas afastadas. Pero eu creo que de cara a mellorar estes índices poboacionais non chega con unha iniciativa Leader. O Leader é unha tirita nunha hemorraxia.

Para mellorar os índices poboacionais de zonas como a montaña de Lugo non chega con unha iniciativa Leader. Iso é simplemente unha tirita nunha hemorraxia

Aquí fan falla políticas de Estado que aposten claramente por facer fronte ao despoboamento, porque na maioría destes territorios non temos capacidade de reverter estes índices se non é cun aporte de poboación do exterior. Hai que facer unha clara aposta pola vivenda para tentar traer xente de relevo, porque en zonas como a da montaña de Lugo non temos agora mesmo capacidade de recuperar por nós mesmos o crecemento da poboación.

Hai que tratar que a poboación que está non se vaia, é dicir, que polo menos a que temos non se marche, pero con iso non chega para garantir o reemprazo. Agora mesmo hai concellos que están con pouco máis de 4 habitantes por km cadrado de densidade de poboación; iso é practicamente deserto demográfico.  

– Esa situación supoño que tamén condicionará o voso traballo porque ao reducirse a cantidade de poboación en idade de emprender tamén tendes menos a quen dirixirvos
– Si, pero curiosamente despois ves a cantidade de proxectos que se presentan á iniciativa Leader nestas zonas. Temos unha auténtica avalancha de proxectos e de xente que quere emprender no territorio. Neste último período que acaba de rematar, 2014-2022, vimos moita xente querendo emprender no noso ámbito. Por iso eu penso que hai moita xente nova á que se se lle deran apoios e facilidades se animaría.

– Notastes unha maior demanda a raíz da pandemia da covid-19 por vir e asentarse en lugares rurais coma estes?
– Si. Notamos ese interese. Hai moita xente de cidade que está preguntando como pode facer para asentarse no rural. Pero calquera familia que queira vir necesita unha vivenda e ese é un tema complexo, porque moitas casas están abandonadas, ás veces están en mal estado ou son dun montón de herdeiros e poñerse a rehabilitar eses caseróns non está ao alcance de calquera. Habería que facer un esforzo grande en recuperación de vivenda para que moita xente nova puidera vir aquí a vivir.

Cunha simple subvención non imos ser capaces de reverter o declive demográfico; hai que poñer o foco na vivenda para facilitar que a xente poida vir e asentarse

Fáltanos dar ese paso máis de facer que a xente teña doado asentarse. Porque a nós chámannos á sede do GDR moitas familias que queren vir preguntándonos por vivendas. E aquí hai moitas empresas que necesitan traballadores e que non atopan. Pois se tentamos casar esas necesidades podemos lograr algo moito máis efectivo que dar unha simple subvención.

Porque moitas veces non é só dar subvencións, é facilitarlle a burocracia, facilitarlle onde atopar vivenda e toda unha serie de procesos que son necesarios para implantarse nun lugar. Non é só que che dean unha subvención. Porque ás veces vale moito máis que che faciliten as cousas e que che sexa doado empezar que que che dean unha subvención. Hai que facilitar as cousas á xente e non metela nuns líos burocráticos interminables.

Hai que facilitar as cousas á xente e non metela nuns líos burocráticos interminables

– Na actual convocatoria, que rematou o pasado 31 de xaneiro, recibistes moitas solicitudes?
– Nesta convocatoria, que é como unha fase transitoria de dous anos, recibimos 47 solicitudes con máis de 10 millóns de euros de investimento. Pero non imos poder subvencionar nin a cuarta parte delas por cuestión de orzamento.

E o perfil tamén cambiou. Hai uns anos moi poucas mulleres e moi poucos mozos se animaban a poñer en marcha iniciativas en lugares coma estes e sen embargo neste momento hai moitas mulleres e moita xente nova que busca xeitos de emprendemento no rural. Pero os apoios non chegan a todo o mundo, porque temos moita máis demanda ca fondos dispoñibles e non somos capaces de financiar todos os proxectos.

Recibimos 47 solicitudes con máis de 10 millóns de euros de investimento, pero non imos poder subvencionar nin a cuarta parte delas por cuestión de orzamento

– Ademais do da vivenda e o asentamento de poboación, cales son os grandes retos desta zona?
– O primeiro é seguir apoiando o desenvolvemento agroalimentario e a mobilidade de terras. Temos moita terra abandonada que queremos rendibilizar. E sobre todo tratar de facer un territorio atractivo para que a xente veña e se quede, que o elixa como un territorio onde vivir e onde implantar iniciativas económicas que favorezan a creación de emprego e riqueza. Ademais, está o tema turístico. Queremos posicionarnos como o primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo.

“Ancares Terras de Burón aporta a metade da superficie de toda a Rede Natura de Galicia; o ecoturismo é claramente unha oportunidade para esta zona”

GDR Montes e Vales Orientais montaña LugoO GDR Montes e Vales Orientais está a poñer en marcha distintas iniciativas para valorizar as producións dos produtores locais, como a gandería de vacún de carne en extensivo, a produción de mel de montaña, de viño na ribeira do Navia ou de froita en lugares como Negueira de Muñiz e a apostar tamén claramente polo turismo como xeito de visibilizar ese traballo e poñer en valor o territorio.

– En que consiste o Xeodestino Ancares Terras de Burón?
– O Xeodestino Ancares Terras de Burón é unha figura que xestiona o GDR Montes e Vales Orientais e que non inclúe exactamente a mesma zona a nivel territorial porque o concello da Pontenova non forma parte do Xeodestino e si do GDR e sen embargo o concello das Nogais, que non forma parte do GDR, si forma parte do Xeodestino. É unha pequena peculiaridade que se dá.

É moi importante destacar que fomos capaces de poñer en marcha este Xeodestino turístico, que levaba creado desde o ano 2008, e fomos un dos poucos GDR que fomos quen de converternos en xestores do Xeodestino. Iso dache moito xogo. É unha mágoa que haxa unha figura que realmente serve para poñer a andar produtos turísticos e que non se aproveite.

Hai que pensar na comarca en conxunto como destino turístico, iso permite que os concellos non compitan entre si e se complementen

Eu penso que agora mesmo ningún concello por si só, polo menos destes concellos pequenos, ten masa crítica para por el mesmo facer un destino turístico. Hai que pensar nun destino de comarca e todo o que estamos facendo trata de consolidar toda a comarca no seu conxunto. Isto permite que os concellos non compitan entre eles, senón que sexan colaboradores e se axuden a poñer en valor os recursos que teñen, que son moitísimos, e que iso sirva para que o turista se quede aquí máis tempo.

– Estades a traballar neste ámbito turístico en iniciativas como a Cociña de Ancares Terras de Burón, a Guía de Micropaisaxes ou o Pasaporte Gastronómico, que acabades de poñer en marcha este ano. Pensas que o turismo é unha alternativa de futuro para estas zonas?
– Claramente. Neste territorio aportamos o 50% da Rede Natura de toda Galicia. Agora mesmo estamos facendo os trámites para darnos de alta como destino de ecoturismo como membros da Asociación Española de Ecoturismo. Creo que é o futuro polo que debemos de tirar, por un turismo vinculado ás tradicións, á etnografía, á gastronomía local, aos saberes tradicionais. Todo o que estamos facendo vai na liña de desenvolver produtos de ecoturismo, que eu creo que é o que mellor encaixa nesta zona.

Pero non se pode plantexar un territorio coma este sen valor produtivo. A través dun grupo operativo no que participa tamén o GDR estase tratando de chegar a produtos de quinta gama para que unha materia prima de excelente calidade como a que se produce aquí sexa cociñada con eses saberes tradicionais e enviada a domicilio para que chegue directamente ao consumidor, permitindo deste xeito unha maior valorización para o produtor.

Hai que crear sinerxias entre o sector produtor e o turístico

Temos tamén un produto turístico que se chama Cociña de Ancares Terras de Burón que o que busca é ligar a experiencia turística co territorio. Busca que a xente que ten restaurantes e aloxamentos consuma produto dos produtores locais e que eses produtores locais ao mesmo tempo reciban e mostren ao visitante o seu xeito de producir nas súas ganderías ou explotacións. Crear sinerxias entre o sector turístico e o produtivo, en definitiva, para pechar o círculo.  

Agora estamos na teima de que haxa sitios onde comer, porque estámonos quedando na comarca con pouca oferta de hostalaría cando a gastronomía é un dos nosos principais valores. Na comarca da Fonsagrada hai aínda bastantes sitios onde comer e durmir, pero na comarca de Ancares é unha eiva bastante grande, porque hai poucos sitios onde comer e esa infraestrutura necesítase para desenvolver unha oferta turística básica.

– Como se logra crear esa infraestrutura en lugares onde hai pouca poboación e, polo tanto, pouca demanda ou pouca clientela?
– Estamos tratando de traballar bastante no relevo xeracional dos negocios xa existentes, porque hai moitos negocios básicos que non teñen a continuidade asegurada porque se xubila a persoa que o tiña e non hai ninguén para coller ese traspaso. Por exemplo, en moitos pobos están a pechar panadarías ou carnicerías, que son negocios básicos para a poboación.

Por iso, na nova estratexia Leader estamos tentando que o relevo xeracional dos negocios sexa unha pata importante de cara ao próximo período, para darlles un impulso a estes pequenos negocios que son os que xeran o tecido necesario nas comarcas. Por iso, queremos impulsar tamén esa parte da economía local.

– Polo que contas, facedes un pouco unha función de interrelación entre os distintos axentes do territorio.
– Aínda que é unha comarca moi ampla, coñecemos ben a zona e temos moita cercanía coa xente. Iso permítenos detectar oportunidades e tirar delas. Levamos moito tempo tentando ser un pouco os impulsores da rede de networking local. Porque hai moita xente que está a facer cousas pero que non se coñecían entre eles e o que fixemos desde o GDR desde o primeiro momento foi intentar facer comunidade entre eles.

Hai que poñer en contacto á xente e eu creo que o papel impulsor dun GDR é fundamental. E calquera persoa que sabemos que ten unha necesidade na que nós podemos axudar intentamos contactar con ela, aínda que non veña pola oficina. Neste GDR temos unha dinámica de tentar chegar á xente directamente e tentamos non quedarnos só no que é a xestión das axudas Leader senón facer de nexo de unión e poñer en contacto a unhas persoas coas outras. Ese tipo de contactos son os que estamos promovendo todos os días e temos un grupo de difusión por whatsapp para mandar información de todo tipo, tratar de que a xente estea informada e crear esa rede.

Una idea sobre ““Na montaña de Lugo non temos capacidade de gañar poboación por nós mesmos; necesitamos aportes do exterior”

  1. Unamundi

    A Xunta non está traballando para paliar a desventaja demográfica destas zonas de Galicia: está entorpecendo. Os fondos da subvención do PREE 5000, destinada a concellos de reto demográfico, podianse ampliar sen problema como se fixo en moitas comunidadades autónomas pero a galega non o solicitou. E ninguen protesta…lle chamán decisión política. Cando é renunciar aos cargos europeos sen dar explicaciones. Moitos galegos adiantaron os cartos e quedaron sen a subvención. É peor que non ter administración autonomica, nos fondos europeos só fan bloquear.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información