“Na Idade Media en Galicia contábamos cun bo viño que se exportaba a Inglaterra”

O doutor en Historia da Arte Francisco Singul detalla a relación que existiu xa na Idade Media entre o viño e o Camiño de Santiago e que aínda persiste

Publicidade
“Na Idade Media en Galicia contábamos cun bo viño que se exportaba a Inglaterra”

O doutor en Historia da arte e xefe da área de Cultura Xacobea, Francisco Singul Lorenzo, ten abordado en distintos traballos a relación que existiu entre o viño e o Camiño de Santiago xa dende a Idade Media. Con el coñecemos o consumo de viño que se facía nesa época, así como a evolución da viticultura propiciada ó abeiro dos mosteiros.

-Que relación gardan o viño e o Camiño de Santiago?
Manteñen unha relación estreita xa que o Camiño de Santiago iníciase na alta Idade Media e tanto o consumo como a produción de viño forma parte desa época. Non é un caso illado, xa que o viño está na propia dieta habitual que se tiña na Idade Media. Así, calquera que estivera peregrinando e pasara por terras como o norte de España, tales como Aragón, Navarra, Rioxa, Castela e León, O Bierzo ou Galicia, ten un contacto con zonas vitivinícolas. Así é que había unha relación obvia entre o Camiño e unha área de produción de viño ampla. Deste xeito, os peregrinos que seguían, por exemplo o Camiño Francés, era doado que recibiran tanto nos mosteiros como nos hospitais reais ou nas pousadas e nas tabernas viño, posto que era un elemento máis da dieta.

“Na Idade Media, había un gran consumo de viño xa que era un elemento máis da dieta e pola cantidade de actos litúrxicos”

Ten unha gran importancia a hospitalidade, tanto monástica como civil cara ó peregrino. Así é que á marxe de proporcionarlle un leito tamén lle daban sustento e é aí onde o viño aparece, xa que era parte da dieta, era entendido como un alimento máis. Houbo unha relación directa e importante e moi rica durante moitos séculos entre viño e Camiño. Ademais de ser un elemento da dieta da época, tamén había un elevado consumo de viño derivado dos actos litúrxicos, posto que se encadeaban as misas nos mosteiros e o viño era un elemento imprescindible para o cerimonial. De feito, os mosteiros teñen un peso importante, sobre todo no Camiño Francés, o que fai que haxa unha relación tamén entre o viño e o Camiño.

-Que consumo de viño podían ter os mosteiros daquela?
Naquela época era moi célebre a Cuba do Mosteiro de Sahagún, en Tierra de Campos (León), pois dicían que contaba con 1.000 cántaras, xa que tiña unha produción e un consumo moi elevados. Este consumo era tanto para usos litúrxicos como para civís e sempre rebaixado con auga.

-Mantense esa relación entre o viño e o Camiño aínda na actualidade?
Dende logo. Non foi algo puntual da Idade Media senón que se mantén o longo da historia. As peregrinacións a Compostela comezan no século IX e hai un desenvolvemento moi longo e existe unha relación moi evidente e que aínda se aprecia na actualidade. Hoxe en día se pensamos en calquera dos distintos camiños, dende o Francés ata o Primitivo ou o Camiño Portugués, teñen unha facilidade obvia para entrar en contacto coas denominacións de orixe en Galicia e no resto de España tamén, como o Rioxa.

-Foi máis notable esta relación nalgún punto de Galicia?
Concretamente Santiago, ademais de ser o centro das peregrinacións, era un excelente mercado tanto de viños do Ribeiro como de importación, con viños que chegaban de Aragón, Portugal ou Francia. É curioso que o Códice Calixtino cando fala de Galicia di que era pobre en viño pero rica en sidra, pero hai que contextualizar que se está a falar da actual provincia de Lugo, aínda que ben é certo que os monxes de Samos tiñan xa viñedos no Bierzo e eran consumidores de viño para usos litúrxicos. O viño era un peza fundamental da dieta na Idade Media: pan e viño.

“Xa na lexislación de Afonso X se indicaba que non conviña mesturar os distintos viños pero si era habitual engadirlle auga”

Tamén cómpre matizar que se adoitaba rebaixar o viño con auga xa que era un viño moi duro. Xa na lexislación de Afonso X se indicaba que non conviña mesturar os distintos viños pero si era unha práctica habitual engadirlle auga.

-Tratábase dun viño moi forte ou había outros motivos para rebaixalo?
Polo xeral tratábase de viños fortes polo que se procedía a engadirlle auga. Tamén era unha práctica habitual para tentar evitar problemas de embriagadez, posto que a Igrexa, xa dende San Paulo recomendaba rebaixalo con auga.

-Tamén se ten referido que a mala calidade da auga dalgunhas zonas na Idade Media facía que se engadise viño á auga co gaio de conservala. Acontecía isto en Galicia?
En xeral, cando se viaxaba foran comerciantes ou peregrinos, a xente que levaba auga para o seu camiño adoitaba engadirlle algo de viño para que se conservase durante máis tempo.

-Como era o viño que se elaboraba en Galicia na Idade Media?
No caso de Galicia, eu diría que polo xeral era un viño bo, posto que ademais de dedicalo ó consumo propio tamén había unha importante cantidade que se destinaba á exportación. Durante os séculos XIV e XV houbo unha importante exportación de viño dende Galicia a Inglaterra, ó non poder os ingleses ter acceso ós viños de Bordeos, polo tema da Guerra dos 100 anos. Houbo unha exportación moi importante de viño do Ribeiro que en poucos días chegaba ós portos de Inglaterra. Era un viño apreciado. Ademais, en Compostela, que era unha cidade cosmopolita, había tamén viños de importación.

-Daquelas, era máis popular o viño tinto ou había tamén brancos?
O viño que se consumía era fundamentalmente tinto, xa que para os usos litúrxicos gardaba unha maior similitude cerimonial co sangue de Cristo.

-Podería estimarse a superficie de viñedo que había na Idade Media en Galicia?
É realmente moi complicado facer unha estimación diso, pero si se coñece que había unha gran demanda de viño e que se incrementou a superficie de viñedo. As demarcacións das denominacións de orixe que hoxe hai en Galicia sábese que teñen unha orixe moi antiga que se remonta á Idade Media. A propia Historia Compostelana apunta que xa no século XI había viñedos na zona do Morrazo que foran atacados polos almorábides. Había unha superficie vitivinícola importante xa en Galicia. Sabemos que nos séculos XIV e XV aumentou. Medrou en zonas como a Ribeira Sacra e sobre todo no Ribeiro, que daquelas era moi coñecido, sobre todo polos ingleses, e tamén se chegou a plantar noutras áreas.

“A gran demanda de viño que houbo nos séculos XIV e XV fixo que mesmo houbese viñedos en zonas coma Betanzos, sen tradición vitícola”

En zonas coma Betanzos, onde non había unha tradición vitícola ata o momento, chegouse a plantar vide, dada a alta demanda de viño que había. Santiago de Compostela funcionaba como un centro de redistribución. O Cabildo de Compostela tiña viñedos e ademais había un gran consumo ó ser considerado un alimento e tamén para os actos litúrxicos.

-En que medida o Camiño de Santiago influíu na viticultura en Galicia?
No desenvolvemento da viticultura en Galicia tivo moita influencia o monacato xa que tiña moita superficie e o viño era fundamental tanto para a dieta diaria como para os oficios relixiosos. Así foi que as distintas ordes de monacato foron fundamentais á hora da expansión da superficie cultivable de viñedo ou as novidades tecnolóxicas que se ían incorporando.

“No desenvolvemento da viticultura en Galicia tivo moita influencia o monacato”

Non foi tanto unha ligazón directamente coas peregrinacións pero si coa Igrexa e principalmente coa monástica. Esta relación apréciase tanto en Galicia como no resto de Europa.

-Chegou a exportarse por medio das peregrinacións castes de viñedos?
É un tema do que non se ten moita información ó respecto. A orixe do viño remóntase á época dos Romanos e parece que durante a Idade Media houbo unha expansión importante. Dende o punto de vista histórico non hai documentación que dea conta se puideron traerse ou levarse castes cara outros lugares.

-Teñen un pasado común os camiños dos arrieiros coas distintas rutas do Camiño de Santiago?
O Camiño dos Arrieiros era unha vía moi importante para traer o viño do Ribeiro ata Santiago, onde entraban na cidade pola antiga porta de Mazarelos, onde daquela estaba o mercado vello. Era un camiño medieval certamente importante e seguro que daquela coincidiría que transitaban por el peregrinos, pero per se, non era un camiño de peregrinación, senón que era un camiño comercial. Tamén é certo que os camiños de peregrinación eran camiños multiúsos que servían como medio de comunicación, para o exército, para usos comerciais… pero no caso dos camiños dos arrieiros creo que tiñan un compoñente máis comercial que de peregrinación, iso non quere dicir que non transitaran por el tamén peregrinos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información