“Na granxa teño a rendibilidade que preciso e tempo libre, estamos cun bo modelo de traballo”

Coñecemos Río Paz SC, unha explotación de Ponteceso que hai dous anos decidiu incorporar un robot e traballar cun rabaño dunhas 60 vacas en muxidura e outras tantas en recría. Neste tempo conseguiron incrementar en seis litros a produción diaria por animal

Rafael Veres ás portas da súa granxa de Ponteceso

Rafael Veres ás portas da súa granxa de Ponteceso

Rafael Veres leva dende 2003 incorporado á explotación familiar no lugar de Cores, no concello coruñés de Ponteceso. El e os seus pais estiveron durante 20 anos traballando cun sistema moi semellante ao do resto de granxas leiteiras da contorna. Muxían dúas veces diarias nunha sala de espiña de 4×2 e adaptábanse as instalacións e terreos dispoñibles.

En setembro de 2023 tocou pensar no futuro da explotación e Rafael considerou que era o momento de introducir un robot de muxidura. Optou por un modelo Lely Astronaut A5. A primeira consecuencia foi a redución de horas de traballo e persoal. “Diariamente estabamos a miña nai, eu e unha persoa contratada. Hoxe podo facer eu só todas as tarefas e paso moito menos tempo nas instalacións”, di Rafael.

Modelo de produción

Como soe suceder, un cambio radical pode crear preocupación. “Os meus pais non vían claro o do robot porque tiñan unha concepción diferente da gandería. E eu tamén pensei que os inicios serían complicados. Pero ao cabo dunha semana todo funcionaba á perfección e sen maiores atrancos. E todo sen ter que ampliar a nave nin facer obras maiores.”

A principal consecuencia positiva do cambio de modelo de muxidura foi o incremento da produción de leite. En menos de dous anos pasaron de 42 a 48 litros por vaca e día. É dicir, case 138.000 litros máis ao ano, dado que moxen de media un rabaño de 63 vacas. Ese incremento tamén facilita que o robot se amortice nun prazo menor.

O incremento de seis litros diarios por vaca en menos de dous anos axuda a amortizar antes o robot e outros investimentos, Rafael Veres, Gandería Río Paz SC

Rafael di que “en todos estes meses só unha xovenca acabada de parir deu problemas para entrar no robot. Hai que ir todos os días empuxala. O resto van encantadas. Pero así, grazas a esa xovenca, tamén vou algo pola granxa”, di medio en broma.

Actualmente o rabaño está formado por 63 vacas en produción de leite, 4 secas e 60 animais de recría. Cuns niveis de 3.000 litros diarios, a produción anual sitúase por riba dun millón de litros. Ademais, ten varios exemplares que rondan ou acadan os 80 litros diarios e aínda van seguir empreñando.

A media de partos é a habitual nestes sistemas. “Estamos entre 2,5 e 3 partos por vaca. Hai que ter en conta que o robot é moi esixente cos animais e esgótanse. Pero van moi amortizadas porque, aínda que a media anual é de 48 litros vaca/día, temos algún mes en que nos situamos en 51,1 litros.”

Os niveis de sólidos sitúanse en 3,80 de graxa e 3,20 de proteína. Eso si, cando comezaron a usar o robot tiveron unha pequena suba no reconto de células somáticas aínda que sen superar nunca as 200.000. “Eso foi porque daquela o robot non detectaba se había problemas nalgún teto. Agora incorporamos un dispositivo que lles fai reconto individualizado nunha de cada tres veces que entran no robot e que nos da un aviso no móbil se detecta que soben as células.”

Manexo do rabaño e xenética

A frisoa é a única raza coa que traballan nesta granxa. “Ás veces facemos algún cruzamento con limousin nas vacas que teñen dificultades para empreñar. Con eso aseguramos a preñez e obtemos un exemplar que vai para carne, que agora se está pagando moi ben. E, se as vacas poden ter tendencia a partos dificultosos, utilizamos seme de azul belga, que favorece a facilidade de parto. Pero son casos moi puntuais.”

Rafael di que o aspecto xenético é algo no que están a afondar nos últimos tempos. “Algo que agora miramos moito e antes nin sabiamos que existía é a adaptabilidade ao robot. Xa se ofrecen doses de touros que garanten que as fillas entrarán sen dificultade no circuíto robótico e serán produtivas nun prazo de tempo curto e sen que o robot lles dane o ubre.”

De feito, no control leiteiro que lles realiza Africor Coruña xa se lles indica o nivel de adaptación a robot. Outros parámetros como a dureza de patas ou a facilidade de parto son tamén importantes pero, coa chegada do robot, pasan a un segundo plano. En parte tamén porque non soen ter problemas neses dous aspectos.

O primeiro parámetro que miramos ao inseminar é a adaptabilidade ao robot. Algo que antes nin sabiamos que existía agora é básico para nós.

Con todo, non escatiman en investimento en doses. “O seme vai caro, é un gasto grande nas granxas. Non queda outra que afrontalo se queres manterte nos niveis acadados. Por exemplo, nós empregamos seme sexado as dúas primeiras veces coas xovencas e a primeira vez coas vacas adultas. Porque precisamos de moita recría debido a que tamén temos moitos descartes por causa do robot.”

O que non fan é mercar animais. “Xa hai moitos anos que non entra ningunha vaca de fóra da granxa. Temos suficientes animais e as incorporacións poden traer problemas sanitarios, ademais de supoñer traballo burocrático. O que si fixemos ultimamente foi levar vacas a poxas. Deunos bon resultado e se cadra volvémolo facer. Dependerá de como estea o rabaño cando cheguen as poxas.”

Aínda que algunhas vacas da granxa producen leite A2A2, Rafael non ten pensado orientar a xenética por esa liña nin facer un aproveitamento comercial dese leite. “Teriamos que ter dous tanques, dous robots ou recuperar a sala, facer dous lotes de vacas…e non sei se a cantidade de A2A2 sería suficiente. Nin temos instalaciòns abondo. A idea sería vender exemplares vivos ou mesmo embrións. Xa o veremos co tempo.”

Chama a atención a pouca cantidade de vacas secas que hai na explotación. Un motivo é que cando paren as xovencas hai que facerlles sitio sen saturar o robot. Por eso, é necesario facer descartes e mandar vacas a desvelle. Porque non queren nin ampliar as instalacións nin aumentar a carga gandeira, o que obrigaría a mercar outro robot.

As vacas entran de media 3,4 veces ao día no robot, aínda que a frecuencia depende do tempo e da época do ano. “Se vai moita calor entran menos porque non teñen ganas nin de comer nin de moverse. Ponteceso é un sitio de moito vento pero cando non sopra os animais nótano moito porque as temperaturas se disparan, sobre todo nos últimos anos. Para reducirlles a calor utilizo un sistema de ventiladores que poden funcionar as 24 horas se é necesario e outro de aspersores que regan as vacas cada hora.”

Instalacións e maquinaria

Entre o robot, os ventiladores e os aspersores podería parecer que o gasto en electricidade é moi elevado. Para reducilo, Río Paz SC conta cun equipo de placas solares ubicado no teito da nave que, di Rafael, se retroalimentan co movemento dos ventiladores.

Esta granxa de Ponteceso véndelle o leite á empresa Leite Celta, mediante un contrato que actualmente é por catro meses. Levan seis anos co mesmo comprador e, polo momento, non teñen intención de cambiar. Río Paz SC forma parte da Cooperativa San Martín de Cores, da parroquia na que se ubica. E tamén participan na Agrupación de Defensa Sanitaria local.

A granxa leva dous anos empregando un robot para muxir entre 60 e 65 vacas

A granxa leva dous anos empregando un robot para muxir entre 60 e 65 vacas

O laboreo e maquinaria son caso aparte. “Estamos nunha CUMA con outros sete socios da contorna, pero nós só participamos na utilización do carro mesturador. Eu son partidario de dispoñer das máquinas cando as preciso. Soe pasar que todos precisamos da maquinaria no mesmo momento e non chega para todos ou sofre avarías. Así que, para os cultivos e outras tarefas, dispoño de parque propio.”

Dese xeito, en Río Paz SC fan todos os traballos agás a ensila. E dispoñen de dous tractores de gran cilindrada -un deles comprado a comezos de xullo-, outro pequeno para arrimar a comida, arados, fresadora, remolque, rotativa, segadora, rastrillo, xuntadora, abonadora e unha cisterna que manexan a medias con outro gandeiro local.

Aínda que estamos nunha CUMA, eu prefiro recorrer só ao carro. O resto de traballos de laboreo fágoos eu coa miñas máquinas

O carro mesturador vai todos os días ás 8 da mañá. Diariamente fai a ración para as vacas que están en produción e, cada dous días, elabora a que se lles serve as secas e as xovencas. Outros socios da CUMA prefiren alternar horarios pero nesta granxa optan por unha hora fixa todo o ano.

Outra máquina que adquiriron recentemente foi unha alimentadora automática de xatos, o que se coñece como “amamantadora”. Mercárona hai catro meses e están encantados do seu rendemento. O que non teñen, aínda que llelo ofreceron é unha arrimadora. “Porque así teño algo que facer cando veño pola nave”, di Rafael entre risas.

Esta explotación de Ponteceso conta cunha única nave na que o espazo maioritario é para as vacas en produción. Uns animais adultos que dispoñen de 60 cubículos e son suficientes aínda que en ocasións haxa algún animal máis. Para as secas e xovencas teñen habilitado un espazo máis reducido na nave pero, en compensación, dispoñen dunha hectárea de terreo valado pero ao aire libre, polo que poden moverse libremente e entrar e saír da nave cando lles pareza.

A cama das vacas é de area que lle mercan a unha empresa de Vilalba. “Teño oído que a area pode causar problemas nos robots porque dana os circuítos. Aquí non pasou e os técnicos non detectaron ningún problema por ese motivo nestes dous anos. E tampouco notamos que a area faga efecto espello no chan da nave. Ou, polo menos, ata o de agora nunca esvarou nin se abriu unha vaca.”

Hoxe podo facer eu só as tarefas que antes faciamos entre tres persoas. E paso moito menos tempo nas instalacións.

O gandeiro explica que outras explotacións da zona sustituiron as camas de area por outros sistemas no momento en que instalaron robots de muxidura. “Nós non o fixemos nin o temos pensado. A area da bo resultado. E non notamos que a súa presenza no xurro poida danar os cultivos, como se soe afirmar. Tamén é certo que o xurro está moi repartido, moitas veces e en moitas leiras.” A única pega que lle poñen á area é que provoca corrosión nalgunhas pezas antigas da nave.

Cultivos e alimentación

Para os residuos sólidos e líquidos dispoñen de dúas fosas. “Son algo pequenas para toda a cantidade que producen as vacas. Cada tres meses hainas que baleirar, aínda que eso permite unha fertilización sostida dos terreos onde producimos forraxes. É un importante aporte orgánico pero non podemos prescindir dos abonos químicos.” Para completar o que aportan as fosas, empregan xurros procedentes dunha granxa de porcos lindeira, de xeito que ámbalas dúas explotacións se benefician. Unha porque recibe fertilizantes e outra porque se desfai dun residuo.

Río Paz SC traballa unha superficie de 33 hectáreas das que algo menos da metade son propias e o resto arrendadas. “Nesta zona non hai problema de acceso á terra. Hai suficiente oferta de calidade. Incluso para nós as 33 hectáreas son máis que suficientes. Os cultivos que botamos son herba e millo forraxeiros.” Nun ano normal dedican 20 das 33 hectáreas á produción de millo. Nesta última campaña reducíronas a 15 porque tiñan aínda moita cantidade de silo da campaña anterior.

Ademais dos concentrados, mercan palla para dárllela picada as xovencas e as vacas secas. E este ano mercaron algo de alfalfa porque o silo de herba quedou escaso xa que a chuvia impediu o pasado ano botar a herba en todas as parcelas que habitualmente se destinan a ese cultivo. Aparte de que a colleita de millo se complicou e non se puido facer todo o esforzo necesario na herba. Todos os alimentos que mercan proceden da empresa Progando.

Malia ser unha zona de alta concentración de granxas, a fauna salvaxe non supón un problema para esta explotación. “Xabaril haino, pero nunca nos causou danos importantes en ningunha das colleitas. E hai quen ten visto lobos, malia estar a dous quilómetros do mar, pero non é que haxa moitos ataques. A nós, polo momento, non nos afectou.”

Plans de futuro

De cara ao futuro, Rafael aposta pola estabilidade. “Se vivo ben así, para que vou arriscarme a vivir mal? Meter máis vacas suporía ter outro robot, máis gastos e máis traballo. A día de hoxe consigo máis leite e podo amortizar antes o robot. E ademais está nunha fórmula de leasing polo que, se me pasara algo, viríano recoller e non lles quedaría ningunha débeda os meus pais.”

Rafael considera que o rendemento da explotación é óptimo e non aposta por cambios

Rafael considera que o rendemento da explotación é óptimo e non aposta por cambios

“Agora estou no mellor momento. Podo manexar a granxa eu só con axuda moi puntual do meu pai. O leite está moderadamente ben pagado, os xatos teñen bo prezo e as vacas de desvelle nunca tanto as pagaron. Ata tiven a sorte de que o robot non tivo ningunha avaría e non supuxo custos engadidos.”

Teño a rendibilidade que preciso e dispoño de tempo libre. De non ser así, pecharía e dedicaríame a outra cousa.

Por outro lado, Rafael recoñece que co actual sistema puido prescindir de ter empregados. “Nas granxas hai un grande problema de man de obra. É difícil conseguir traballadores e máis difícil aínda fidelizalos. Eu agora podo prescindir de man de obra, algo que antes era impensable. O único que me preocupa é Hacienda -rise- e por eso procuro investir en máquinas.”

O gandeiro desbota emprender proxectos de elaboración co seu propio leite, como si están a facer outras explotacións con queixos, iogures, xeados e outros derivados. “Gaño os cartos que necesito e teño tempo libre. De non ser así, pecharía a granxa e dedicaríame a outra cousa. Non quero vivir para traballar e, con este modelo e este número de vacas, podo levar un control total sen meter horas e horas.”

As únicas reformas ou proxectos que ten en mente -pero non decididas definitivamente- serían dúas. A construción dun pozo e a redución do número de cabezas produtoras ata 55. “Con ese número de animais o robot optimízase. E seguramente non baixaría o volume de litros. E tamén podería deixar de manter tanta recría. Teño que pensalo aínda que a premisa é non aumentar carga de traballo nin acometer investimentos.”

Botando a vista dous anos atrás, Rafael lembra que os seus pais non eran partidarios do robot e agora lamentan non telo mercado dez anos antes. “É certo que non tivemos grandes problemas no inicio para adaptarnos ao novo sistema. Pero, aínda que os tiveramos, polo resultado actual tería pagado a pena ter padecido calquera problema. Traballo sempre hai, pero xa non é aquelo de ter que estar pegado á sala dúas veces ao día todos os días do ano sendo tan pouca xente na granxa. Antes era impensable que aquí non houbera ninguén durante horas. Agora é unha realidade.”

Respecto do sector, Rafael non cre que se volvan vivir grandes baixadas do prezo do leite en orixe. “Hoxe pecharon e seguen pechando moitas explotacións e o leite comeza a escasear ou, polo menos, a estar máis concentrado en menos provedores. Por eso non creo que volvamos vivir unha situación como a de 2015, cando dun día para outro pasamos de cobrar 0,42 € o litro a 0,21 €”.

Como el mesmo experimentou, cre que o futuro da produción de leite e, sobre todo, o relevo xeracional no sector pasan polas novas tecnoloxías. “Robots, aplicacións móbiles, intelixencia artificial…todo o que facilite o labor dos gandeiros e proporcione calidade de vida será o que garanta que a xente nova queira seguir coa actividade e que os que xa estamos nela non busquemos outra opción.”

José María Pereira. Progando

“Elaborar unha fórmula individualizada de concentrados para a explotación é clave para obter os mellores índices de produción”

Unha pata fundamental do bon funcionamento de Río Paz SC está no asesoramento en materia de alimentación do gando. Unha tarefa que recae en José María Pereira, enxeñeiro agrónomo que traballa como nutriólogo para a empresa Progando.

A ración das vacas en produción é básica. “A alimentación das vacas que se moxen vai variando en función da época do ano e do estado dos silos. No verán e primavera componse de 24 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba e 7 de concentrados en fariña. A eso hai que engadirlle outros 7,4 quilos de concentrado en gran que inxiren no tempo que pasan no robot de muxidura.”

Aínda que a media de estancia no robot é de 6 minutos en cada muxidura, hai animais que pasan ata 15 minutos e outros que non chegan a 4. E tamén os hai que poden consumir ata 12 quilos de concentrados e outros que quedan en catro. Pero a media queda en 7,4 quilos diarios. Dese xeito, consumen en cada visita algo máis de 400 gramos por minuto para un total de 2,5 quilos por visita.

O penso que comen as vacas no pesebre está moi cargado de proteína e o que comen no robot contén máis enerxía.

Ademais da diferencia de formato -gran e fariña- a diferencia entre o penso que comen no robot e no pesebre está na composición. “O penso do pesebre aporta máis proteína e o do robot máis enerxía. Canto máis cereal teña a fórmula, máis enerxía aportará. Con esa diferenciación, conseguimos que a vaca teña máis desexo de achegarse ao robot para cargarse de enerxía.”, explica Pereira.

Os concentrados están compostos, con variacións segundo o momento do ano, de fariña de millo, fariña de soia, fariña de colza, cascarilla de soia, xabón cálcico e correctores. No caso dos empregados en pesebre, aportan a graxa e proteína que non se acadan só coas forraxes.

Os concentrados que se serven no pesebre van en formato fariña

Os concentrados que se serven no pesebre van en formato fariña

A ración para as vacas secas e para as xovencas é a mesma e componse de 9 quilos de silo de millo, 5 de palla picada e 3 de concentrados. Hai granxas que fan unha ración diferente para as secas e para as xovencas, pero en Río Paz SC non é preciso pola pouca cantidade de secas, polo volume da explotación e porque a ración deseñada cobre todas as necesidades nutricionais.

“A alimentación que se lles facilite os animais secos e as xovencas soe ser vista como un gasto en moitos casos. Eso é un erro porque, dependendo do que coman no tempo que permanezan neses estados así será a súa posterior evolución como produtoras de leite. É algo que non se pode descoidar.”

Río Paz SC recibe a visita do carro mesturador unha vez ao día, ás oito da mañá. O bo manexo dos silos e das temperaturas fai que abonde con esa única visita. En caso de malas fermentacións nos silos ou de exceso de calor habería que pensar nunha segunda pasada do carro. “Nesta granxa non se detectaron problemas. Noutros casos e zonas se cadra é preferible que o carro pase a primeira hora da mañá no inverno e a última da tarde no verán, para que as vacas recuperen a fame que lles saca a calor.

O nutrólogo sinala que unha boa parte do alto índice de produción da explotación se debe á alta calidade das forraxes que producen. “Tanto o silo de millo como o de herba son moi dixestibles. Así os animais aproveitan toda a comida que se lles serve e o índice de conversión aumenta. A velocidade de tránsito dos alimentos é moi elevada e as vacas non se sacian, están comendo continuamente. Eso sempre vai implicar unha produción moi alta. En todo caso, non só chega coa dixestibilidade e son precisas as aportacións dos concentrados.”

A mestura de forraxes moi dixestibles e pensos de calidade aumenta a velocidade de tránsito e fai que as vacas non se sacien, coman máis e produzan máis.

Pereira sinala que un labor fundamental do nutrólogo é o da análise continua dos silos e doutras forraxes e alimentos que poida haber na granxa. Especialmente relevante é a que se realiza no momento en que se abre cada silo xa que dará idea de cal vai ser a súa evolución e de que medidas correctoras haberá que tomar se os parámetros non son os desexados.

“Como mínimo, cada mes e medio hai que comprobar e valorar as variacións que se produzan nos silos. Principalmente poñemos o foco nos índices de proteína, de fibra, de PH e de graxa. E, por suposto, hai que ter moito ollo coa cinsa, que é un indicador do estado de salubridade.”

Por cinsa enténdense aqueles elementos que poden ir no material ensilado pero carecen de valor nutricional. Porque todos os cultivos teñen ese tipo de mermas. O problema xorde cando o índice de cinsa sobe dun 9%. “Ese é un sinal de que o silo contén terra e materias non desexadas que poden causar malas fermentacións e a aparición de bacterias, clostridium e outros organismos.”

Segundo Pereira, o éxito dos concentrados radica en facelos de xeito individualizado para adaptalos ás necesidades de cada explotación. “En función de como sexan as forraxes e a cabana gandeira ou ata as instalacións elaboraremos unhas ou outras fórmulas de pensos. E esas fórmulas hainas aque ir adaptando ao longo do ano en función das circunstancias de cada momento.”

O nutriólogo explica que a utilización dos concentrados pode, por exemplo, favorecer que as vacas empreñen. “Eso conséguese con correctores vitamínicos e minerais. Sempre hai que ter unha comunicación constante entre os responsables de nutrición e os de reprodución. Porque o traballo duns inflúe no dos outros e haise que coordinar para obter os resultados desexados.”

En Río Paz SC reciben a visita do nutriólogo como mínimo unha vez ao mes. Se se detectan problemas, o número de visitas aumenta ata as veces que sexa necesario. Na explotación, o consumo de concentrados mensual ven sendo de 26.500 quilos, o que supón uns 9.000 euros ao mes na súa adquisición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información