“Na faixa atlántica europea pódese producir leite coa menor pegada de carbono do mundo”

André Le Gall coordina o proxecto europeo Dairy for Future, no que participan explotacións e centros de investigación da nosa comunidade. Este experto do Idele francés procede dunha familia gandeira da Bretaña, a principal rexión produtora de leite de Europa. Falamos con el das semellanzas e diferenzas que hai con Galicia

Andre Legall

André Le Gall durante a súa visita a Lugo o pasado mes de xaneiro dentro do proxecto Dairy for Future

André Le Gall é membro do Institut de l’Élevage (Idele) de Francia e coordinador do proxecto comunitario Dairy for Future, que busca mellorar a sustentabilidade social, económica e ambiental das explotacións leiteiras da fachada atlántica europea e no que participan 10 rexións da UE, entre elas Galicia.

O pasado mes de xaneiro expertos das distintas zonas produtoras de Inglaterra, Reino Unido, Francia, España e Portugal celebraron unha xuntanza en Lugo para analizar a situación de cada país e avanzar en solucións compartidas a desafíos comúns. No encontro participou André, co que falamos dos obxectivos do proxecto e da situación do sector leiteiro en Francia e na Bretaña, de onde é orixinario e que constitúe a primeira rexión produtora de leite da Unión Europea.

A fin das cotas lácteas no ano 2015 supuxo un punto de inflexión para o sector lácteo europeo e marcou o inicio dun proceso de adaptación das explotacións para seguir sendo rendibles no que cada país escolleu unha estratexia diferente e evolucionou dun xeito tamén diferente, pois se no lado positivo, liderando os incrementos, está Irlanda, no negativo atópase Francia, que perdeu cota de produción e mercado no conxunto europeo.

Con 25 millóns de toneladas anuais, Francia é o segundo páis produtor da UE só por detrás de Alemaña

Con todo, con 56.000 granxas e 25 millóns de toneladas anuais, Francia segue sendo o segundo país produtor da Unión Europea, só por detrás de Alemaña. Tralo fin das cotas lácteas Francia autoimpúxose unha autolimitación que fixo que sexa o país da UE onde menos esta a medrar a produción de leite, que se concentra nas tres rexións atlánticas do país: a Bretaña, Normandía e o Loira.

– Cal é a radiografía actual da produción de leite en Francia?
– Nós acostumamos dicir que hai tres Francias leiteiras: está a Francia da produción leiteira na chaira, que é todo o oeste de Francia, a Bretaña, Normandía e o País do Loira; logo están as zonas de montaña, que producen moitos queixos baixo denominacións de orixe como Comté ou Auvera; e finalmente están as zonas do país nas que conviven os policultivos coa gandeiría.

Polo tanto, a situación é diferente en cada un destes lugares: na Francia de montaña, apoiada pola demanda dos queixos con denominación, a produción leiteira soportou ben o fin das cotas, aínda que zonas como Auvergne ou Cantal pasaron dificultades; na parte do país onde a produción leiteira se mesturaba con outros cultivos a produción de leite diminuiu e case desapareceu sobre todo nesas zonas de transición; e finalmente nas rexións máis produtivas e intensivas do oeste a produción de leite mantense pero con moitos interrogantes sobre o relevo nas granxas, pois moitas delas non teñen sucesión clara.

Trala fin das cotas nas rexións máis produtivas e intensivas do oeste a produción de leite mantense pero con moitos interrogantes sobre o relevo nas granxas, pois moitas delas non teñen sucesión clara

– Ese é un problema importante tamén en Galicia. A que cres que se debe?
En Francia o número de granxas está diminuindo e temos un problema de continuidade. Fai 20 anos non tiñamos este problema. Temos un problema de prezos do leite e un ataque social continuo sobre o benestar animal e a contaminación das granxas. Isto desanima á xente nova, fai que non teñamos xente que queira traballar e continuar nas granxas.

– Está en perigo entón o modelo de explotación familiar de Europa?
– É unha boa pregunta. As granxas familiares están medrando e medrando e quizais sexa difícil manter o modelo das granxas familiares, aínda que hoxe o 80% das explotacións da UE aínda son familiares. A explotación da miña familia na Bretaña cando eu era novo producía 400.000 litros de leite e hoxe máis dun millón de litros só cunha persoa traballando e informatizada. E aínda así ninguén quere continuar.

– A Bretaña é a principal rexión productora de leite, non só de Francia, senón de toda a Unión Europea. Cunhas 8.000 explotacións, 1.000 máis das que hai en Galicia, produce 6 millóns de toneladas anuais, o dobre do que se produce na nosa comunidade. Esta intensificación xera problemas de contaminación?
O 70 ou 80% da superficie total de Bretaña está adicada á agricultura. Temos moitas vacas e tamén moitos porcos e esa é a razón pola que temos problemas coa contaminación das augas. Temos entre 10.000 e 15.000 explotacións de todo tipo en Bretaña. Pero aínda así non hai problema polo uso das terras en Bretaña, non temos a presión de especies como o eucalipto, como hai en Galicia. As gandeirías teñen terras dabondo para producir millo ou herba e cando unha explotación medra ten superficie dispoñible nun radio de 5 ou 10 quilómetros.

O volume de leite producido na Bretaña mantívose nos últimos anos malia a redución no número de granxas. A produción láctea mantén un grande peso económico e social pero ten importantes desafíos. Ademais das esixencias medioambientais, as explotacións bretonas sufriron a volatilidade de prezos e unha redución das marxes de venda en relación aos custos de produción.

O 70 ou 80% da superficie total de Bretaña está adicada á agricultura e non hai a presión de especies como o eucalipto, como hai en Galicia. Nós temos terras dabondo para producir millo ou herba e cando unha explotación medra ten superficie dispoñible nun radio de 5 ou 10 quilómetros

– En relación a iso, en Francia existe a Lei Egalim. Está funcionando?
– Un ano despois da aprobación está empezando a funcionar. É posible lograr maior valor para o gandeiro en produtos como o queixo ou o iogur de marcas como Sodiaal, Lactalis, Danone ou President. Aí non hai problema. O problema aparece co leite e os produtos de marca branca das cadeas de distribución. Eu non diría que está funcionando moi ben pero eu diría que está empezando a funcionar. Se ti queres leite diferenciado, leite de pastoreo, por exemplo, ti tes que pagalo.

“A faixa atlántica de Europa ten condicións para producir leite coa pegada de carbono máis baixa do mundo”

Vacas nunha pradeira na Bretaña francesa

Vacas nunha pradeira na Bretaña francesa

Dairy for Future é un proxecto de colaboración do espazo atlántico europeo desde Escocia até as Azores pasando por Galicia e pola Bretaña que busca acadar referentes de eficiencia dos distintos sistemas de producción e difundilos ao tempo que se analiza de xeito conxunto como é a situación da produción leiteira en toda a costa atlántica de Europa.

– Cales son os obxectivos do proxecto Dairy for Future?
– Temos catro grandes obxectivos, que coinciden cos grandes desafíos do sector lácteo: o económico, o ambiental, o social e o laboral. O primeiro consiste en comprender a resilencia para garantir a seguridade económica das explotacións leiteiras, medindo e reducindo os custos de produción.Imos traballar tamén en determinar aqueles aspectos que poden dar máis valor ao leite dos gandeiros para deste xeito, combinando estes dous factores, redución de custos e incremento de prezos, que poidan quedar máis cartos no peto dos gandeiros.

O segundo é a cuestión mediaoambiental, seguir profundizando neste aspecto, especialmente na redución dos gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono do leite. As rexións do espazo atlántico europeo teñen condicións favorables á produción forraxeira, ás leguminosas e ao pastoreo e iso permite obter a pegada de carbono máis baixa do mundo porque este tipo de prácticas permiten a captación de carbono nas pradeiras.

Importamos moitas materias primas para alimentar o gando, por ejemplo soia de países como Brasil ou Arxentina. A idea é adaptar a produción de leite ás características de cada zona para reducir deste xeito os custos e a pegada de carbono das explotacións

En terceiro lugar, queremos identificar aqueles sistemas de manexo que permiten preservar o benestar animal e o cuarto obxectivo consiste en traballar para mellorar o atractivo da profesión de gandeiro e a forma de levar as explotacións cunha boa eficiencia laboral.

– No proxecto colaboran 10 rexións, entre elas Galicia ou Bretaña. De onde vén esta colaboración?
– Levamos tempo traballando en distintos proxectos conxuntos centros de investigación das distintas rexións productoras de leite de Europa, xa o fixemos en proxectos anteriores como o Green Dairy (2003-2006), Dairyman (2009-2013), Autograssmilk (2013-2015) ou Eurodairy (2015-2018). O espírito é poñer en contacto xente de distintas rexións de Europa. Non se trata de competir entre as distintas rexións nin de ver quen o fai mellor ou quen o fai peor, senón de colaborar para mellorar todos, cada un naqueles aspectos nos que pode mellorar establecendo estratexias adaptadas á situación de cada rexión.

Non se trata de competir entre as distintas rexións nin de ver quen o fai mellor ou quen o fai peor, senón de colaborar para mellorar todos

A zona altántica é unha das mellores zonas para producir leite do mundo. Temos boas condicións para producir máis leite, chove moito e é doado producir forraxe e ter, polo tanto, unha produción a baixo custo e con benestar animal. Importamos moitas materias primas e moitos produtos para alimentar o gando, por ejemplo soia de países como Brasil ou Arxentina. A idea é a produción local e adaptar a produción de leite ás características de cada zona e cada rexión de Europa para reducir deste xeito a pegada de carbono.

– O proxecto fala de reducir os custos de produción nas granxas un 10% e a pegada de carbono un 20%. É isto factible? Son dous obxectivos compatibles?
– Eu penso que si. Porque hai unha relación entre a produción e a pegada de carbono, porque a pegada de carbono está baseada nas emisións de metano e polo tanto na eficiencia das vacas na dixestión do alimento. Se reduces as emisións de amoniaco e a pegada de carbono fas unha utilización máis eficiente da enerxía. Hai unha relación entre o custo de produción e a pegada de carbono e nós o que dicimos neste proxecto é que é posible lograr na franxa atlántica a menor pegada de carbono do mundo na producción de leite, é posible ser mellores que os neozelandeses.

Podemos ser mellores que os neozelandeses. Sendo máis éficientes é posible reducir a pegada de carbono e ao mesmo tempo aumentar a produción

É posible reducir a pegada de carbono e ao mesmo tempo aumentar a produción. Cando incrementas a eficacia produtiva da granxa reduces custos e pegada de carbono. Para iso hai que reducir o uso de fertilizantes químicos, adaptar a alimentación do gando ás características de cada zona e introducir sistemas innovadores de producción nas granxas.

– Como ves o futuro da produción de leite en rexións como Galicia ou como Bretaña?
– As 10 rexións participantes no proxecto xuntan 100.000 granxas de produción de leite. A produción de leite no espazo atlántico europeo terá futuro se conseguimos posicionala nun modelo de produción intermedio, que por un lado sexa aceptado polos consumidores e a sociedade en xeral e ao mesmo tempo que teña uns custos de produción baixo control, baseados nos recursos locais e con baixo impacto ambiental. Cando teñamos un sistema de produción de leite aceptado polo consumidor será posible poñer en valor produtos como o leite, o iogur, a manteiga ou os queixos e desta forma lograr que esa valorización se traslade tamén ao gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información