A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Na estrada somos pezas fráxiles”, a nova campaña para mellorar a seguridade viaria en Galicia

A administración galega pon en marcha unha campaña de concienciación en seguridade viaria para lembrarlles aos peóns e aos condutores que “na estrada somos pezas fráxiles”

“Na estrada somos pezas fráxiles”, a nova campaña para mellorar a seguridade viaria en Galicia

A Xunta de Galicia ten en marcha unha campaña de concienciación en seguridade viaria que ten como obxectivo lembrarlles tanto aos peóns como aos condutores que “na estrada somos pezas fráxiles”, empregando como reclamo figuras con estética de Sargadelos.

Esta campaña é o “pistoletazo de saída” para a elaboración do novo Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025 e convida aos diferentes axentes sociais e institucionais a participar activamente na súa elaboración para avanzar no obxectivo final das cero vítimas nas estradas.

En Galicia reduciuse significativamente as cifras de mortos en accidentes nos últimos anos, pasando dos 144 falecidos en 2011 aos 90 rexistrados en 2019.

Porén, dende a Consellería apuntan que estas cifras continúan a ser inasumibles. De aí que o novo Plan de seguridade viaria 2021-2025 ten como lema “Visión cero’, en referencia á eliminación total dos mortos en accidentes, un obxectivo que require da implicación de todos.

“Mirar por min é mirar por todos”

Nese obxectivo a campaña dá continuidade a outras previas, centradas en usuarios vulnerables, como os ciclistas, ou na alerta sobre os riscos das distraccións ao volante.

Nesta ocasión, para contribuír a evitar que a recuperación da mobilidade se vexa empañada polos accidentes de tráfico, a Xunta pon en marcha unha campaña que apela á responsabilidade individual de peóns e condutores, lembrándolles que son “pezas fráxiles” cando usan as estradas.

Co lema “Mirar por min é mirar por todos”, a campaña lembra que, ademais de protexerse do virus, os cidadáns deben previr o risco de accidentes, adoptando unha serie de medidas que supoñen coidar dun mesmo, pero tamén do resto de usuarios da estrada.

A primeira fase da campaña comezou o 22 de xullo e durante tres semanas centrará a súa atención nos peóns, lembrándolles a necesidade de empregar prendas reflectoras, de camiñar pola esquerda da estrada sempre que non exista senda ou beirarrúa, ou de escoller o lugar máis seguro para cruzar.

A campaña retomarase en outubro poñendo o foco nos condutores, que co cambio de estación deben adaptar a súa circulación ás condicións climatolóxicas e asegurarse de que o vehículo se atopa no estado axeitado.

O Novo Plan galego de seguridade viaria 2021-2025: “Visión 0”

Rematado o período de vixencia do actual Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, a Axencia Galega de Infraestruturas comeza a elaborar un novo Plan de Seguridade Viaria 2021-2025. O Plan enmárcase nas estratexias actuais de carácter nacional e internacional de seguridade viaria e na aplicación dos principios de Visión Cero para a redución de vítimas e falecidos por accidentes nas estradas galegas.

O lema que informa o plan é o da “Visión cero”, é dicir, que o horizonte buscado coas medidas que desenvolverá o Plan é o da redución ao mínimo posible das vítimas en accidentes de tráfico nas estradas galegas, de modo que nos aproximemos a un obxectivo final de cero vítimas de accidentes de tráfico.

Elaborarase un documento inicial de bases para a elaboración do Plan, no se que se recompile, sistematice e analice información como a evolución histórica da sinistralidade viaria en Galicia, a análise e resultados dos anteriores Plans de seguridade viaria galegos, o contexto mundial, europeo e nacional ou a normativa de aplicación. Consideraranse especialmente as propostas da Comisión especial non permanente de estudo sobre a seguridade viaria en Galicia, do Parlamento de Galicia.

A continuación, elaborarase un documento de diagnose en relación coa seguridade viaria en Galicia e a formulación dos seus obxectivos, liñas de actuación e actividades e, a partir de aí, o borrador do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025.

No proceso de elaboración do Plan prestarase especial atención á participación da sociedade. Así, o documento de bases será discutido cos axentes sociais e institucionais e o borrador do Plan someterase a consulta e participación pública. Tras este proceso de consulta e participación pública, elaborarase a versión final do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025.

Plan de Seguridade Viaria 2016-2020

O Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 marcouse como obxectivo reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas, con respecto ás rexistradas no ano 2011. Para iso a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade levou a cabo unha serie de actuacións en distintos ámbitos.

Así, repartíronse 33.000 prendas reflectantes para peóns e para ciclistas, dos que 30.000 foron chalecos reflectantes para peóns e 3.000 cortaventos reflectantes para ciclistas. Ademais, dende o ano 2017, impartíronse 20 cursos gratuítos de condución segura, cada ano, dos que se beneficiaron 800 motoristas en distintas cidades e vilas galegas, cunha altísima participación.

Por outra parte, levouse a cabo unha estratexia de difusión, que incluíu unha campaña de sensibilización, dirixida a nenos de educación primaria, baixo o lema “O corazón está do teu lado”, que incluíu a elaboración e distribución de 24.000 unidades didácticas en colexios de zonas rurais de Galicia e o reparto de 13.200 dispositivos luminosos ou reflectantes. Igualmente, realizáronse campañas en medios de comunicación para evitar as distraccións.

Outra liña de actuación que se realizou dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 para reducir a sinistralidade nas estradas galegas foi a eliminación de treitos de concentración de accidentes (TCA) e outras obras específicas de mellora da seguridade viaria cun investimento de 15,80 M€. A Xunta continúa a traballar na eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, e neste ano 2021 estarán licitadas 16 das 17 obras con proxectos redactados que se someteron a información pública.

Mellora da seguridade para os camiñantes

Dentro tamén do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 a Xunta de Galicia elaborou un Plan de Rutas Ciclistas Protexidas en Galicia, en colaboración coa DGT e a Federación galega de Ciclismo, coa que se determinaron 10 rutas que discorrían por estradas autonómicas galegas. A continuación instaláronse máis de 300 sinais e paneis en 600 km de vías autonómicas.

Ademais, estase a avanzar con intensidade no Plan de Sendas de Galicia, para facilitar os desprazamentos a pé ou en bici e aumentar a seguridade de usuarios vulnerables das estradas. Así, foron habilitados no período 2016-2020 os 170 quilómetros de novas sendas en entradas estradas autonómicas que prevía o Plan. Nesta mesma liña, realizouse unha mellora da seguridade, accesibilidade e integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con diferentes liñas de actuación que se seguen a realizar e que suman un investimento conxunto de 17,55 M€.

Por outra parte, e para mellorar o estado das estradas, a Xunta de Galicia ten licitado neste 2021 obras de reforzo de firme por importe de 22,2 M€, prevendo que se executen todas neste mesmo ano.

Na mesma liña, púxose en marcha un programa de xestión da conservación das pontes e das obras de paso nas estradas de titularidade da Xunta, que incluíu inspeccións periódicas e constantes nas estruturas da rede autonómica: viadutos, pasos superiores e inferiores. No ano 2020 iniciouse ademais un novo programa, para inspeccionar os muros de contención e noiros das nosas estradas da Xunta.

Por último, e non menos importante dada a súa incidencia na sinistralidade viaria en Galicia, a Xunta está a realizar traballos para disuadir aos animais das estradas, como prismas reflectantes ou repelentes olfativos, ou máis específicos de tala e desbroce de marxes en dominio público viario en estradas autonómicas para facilitar a visibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *