Multitudinaria tractorada en Arzúa e Melide en defensa da gandaría

Arredor de 500 tractores circularon durante máis de seis horas entre ambas as vilas. En Melide, os produtores pararon as máquinas hora e media na estrada por mor dun amago de multa a un gandeiro

Multitudinaria tractorada en Arzúa e Melide en defensa da gandaría

Leite tirado dunha cisterna de Reny Picot en Melide.

Os gandeiros da comarca de Arzúa e Melide protagonizaron unha nova mobilización comarcal multitudinaria, tras as celebradas días atrás en Santa Comba e Chantada. Arredor de 500 tractores circularon durante máis de seis horas entre ambas as vilas, entre as 11 horas da mañá e preto das seis da tarde, nunha tractorada multitudinaria que se alongou no tempo por mor dun plante en Melide, motivado por un amago de multa das forzas de seguridade.

Os tractores partiron ás 11 da mañá de Arzúa cara Melide, coa idea de voltar a Arzúa, onde se ía dar lectura ó manifesto. O problema en Melide xurdiu cando un guardia civil amagou con sancionar a un tractor que parara á beira da glorieta de Melide, lugar no que os tractores daban a volta, o que levou á maior parte dos veículos da marcha a deterse nas rúas da localidade para esixir a cancelación da multa, cousa que se resolveu tras máis dunha hora de plante.

En Melide rexistrouse tamén un incidente cunha cisterna de leite de Reny Picot, que foi aberta polos gandeiros, derramando parte da súa carga nas rúas da localidade. Entramentras, en Arzúa o comercio local mantíñase pechado e os gandeiros e veciños concentrados optaron por facer unha primeira lectura do manifesto pasadas as tres da tarde, dado o retraso na chegada dos tractores. Cando os tractores chegaron de volta a Arzúa, pasadas as cinco da tarde, fíxose unha segunda lectura do manifesto reivindicativo, esta vez por parte do alcalde de Arzúa.

As organizacións convocantes, integradas na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, agradeceron a implicación de gandeiros de Arzúa, Boimorto, Toques, Santiso, Touro e doutros concellos, así como dos comerciantes de Arzúa e tamén dos alcaldes da comarca, “coa excepción da alcaldesa de Melide, que se negou a apoiar a mobilización, a pesar de ser un concello claramente gandeiro”, criticou ó final do acto o coordinador da Organización de Produtores de Leche (OPL), Anxo Escariz.

Demandas
Por parte das organizacións agrarias laméntase a falta de avances na crise láctea e conmínase a Ministerio de Agricultura e Consellería do Medio Rural a actuar para poñer solucións ós baixos prezos do leite. “O prezo comezou a baixar a comezos de ano e podemos dicir que desde abril a situación e moi preocupante, pero aínda así non se tomou ningunha medida encamiñada a poñer remedio ó problema do prezo do leite”, cuestiona a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

“Non é entendible que se anuncie unha axuda para a industria de 40 millóns de euros sen lograr ningún compromiso das empresas para que mellore o prezo en orixe” –destaca Vilalba-. “Estamos de acordo en que se apoie a transformación do leite, pero hai que solucionar o problema inmediato que temos agora, que é o prezo”.

Desde Unións Agrarias, o seu responsable de Gandaría, Javier Iglesias, incide tamén na necesidade de medidas políticas por parte das Administracións para lograr un acordo de prezos similar ó francés. Iglesias lamentou asimesmo que as forzas de seguridade quixeran convertir unha “tractorada multitudinaria e pacífica nunha noticia negativa”. As protestas gandeiras de carácter comarcal continuarán este mércores no Deza.

Saída dos tractores de Arzúa. 11 horas.

“Semella que os gandeiros non interesamos e non se dan de conta de que o interior de Galicia vive da gandaría”

Os gandeiros comparten un sentemento común de desamparo ante o problema de baixos prezos polo que atravesan nos últimos meses. “Non interesamos e os gobernos non se dan de conta de que o interior de Galicia vive do sector lácteo”, valoraba Javier Rodríguez, gandeiro de Curtis, durante a espera en Arzúa pola chegada da tractorada. “En Francia, os gandeiros teñen máis apoios. Eu estiven alá e aquilo é moi diferente. Aquí semella que agardan a que pechemos e máis nada”, completa Luis Carrasco, gandeiro tamén en Curtis.

Preguntados pola posibilidade dun acordo de prezos como o francés en Galicia ou a nivel español, os gandeiros, a diferenza de Ministerio e Consellería, entenden que debería ser posible. “Se en Francia é posible, por que aquí non?” -pregúntase Javier-. “Haberá que facer como Francia, actuar e se non é legal, xa se verá”.

Prezos e custos de produción
Os produtores insisten en que están a producir por baixo dos custos de produción e plantean a necesidade inmediata de solucións. “Eu estou cobrando o leite a 28,50 e vaime mal; non é rendible e teño que inxectar cartos todos os meses para seguir, así que ós produtores que estean cobrando prezos máis baixos tenlles que ir peor. Vexo veciños, vexo as noticias e hai que pensar que toda esta xente ten familia e ten que facer números”, lembra Luis, en alusión ós máis de 2.500 gandeiros que están a percibir prezos inferiores ós 26 céntimos.

Javier Rodríguez, pola súa parte, está a cobrar agora o leite a 27 céntimos de prezo base, para uns custos de produción que rondan os 29-32 céntimos por litro. “Hai xente que está peor ca min”, recoñece tamén, “pero a min non me vale o que reclaman algúns dun prezo do leite que cubra os custos de produción porque nós non somos unha ONG. Hai que pensar que temos que vivir disto. Eu como todos os días e a miña familia tamén”.

Outro problema dos produtores é a limitación dos volumes de produción, o que nalgúns casos aumenta as perdas por litro de leite e son moitos os que ademais xa tiveron que enviar vacas en produción ó matadeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información