Multitudinaria tractorada do sector lácteo en Vilalba

Uns 1.000 tractores e unhas 3.000 persoas participaron este mediodía na protesta dos gandeiros en Vilalba. Esixíronlle á Administración que interveña para obrigar a que industria e distribución lle paguen aos gandeiros un prezo mínimo que cubra os custos de produción. Mañá manifestación en Ordes.

Multitudinaria tractorada do sector lácteo en Vilalba

Pancarta da manifestación.

Masiva tractorada esta mañá dos produtores de leite en Vilalba, capital da Terra Cha, unha das comarcas con máis explotacións lácteas de Galicia. Arredor de 1.000 tractores e uns 3.000 manifestantes volvéronlle esixir tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno Central unha intervención decidida para obrigar a que industria e distribución se poñan de acordo para pagarlles uns prezos mínimos que cubran os custos de produción.

Dende as once da mañá comezaron a chegar á capital chairega centos de gandeiros nos seus tractores procedentes de toda a comarca. A afluencia foi tan masiva que desbordou as previsións de aparcalos no Campo da Feira e houbo que buscar aparcadoiros alternativas. Isto demorou a lectura do manifesto, na praza do Concello, ata pasadas as dúas da tarde.

“Non pode ser, o prezo da auga, máis caro que o leite”

O apoio do comercio de Vilalba foi masivo, o que da proba da importancia do sector lácteo para a economía das vilas do rural galego. Practicamente todo o comercio vilalbés pechou as súas portas esta mañá en solidariedade cos gandeiros.

A manifestación, que saíu da Estación de Autobuses pasadas as doce do mediodía, transcorreu nun ambiento pacífico e con numerosos veciños de Vilalba que ateigaron as beirarrúas para amosar o seu apoio ao sector produtor lácteo. Tamén acudiron representantes políticos do PsdeG-PSOE, encabezados polo seu secretario xeral, Xosé Manuel Gómez Besteiro, do BNG ou de AGE, como a eurodeputada Lidia Senra, e mesmo algún deputado provincial do PP.

Xunto aos xa habituais lemas de “Prezos xustos para o noso leite” tamén se escoitaron outros como “Leite regalado, gandeiro arruinado”, “Basta de tanto roubar, o noso leite haino que pagar” ou “Isto vai mal, señor presidente, o prezo da auga, máis caro que o leite”.

“Se en Francia é posible, aquí tamén”

O manifesto foi lido polo xornalista vilalbés Fidel Fernán, quen subliñou que “a loita do sector lácteo é a loita contra emigración da nosa mocidade (…..) porque loitamos polo noso futuro e polo das xeracións que veñen detrás, por algo que é de xustiza”.

Criticou que “a administración non está á altura das circunstancias, (…), cun goberno que se nega a intervir para garantir uns prezos xustos para os produtores e que se limita a pedirlle boa vontade á industria e á distribución deixando indefensos aos gandeiros”.

“A administración non está á altura das circunstancias”

Neste sentido, Fidel Fernán, lembrou que “en Francia foi posible e aquí tamén ten que ser posible que as industrias deixen de pagar prezos ruinosos aos nosos gandeiros”.

Testemuños de gandeiros

Diego, gandeiro de Aranga.

Diego, gandeiro de Aranga.

Diego é un xoven gandeiro de Cambás (Aranga-A Coruña). Ten unha explotación de tamaño mediado e recoñece que “hai gandeiros que están sufrindo máis que min no prezo. Nós estamos cobrando sobre 32 céntimos, pero temos que estar todos unidos apoiándonos”.

Asegura que “se non hai un prezo base que cubra custos e nos permita vivir, seguiremos tendo perdas durante anos e estaremos abocados ao peche ou a malvivir”. Critica que “a administración non pon trabas a que as petroleiras ou as multinacionais dos cereais se poñan de acordo para subir os prezos, pero a nos non nolo permite”.

Domingo Casanova

Domingo Casanova

Domingo Casanova, de Castro de Rei. Ten unha explotación de 280 vacas e 130 en muxido. Explica que venden o leite a través dunha cooperativa a 4 empresas e “o prezo está sobre 27 céntimos, moi baixo para cubrir os custos de produción”. Considera que “o prezo mínimo debería ser de 33 céntimos o litro para cubrir os custos de produción e poder ter un salario”.

Por último, lamenta que “os políticos non se enteran ou non queren enterarse da situación crítica pola que estamos pasando os gandeiros”.

“A diferencia doutras crises do sector é que agora hai medo a que a industria non che recolla o leite”

Roberto, de Lugo. Explica que “temos unha pequena explotación familiar eu e a miña muller e a situación é crítica, non so polo prezo, senón tamén polo medo a que a industria che deixe de recoller o leite, que é o que marca a diferencia desta crise respecto doutras que vivimos”.

Roberto, gandeiro de Lugo.

Roberto, gandeiro de Lugo.

Ademáis, lembra que “subiron todos os custos de produción e os impostos con respecto a anos anteriores”. En canto ao prezo, asegura que “somos socios da cooperativa Agris e estamos cobrando a 27 céntimos e caendo”.

Por último, Roberto advirte de que “están enganando ao consumidor porque o leite que ven de Francia e doutros países máis barato non é leite senón que son lactosoros reconstituídos”.

As mobilizacións do sector lácteo continurán mañá en Ordes e o día 27 en Sarria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información