Co gallo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra cada ano o 15 de outubro, sucedéronse este martes por toda Galicia os actos conmemorativos e de reivindicación do papel feminino tanto nas explotacións agrogandeiras coma en todas as actividades relacionadas coa vida no rural.
A Asemblea Xeral da ONU estableceu en 2007 esta efeméride para recoñecer a contribución da muller rural ao desenvolvemento agrícola, á melora da seguridade alimentaria e á erradicación da pobreza.
Un dos actos, levado a cabo pola asociación Agromuralla, xuntou en Lugo a gandeiras de toda a provincia nunha mesa redonda que contou tamén coa presenza de Carmen Lence, presidenta de Leite Río, da avogada María Álvarez Real e da mestra rural Consuelo Montes.
Todas salientaron que o papel da muller sempre foi esencial no medio rural galego, e ségueo a ser a día de hoxe, pero moitas veces esta labor lévase a cabo desde a invisibilidade. Malia os avances en igualdade logrados nas últimas décadas, segue existindo unha fenda de xénero que relega ás mulleres ao papel de coidadoras, excluíndoas a miúdo da toma de decisións.
Sen avances na Titularidade Compartida
“Fóra de Galicia que unha muller traballe nunha granxa é un exotismo; aquí é algo normal, foino sempre, o que faltan son avances en cotitularidade”, considera María Elena Fernández, que é veterinaria en explotacións de vacún da comarca dos Ancares.
Fóra de Galicia que unha muller traballe nunha granxa é un exotismo; aquí é algo normal (María Elena Fernández, Cooperativa Carballeiras)
A Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias, aprobada xa fai máis de 10 anos, tivo efectos limitados e, na actualidade, o número de incorporacións é moi inferior ao que se estimara inicialmente que poderían producirse, unhas 30.000.
Das 914.872 explotacións agrarias existentes en España, só 1.274 están acollidas ao réxime de titularidade compartida (cifras a 1 de marzo deste ano), o que equivale unicamente ao 0,14 % do total de explotacións.
Lideran o rexistro de titularidade compartida as comunidades de Castela e León (595), Castela-A Mancha (253), Estremadura (125) e Andalucía (58). En Galicia, só 39 explotacións están acollidas a esta figura.
As mulleres temos que loitar coa palabra, pero tamén cos feitos contra os roles tradicionais nas ganderías
Ademais de veterinaria, María Elena é tamén gandeira, xa que é socia xunto ás súas primas da cooperativa Carballeira, unha explotación leiteira situada en Becerreá, e defende que é necesario cambiar os roles tradicionais que se dan en moitas granxas, nas que os homes traballan coa maquinaria e as mulleres son as encargadas do coidado do gando e de tarefas como muxir ou dar o leite e atender a recría. “O traballo co tractor na miña granxa fágoo eu, só contrato a colleitadora. As mulleres temos que loitar coa palabra, pero tamén cos feitos”, di.
Falta de relevo xeracional
Lucía López Sobrado é unha moza que está acabando de estudar Veterinaria e ten previsto incorporarse á explotación familiar, Gandería Puluán, en Monforte de Lemos. “Eu non vexo barreiras insalvables; se nos formamos non hai nada imposible para unha muller”, asegura. “O cambio é gradual. O que hoxe non é habitual e chama a atención, mañá non o será”, afirma.
Eu non vexo barreiras insalvables; se nos formamos non hai nada imposible para unha muller (Lucía López Sobrado, Gandería Puluán)
Os datos de Eurostat sitúan a Galicia á cola da UE en presenza de mozas á fronte de explotacións. A idade media dos xefes de explotación en España é de 61 anos, mentres que en Galicia sitúase en 63,6 anos. Os mozos menores de 40 anos representan o 8% dos xefes de explotación, mentres no caso das mozas a porcentaxe descende case á metade (4,5%).
No últimos 20 anos aprobáronse en Galicia máis de 9.000 expedientes de incorporación de persoas mozas á actividade agrogandeira. O 40% das persoas incorporadas en toda a comunidade fixénono na provincia de Lugo. Por xénero, o 60% das persoas incorporadas eran mozos e o 40% mozas, polo que é necesario redirixir os fondos da PAC cunha perspectiva de xénero.
Dentro de España, as comunidades da cornixa cantábrica sofren os maiores índices de envellecemento do sector agrogandeiro
O Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 establece como o seu Obxectivo 8 “promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais”, pero a realidade a día de hoxe é que as mulleres reciben só un terzo das axudas directas e de desenvolvemento rural (33,91%), segundo o Informe de Axudas Directas e Desenvolvemento Rural. Análise Idade e Sexo dos Perceptores de Axudas 2022, elaborado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).
As mulleres só cobran unha terceira parte das axudas da PAC
Aínda que o número de mulleres novas (menores de 40 anos) que se incorporan a explotacións agropecuarias está aumentando, segue existindo unha importante fenda de xénero no cobro da PAC dentro da xente nova, xa que só unha cuarta parte (24,62%) dos perceptores de axudas directas de menos de 40 anos son mulleres.
Conciliación
Quiara Pardiñas tomou a decisión de pechar o seu negocio de perruquería e estética e incorporarse á granxa da familia do seu home, SAT O Palomar, en Láncara, cando naceu o seu fillo Antón. Hoxe non se arrepinte daquela decisión
Para nada o traballo no campo é de segunda; todo o contrario (Quiara Pardiñas, SAT O Palomar)
“Para nada o traballo no campo é de segunda; todo o contrario. Para min é un traballo de primeira e a muller rural unha muller feliz, polo menos no meu caso”, asegura.
Considera, sen embargo, que “o machismo é algo que está moi arraigado na sociedade”. “Aínda existe machismo no rural, pero iso ten que ir cambiando e ese cambio tamén depende de nós, de como eduquemos aos nosos fillos e fillas”, di, e destaca as vantaxes dos nenos e nenas criados no rural, a alimentación saudable que reciben e a posibilidade de xogaren rodeados de natureza e de animais.
Servizos
Chelo López, de Gandería Quintián, do Páramo, tamén cambiou un traballo de oficina nunha xestoría de Sarria por incorporarse á granxa familiar e valorizar o leite que producían transformándoo en queixo e outros produtos para que as súas dúas fillas poidan ser donas do seu futuro. “As persoas do rural, e as mulleres en particular, temos que mellorar en autoestima”, di.
A muller sempre foi o motor do rural; temos que gañar en autoestima (Chelo López, Gandería Quintián)
“Non cambiaría o silencio por nada, pero non me gusta vender o rural como algo bucólico, porque non o é”, asegura Chelo, que reclama servizos para que a xente se quede a vivir no rural.
Éxodo rural feminino e despoboamento
Carmen Lence, presidenta de Leite Río, puxo o énfase sobre as consecuencias de que as mulleres marchen do rural. “Dúas de cada tres persoas que emigran do rural son mulleres en idade fértil; é unha tendencia que temos que frear, porque se non hai mulleres novas non hai nenos, e sen nenos non hai futuro”, dixo.
O éxodo rural feminino provoca unha forte masculinización das idades activas e reprodutivas do medio rural. Nestas zonas hai 111,7 homes por cada 100 mulleres en idades comprendidas entre 30 e 49 anos, segundo datos do INE de 2022.
Nas zonas rurais hai 112 homes por cada 100 mulleres en idades comprendidas entre 30 e 49 anos
Este feito ten efectos directos na caída da natalidade e o despoboamento rural, porque aínda que o descenso do número de nacementos é unha tendencia que se rexistra na sociedade española no seu conxunto, no medio rural obsérvanse cifras máis alarmantes. Estas baixas taxas de natalidade inciden á súa vez na falta de relevo xeracional nas explotacións.
Nos foros empresariais é un dos poucos sitios onde as colas nos baños son sempre no dos homes (Carmen Lence, presidenta de Leite Río)
Leite Río lanzou este martes unha campaña publicitaria nas principais cadeas de televisión españolas coincidindo co Día da Muller Rural para dar visibilidade ao traballo nas granxas das mulleres gandeiras, ás que Carmen Lence definiu como “empresarias de éxito”, ao tempo que asegurou que non é no sector agrogandeiro no único no que se dá unha fenda de xénero.
“Cando se celebra un foro empresarial ese é sempre un dos poucos sitios nos que hai colas no baño dos homes e non no das mulleres”, exemplificou. “Non é distinta a situación nas ganderías con respecto a outros sectores”, di.
O papel da educación
Consuelo Montes foi durante 40 anos mestra en distintas zonas rurais da provincia de Lugo, desde o val de Lourenzá na Mariña até a montaña de Pedrafita, pasando pola Pastoriza, na Terra Chá.
Os nenos do rural son máis respectuosos e axúdanse máis os uns aos outros, pero detrás diso están as súas familias (Consuelo Montes, mestra)
“Para min sempre foi un traballo moi gratificante ensinar aos nenos e nenas do rural, que teñen un interese por aprender excepcional”, di. A implicación das familias, asegura, tamén é maior. “No rural non é necesario poñer titorías porque a relación que temos coas familias é moito máis intensa”, afirma.
Considera tamén que a convivencia de varias xeracións na mesma casa é “positiva e moi enriquecedora”. “Os nenos do rural son máis unidos, axúdanse moito máis uns aos outros; teñen outros valores”, asegura.
Mónica Brey, exemplo de innovación no cultivo de mazá para sidra
Coincidindo co Día Mundial da Muller Rural, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou as fincas nas que se cultiva mazá para sidra da cooperativa Maestra, no concello da Estrada. A entidade atópase baixo o amparo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e conta con 62 hectáreas de superficie nas que se producen uns 700.000 quilos de mazá certificada.
A Estrada produce ao redor de 1,5 millóns de quilos de mazá para sidra ao ano e acumula máis de 100 hectáreas destinadas a este fin
Alí, Gómez puido coñecer a plantación de mazá de Mónica Brey, pioneira en introducir o traballo mecanizado na recollida de froito e recentemente incorporada ao agro coa axuda da Xunta. Posteriormente, coñeceu a finca de Sidraría Peroja, onde a recollida do produto se leva a cabo de xeito manual e cuxa produción conta co selo de Artesanía Alimentaria, que protexe e defende as elaboracións artesás e tradicionais que se producen en Galicia.
A importancia da muller rural en Galicia
Galicia é na actualidade a comunidade española con maior número de mulleres xefas de explotación. Segundo os datos do último Censo Agrario, correspondente ao ano 2020, das 75.451 explotacións agrogandeiras que hai en Galicia 36.247 (48%) teñen á fronte a unha muller.
As 4 provincias galegas están entre as 5 españolas con maior porcentaxe de xefas de explotación: Pontevedra (54%), A Coruña (52%), Lugo (44%) e Ourense (40%); cando a media a nivel de todo España é do 28%.
Menor taxa de ocupación feminina
Segundo o informe Diagnóstico de la Igualdad de Género en el Medio Rural, elaborado plo Ministerio de Agricultura, o sector agrario ocupa case unha cuarta parte da poboación empregada no medio rural (23,6%), pero a ocupación agraria masculina segue sendo 7,8 puntos porcentuais superior á feminina, aínda que se ten producido un notable incremento das mulleres empregadas no sector agrario nos últimos anos, en consonancia co ocorrido noutros sectores, pasando do 7,1% no 2011 ao 18,8% no 2021.
Se se ten en conta a perspectiva de xénero, as explotacións de mulleres son máis pequenas, de menor dimensión económica e menos rendibles, segundo so datos do Ministerio de Agricultura. Ademais, a medida que aumenta a dimensión económica da explotación, a presenza de mulleres diminúe. Este feito vese aínda máis acentuado se as mulleres son novas.