As mulleres do Sindicato Labrego reivindican a importancia dos feminismos para defender a terra

A Lei de Titularidade Compartida (2011) aspiraba a recoñecer 55.000 mulleres a nivel estatal. A día de hoxe so constan 1.386

apertura encontro mulleres slg 25 apaisada 1Na mañá de hoxe deu inicio ao XIX Econtro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), que até mañá domingo terá lugar no Vello Cárcere da cidade de Lugo.

As gandeiras do SLG Concha de Friol e María dos Ancares, canda Ana Torrón da Plataforma Feminista de Lugo e a responsábel da Secretaría das Mulleres María Ferreiro, deron a benvida ás participantes a esta cita anual definida por Ferreiro como un espazo de convivencia e traballo “esencial para a nosa organización”.

“Esta fin de semana é un tempo para compartir, estar xuntas e tratar temáticas que como mulleres labregas feministas nos afectan no noso día a día e ver tamén como traballamos como organización para defender as nosas reivindicacións na nosa vida diaria e como nos organizamos como labregas nunha organización mixta”, valorou.

Foi tamén a responsábel da Secretaría das Mulleres a encargada de abrir a primeira mesa, Mulleres labregas e feminismo: Representación e transformación das políticas públicas, centrando a súa intervención en explicar por que a Política Agraria Común non ten en conta as mulleres labregas.

“A contribución das mulleres ao sector agrícola e gandeiro é fundamental en toda Galiza, malia a estarmos discriminadas no acceso a recursos públicos e ter que afrontar máis dificultades para acceder a postos de responsabilidade e decisión”, sostivo. “Temos un exemplo claro na Lei de Titularidade Compartida: cando se aprobou no 2011 calculábase que arredor de 55.000 mulleres de todo o Estado -30.000 ou 35.000 delas galegas- poderían acollerse a ela. A día de hoxe, no 2025, so hai 1.300 mulleres a nivel de todo o Estado”.

A continuación Isabel Álvarez, vicepresidenta e responsable de incidencia política da Rede internacional de agricultura sostida pola comunidade  URGENCI, enlazou esta falta de perspectiva de xénero nas políticas públicas ca existencia de numerosas eivas na recollida de datos da actividade agraria, en moitas ocasións recabados con metodoloxías que invisibilizan ás mulleres.

Puxo como exemplo as dificultades ás que se enfrontou para obter información primaria durante a elaboración do estudo “Participación política das mulleres labregas no Estado español”, nomeadamente erros metodolóxicos que invisibilizan ás mulleres nas granxas. Destacou como un punto de partida importante para corrixir esta discriminación o feito de que as mulleres compartan con outras estas experiencias discriminatorias, rompendo a percepción de que son cuestións individuais.

Guillermina Fernández, investigadora no grupo Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC, pechou esta primeira mesa afondando no papel das persoas mozas que acceden a proxectos agrarios como relevo xeracional. Fernández achegou os resultados dunha investigación realizada entre 2022 e 2023. “Encontrámonos con que as persoas novas entrantes eran persoas que viñan doutros sectores […] e que daban un pulo, pero ao mesmo tempo que traían esa bagaxe enfrontaban dificultades coa falta de práctica agraria ou de investimento, de acceso á vivenda, falta de coñecemento das dinámicas do rural etc […]. Con esta investigación procuramos crear unhas guías de apoio para as persoas que se incorporan ao sector sen vagaxe agraria previa”, explicou.

Baixo o título “As mulleres do rural “de onte”: mobilizacións e memorias da historia do rural galego” encetou a sesión de tarde cunha exposición e diálogo ca a historiadora Ana Cabana, que, na liña do sinaladodd, enfatizou a dificultade ca que as persoas investigadoras se atopan cando queren elaborar traballos sobre as mulleres labregas, sobre todo nos arquivos históricos. “O que sabemos das mulleres é sempre nas voces doutros. É fundamental que as mulleres garden por escrito a súa memoria […]. Temos que ter en conta tamén que non hai unha muller rural, senón “mulleres rurais”, precisamos visibilizalas. […] Por exemplo a presenza das mulleres nos conflitos na Galiza quedou fóra da memoria social, pero si que estiveron. Unha das cousas que descubrín na historia da loita das mulleres na Galiza é a importancia de pór o corpo, de protestar indo alí”, explicou.

A Secretaria Xeral do SLG, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, tomou a palabra para pechar esta última xornada achegando información da delegación do movemento labrego internacional La Vía Campesina que se desprazou do 8 ao 18 de decembro a Cisjordania (Palestina) e que contou ca participación de Dora Cabaleiro, integrante da Executiva Nacional do SLG.

Vilalba insistiu na denuncia da estratexia de asentamentos ilegais de colonos israelís en Palestina, abondando na apropiación de terras agrarias e a produción de alimentos do pobo palestino por parte do Estado de Israel. A Secretaria Xeral do SLG denunciou a complicidade dos gobernos occidentais nas políticas xenocidas do Estado de Israel, ensalzou a dignidade da loita pola autodeterminación do pobo palestino e animou a coñecer as distintas campañas de sensibilización que sinalan a información que permite identificar a orixe dos alimentos exportados polo Goberno israelí. “O Estado de Israel utiliza a fame como arma de guerra. […] O boikot aos produtos israelís é unha ferramenta máis para amosar a nosa solidariedade co pobo palestino […] As palestinas e palestinos teñen recursos, pero fóronlle arrebatados”.

Ás 19:30 as participantes do Encontro partiron cara á manifestación feminista coas compañeiras da Plataforma Feminista de Lugo, mobilización con saída ás 20.00 da explanada do Edificio Multiusos da Xunta e finalización na Praza Santa María.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información