Mulleres rurais, o traballo invisible

A maioría das agricultoras e gandeiras carece de axuda no coidado do fogar. O 90% asegura levalo en solitario, a maiores do traballo na explotación, segundo unha enquisa de Agaca. As organizacións agrarias piden maiores apoios á cotización das mulleres e ó acceso á titularidade compartida das granxas

Mulleres rurais, o traballo invisible

O Sindicato Labrego reivindica unha maior participación da muller en espazos públicos. / Imaxe: Arquivo Sindicato Labrego.

As organizacións do agro aproveitan o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, para lembrar o papel que xogan as mulleres no rural galego e para sinalar aquelas cuestións nas que son precisos maiores avances de cara á igualdade. Un estudo da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) realizado con socias de cooperativas agrarias apunta algúns dos problemas clave. O 90% das mulleres asegura encargarse do traballo doméstico en solitario, a maiores da súa actividade na explotación.

A compatibilización do traballo no agro co doméstico e co coidado de rapaces e maiores deixa menos tempo para a participación das mulleres en cuestións públicas. O 40% di non ter tempo para optar a un posto nun consello reitor da súa cooperativa. Os datos de Agaca apuntan a que o 49% das persoas asociadas a cooperativas agrarias son mulleres, pero só o 12% de integrantes de consellos reitores son mulleres e só hai un 3% de presidentas.

As mulleres son o 49% das persoas asociadas a cooperativas, pero só un 12% de integrantes dos consellos reitores son mulleres

A Asociación Galega de Cooperativas desenvolveu durante o último ano dez xornadas con participación de maís de 400 mulleres para escoitar as necesidades das socias de cooperativas e impulsar a súa participación nas agrupacións. Falta de tempo e necesidade de formación específica en cuestións de xerencia e administración de empresas foron algunhas das conclusións.

Cotizacións e cotitularidade
Por parte das organizacións agrarias, o Sindicato Labrego tamén cuestiona que sexan os homes os que se encargan en xeral no rural de todo o relacionado cos espazos públicos (participación en cooperativas, trámites nas oficinas agrarias e concellos, etc.), en tanto as mulleres asumen soas os traballos domésticos.

O Sindicato Labrego advirte de que as pensións das mulleres no agro son un 35% inferiores ás dos homes

O Sindicato Labrego lembra tamén as dificultades de cotización na seguridade social para as mulleres labregas: “Cando hai dificultades económicas, a primeira cotización que se perde é a das mulleres. Moitas seguen sen cotizar ou chegan á idade de xubilación con pouco máis de 15 anos cotizados. A consecuencia directa disto é que as pensións ás que teñen acceso as mulleres labregas son un 35% inferiores ás dos homes”.

A organización agraria cuestiona por último os escasos avances que houbo na titularidade compartida das granxas. A pesar de que a Ley 35/2011 fai posible esa cotitularidade, só 135 mulleres a solicitaron desde que entrou en vigor a lei hai 5 anos.

Fademur
Fademur, a federación de mulleres rurais ligada a Unións Agrarias-Upa, demanda asimesmo maiores apoios para fomentar a titularidade compartida e o acceso das mulleres á cotización da seguridade social. Fademur pide que a bonificación do 30% da cota da seguridade social á que teñen dereito as mulleres menores de 50 anos durante os primeiros 5 anos de cotización se extenda tamén ás mulleres maiores de 50.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información