O sector agropecuario, un piar fundamental da nosa economía e sociedade, esconde unha realidade preocupante: as mulleres que traballan nel enfrontan riscos laborais que comprometen a súa saúde e benestar. Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT), o sector agrícola é un dos sectores con máis riscos laborais, só superado pola minaría e a construción. Este sector caracterízase por unha alta porcentaxe de traballadores temporais e a frecuente participación de familiares nos traballos. As mulleres, a pesar de representar unha porcentaxe menor da forza laboral neste sector, teñen unha taxa de incidencia de enfermidades profesionais e accidentes laborais significativa e require unha atención urxente.
Un problema invisible
A invisibilidade das mulleres no campo contribuíu a que os seus problemas laborais queden relegados a un segundo plano. A miúdo, as súas tarefas son consideradas como unha extensión dos labores domésticos, o que dificulta o recoñecemento dos riscos a que se expoñen e a aplicación de medidas de prevención adecuadas. Como consecuencia, as traballadoras non reciben a compensación nin a protección adecuada por parte das mutuas ou da seguridade social. A lexislación vixente mostra unha preocupante falta de atención á especificidade do sector agrario e, dentro deste, ás particularidades da muller labrega.
A realidade das traballadoras autónomas
Moitas labregas son traballadoras autónomas, unha condición que agrava a súa precariedade. A idea de que, por seren autónomas, poden organizar o seu tempo con flexibilidade non se corresponde coa realidade diaria do agro, onde os ritmos de traballo veñen marcados polas necesidades da terra e os animais.
“Malo será” que non atopen tempo, adoitan escoitar estas traballadoras, ignorándose que moitas das súas tarefas non poden pospoñerse. Este concepto erróneo invisibiliza o seu esforzo e subliña a falta de protección para un colectivo que debe realizar traballos pesados, a miúdo sen dereitos básicos de conciliación nin protección adecuada en caso de enfermidade ou accidente.
Existe unha gran división entre o traballo produtivo e o reprodutivo, valorizando só o primeiro e menosprezando o segundo. No caso das labregas, moitos dos proxectos están localizados no lugar onde residen, o que leva a que as súas actividades sexan vistas como unha extensión do traballo doméstico. Esta percepción fai que o seu labor non teña o recoñecemento necesario e, polo tanto, non se considere que poidan sufrir enfermidades ou accidentes laborais.
Riscos laborais con impacto particular nas traballadoras do sector agropecuario
As labregas enfrontan diversos riscos que afectan de xeito desproporcionado a súa saúde:
- Pesticidas, fertilizantes e outros produtos químicos utilizados en limpeza ou desinfección son compañeiros constantes no traballo agrícola. A exposición a estes tóxicos, especialmente durante o embarazo e a lactación, pode ter consecuencias devastadoras, desde problemas reprodutivos e endócrinos ata enfermidades neurolóxicas e mesmo cancro. Ademais, o manexo de substancias cáusticas e corrosivas, como ácidos e álcalis, supón un risco adicional. Queimaduras, lesións oculares e problemas respiratorios son algunhas das graves consecuencias que poden sufrir estas mulleres, especialmente vulnerables debido á súa participación diferenciada en certas labores e ás súas características fisiolóxicas.
As longas xornadas laborais, a presión por cumprir prazos, o illamento social, a discriminación e a precariedade laboral contribúen ao estrés e a ansiedade
- Levantar e transportar cargas pesadas, manexar animais de gran tamaño, adoptar posturas forzadas e realizar movementos repetitivos son parte da rutina diaria no agro. Este traballo físico esixente pasa factura, especialmente ás mulleres, máis propensas a sufrir lesións musculoesqueléticas debido a que as cargas e ritmos de traballo, adaptados ao “traballador medio”, non consideran as diferenzas anatómicas e fisiolóxicas, un exemplo son os mandos dos apeiros, maquinarias e instalacións como a altura das salas de muxido,… que están deseñados para as condicións físicas dos homes, o que incrementa os riscos para as mulleres, que son máis propensas a sufrir dores de costas, lesións nas articulacións e problemas crónicos.
- O ruído e as vibracións da maquinaria agrícola, a miúdo subestimados, representan un risco significativo para a saúde das mulleres no sector agropecuario, afectando desde a audición ata a saúde reproductiva. En granxas de leite, por exemplo, o ruído do proceso de muxido pode superar os límites recomendados, afectando especialmente ás mulleres embarazadas, causando problemas auditivos e estrés, con posibles repercusións na saúde materno-fetal.
- As mulleres adoitan estar máis involucradas en tarefas que implican un contacto próximo con animais, como o coidado de gando, a cría de aves de curral ou o manexo de explotacións gandeiras pequenas. Esta maior exposición aumenta o risco de sufrir accidentes como mordeduras, picaduras, rabuñadas, cornadas ou couces. As infeccións transmitidas por animais, como a toxoplasmose ou a brucelose, poden ter graves consecuencias para a saúde reprodutiva das mulleres, afectando á fertilidade, ao embarazo ou á lactación.
As mulleres labregas deben recibir formación continua sobre os riscos específicos que enfrontan, así como sobre as medidas preventivas e os seus dereitos laborais
- As condicións ambientais extremas, como a calor, o frío e a humidade ou a radiación solar, tamén pasan factura, causando deshidratación, insolación, hipotermia e outras enfermidades e afecta especialmente as mulleres durante o embarazo.
- As longas xornadas laborais, a presión por cumprir prazos, o illamento social, a discriminación e a precariedade laboral contribúen ao estrés e a ansiedade, afectando a saúde emocional e psicolóxica das traballadoras. Estudos publicados na Revista Española de Saúde Pública (García et al., 2018) indican que as condicións laborais poden influír na saúde das mulleres durante a menopausa, sinalando que aquelas con traballos fisicamente demandantes ou en contornos de estrés poderían enfrontar unha menopausa precoz debido á disrupción da función ovárica.
É hora de actuar!!
A situación das mulleres no sector agropecuario require unha resposta urxente. Non se trata só de implementar medidas preventivas, senón de recoñecer as súas necesidades específicas como traballadoras. É unha obrigación legal recoñecer o labor que realizan, así como os riscos laborais e as enfermidades asociadas, garantindo a protección adecuada e os dereitos laborais que lles corresponden.
Medidas urxentes para protexer e recoñecer o seu traballo
- É fundamental avanzar en estudos sobre os riscos laborais específicos que afectan ás mulleres labregas. A creación de sistemas de vixilancia epidemiolóxica permitiría recoller datos precisos, detectar enfermidades profesionais e mellorar a prevención. Ademais, é necesario establecer recoñecementos médicos periódicos e específicos, con atención á saúde reprodutiva, incluíndo exames xinecolóxicos e de prevención de enfermidades zoonóticas. Isto facilitaría a detección precoz de problemas e permitiría proporcionar o recoñecemento e compensación axeitados.
- Os postos de traballo deben ser avaliados e adaptados, especialmente para as mulleres embarazadas ou lactantes. Actualmente, obter unha baixa por “Risco no Embarazo” é un proceso complexo. Simplificar este procedemento é clave para garantir a protección das traballadoras e os seus fillos, asegurando que non estean expostas a condicións perigosas.
- As instalacións deben ser adaptadas para facilitar o manexo seguro de animais e minimizar riscos, con especial atención ao uso de equipos de protección individual (EPIs) adaptados ás características físicas das mulleres. Elementos como cascos, luvas antivibratorias, protectores auditivos e calzado ergonómico son esenciais para reducir o risco de lesións. Ademais, o uso de maquinaria máis silenciosa e ben mantida pode axudar a reducir os efectos nocivos do ruído e as vibracións.
- O coñecemento é unha das mellores ferramentas de prevención. As mulleres labregas deben recibir formación continua sobre os riscos específicos que enfrontan, así como sobre as medidas preventivas e os seus dereitos laborais, incluíndo información sobre saúde reprodutiva e lactación.
- Proporcionar horarios flexibles, permisos de maternidade e paternidade, así como servizos de gardería, é crucial para mellorar a conciliación laboral e familiar. Tamén é importante establecer descansos regulares para evitar a fatiga e o estrés térmico, especialmente en condicións de calor ou frío extremos, garantindo a hidratación axeitada.
- As mulleres labregas deben contar con programas de apoio psicosocial, como asesoramento e grupos de apoio, que lles permitan previr e abordar os riscos psicosociais derivados do illamento, a presión laboral ou a discriminación.
- Finalmente, promover a igualdade de xénero no sector agropecuario é esencial, combatendo a discriminación e a violencia de xénero e favorecendo o empoderamento das mulleres neste ámbito.
Protexer ás traballadoras agrarias debe ser unha prioridade ineludible para tódolos actores involucrados
Un futuro máis xusto e seguro
O camiño cara a un futuro máis xusto e seguro no sector agropecuario galego pasa necesariamente polo recoñecemento e a valorización do papel fundamental das mulleres que traballan nel. Asegurarlles condicións de traballo dignas e equitativas non só é unha cuestión de xustiza social, senón tamén un investimento estratéxico no desenvolvemento sostible da agricultura. A protección da saúde e seguridade das labregas é un dereito fundamental, e o seu cumprimento é responsabilidade compartida entre empregadores, traballadoras e autoridades.
É imperativo visibilizar as dificultades que enfrontan e, máis aínda, actuar decididamente para mellorar as súas condicións laborais. Desde a avaliación e adaptación de riscos específicos (especialmente para mulleres embarazadas ou lactantes), ata a provisión de Equipamentos de Protección Individual (EPIs) adecuados á fisionomía feminina, é necesario por en marcha medidas que prioricen a seguridade e o benestar das nosas labregas. Ademais, a formación e información continua sobre os riscos laborais e os dereitos das mulleres, xunto coa promoción de políticas de conciliación, son pasos imprescindibles cara á equidade.
Avanzar na visibilidade e o recoñecemento legal destas mulleres non só contribuirá á xustiza laboral, senón que tamén fortalecerá o sector agropecuario no seu conxunto, garantindo un contorno de traballo máis seguro e xusto para todas. O futuro da agricultura galega depende da saúde e o benestar dos que a fan posible. Por iso, protexer ás traballadoras agrarias debe ser unha prioridade ineludible para tódolos actores involucrados.
É hora de esixir e protexer os dereitos das labregas, asegurando un mañá máis equitativo e sostible!
Acometer unha transformación real na protección dos dereitos das labregas e unha lexislación en materia de prevención de riscos laborais que se adapte ás peculiaridades do noso territorio, recoñecendo a realidade do traballo rural na Galiza, garantirá un futuro máis equitativo e sostible. Non abonda con cumprir a normativa estatal; convén que esta sexa sensible ás particularidades dun contexto marcado pola dispersión xeográfica, o illamento e a escaseza de recursos.
As políticas de prevención non poden seguir sendo deseñadas desde unha perspectiva urbana e masculina. Deben axustarse ás condicións reais das mulleres que traballan no rural galego, moitas veces ignoradas a pesar de seren o auténtico motor das granxas. O recoñecemento da súa labor e a adaptación das normativas aos desafíos que enfrontan é clave para mellorar a súa calidade de vida e fortalecer o sector no seu conxunto.
Asegurar un marco normativo que responda a estas necesidades é unha responsabilidade colectiva que non pode ser adiada.