“As mulleres foron invisibilizadas na agricultura e isto configura unha gran inxustiza”

Aproximámonos de man da enxeñeira agrónoma e especialista de xénero Emma Siliprandi á agroecoloxía para coñecer máis sobre este modelo de produción agrogandeiro centrado na sustentabilidade

“As mulleres foron invisibilizadas na agricultura e isto configura unha gran inxustiza”

A enxeñeira agrónoma Emma Siliprandi é experta en agroecoloxía e activista social especializada en movementos rurais. Foto: Programa Agrosfera de TVE

A comezos deste mes de xullo estaba previsto que a Universidade de Vigo se convertese durante 3 días en referencia mundial do agroecoloxismo coa celebración do VIII Congreso Internacional de Agroecoloxía, que contaba con expertos de distintos países e recoñecida traxectoria profesional neste ámbito. A crise sanitaria pola pandemia do Covid-19 impediu que se levase a cabo de xeito presencial, pero desenvolveuse igualmente de forma virtual.

Aproveitando a cita falamos cunha das investigadoras e especialistas en agroecoloxía máis destacadas do panorama internacional, a enxeñeira agrónoma e activista social especializada en movementos rurais, Emma Siliprandi. O seu labor en organismo como a FAO, organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, así como os seus traballos abordando o papel da muller nas transformacións agrarias convertérona en todo un referente.

-Reivindica que a agroecoloxía non é unha opción individual, por que é tan importante a involucración da contorna e a comunidade?
-A agroecoloxía ten un enfoque de territorio. Non hai que cambiar as condicións soamente dunha leira, se as demais seguen con prácticas non sustentables. Por exemplo, as augas subterráneas contamínanse igual, sen respectar límites de propiedades. O mesmo para o aire, a terra, así como para as cuestións de comercialización e organizativas. Non se pode facer unha feira agroecolóxica cunha única leira. Hai que construír comunidade, compromiso, colectividade.

“A agroecoloxía pode ser un modelo de produción e consumo moito máis amigable co ambiente e coas persoas”

-Que pode achegar a agroecoloxía ás sociedades que están a apostar por unha agricultura convencional e intensiva?
-A agroecoloxía pode ser un modelo de produción e consumo moito máis amigable co ambiente e coas persoas. Producir de forma agroecolóxica significa diminuír ou eliminar as externalidades negativas que o modelo convencional e intensivo leva (por exemplo, en termos ambientais, como a contaminación da auga, dos chans, a perda de biodiversidade, etc.). Pero tamén en termos económicos e sociais, con redistribución de ingresos e poder entre grupos sociais.

-É unha opción só para aqueles países en vías de desenvolvemento ou é tamén preciso comezar a valorar esta forma de produción noutros escenarios? Por que?
-Tódolos sistemas agroalimentarios están en crises, non só nos países en vías de desenvolvemento. Basta ler os diarios para ter unha idea. Basta pensar na crise alimentaria causada polo Covid-19. Tódalas persoas se poden beneficiar cun modelo máis incluínte e respetador da natureza. O planeta é un só, non se pode separar o que está a ocorrer en termos ambientais entre o Sur e o Norte global, todas as persoas están a sufrir as consecuencias deste modelo insustentable.

“Tódolos sistemas agroalimentarios están en crises. Non se pode separar o que está a ocorrer en termos ambientais entre o Sur e o Norte”

-En que liñas traballan para conseguir achegar o modelo agroecolóxico en rexións onde xa está implantada unha agricultura intensiva e enfocada á produción para a exportación?
-Hai dúas formas de iniciar a transición á agroecoloxía que son internacionalmente recoñecidas: o uso máis eficiente dos recursos mediante prácticas que estimulen a reciclaxe, a resiliencia e a melloría dos procesos naturais; e a substitución dos insumos externos (artificiais) por procesos internos, na leira. Iso pode ser un bo comezo, pero non se debe parar aí. A agroecoloxía supón un cambio sistémico na forma de producir, transformar, distribuír e consumir os alimentos, que cambia o obxectivo da produción en primeiro lugar.

-Un dos eixos da súa participación no congreso foi a análise da agroecoloxía nas axendas internacionais. De que maneira están a apoiar os organismos internacionais a agroecoloxía?
-Desde 2018 lanzouse na FAO, co apoio de varias organizacións internacionais, a Iniciativa de Ampliación da Escala da Agroecoloxía en nivel mundial. Esta iniciativa pretende brindar apoio á produción de coñecementos por medio de estudos e investigacións; asesoría á implantación de políticas que favorezan á agroecoloxía en países e rexións; e o fomento a procesos de diálogos internacionais que involucren sociedade civil, gobernos, academia, e distintas organizacións, para discutir os pescozos de botella existentes e trazar prioridades de traballo. Nisto estamos.

-Como de involucrada está a FAO?
-A FAO é responsable pola Secretaria Executiva da Iniciativa e está a coordinar este traballo coas demais organizacións.

“O fluxo financeiro dirixido á agroecoloxía aínda é moi pequeno, pero existe”

-Achegan financiamento as entidades internacionais para a implantación da agroecoloxía?
-Hai estudos que mostran que o fluxo financeiro dirixido á agroecoloxía aínda é moi pequeno, pero existe, tanto por parte de organizacións públicas como tamén de fundacións privadas. Pero, para haber un cambio significativo nos sistemas mundiais, tería que haber un cambio tamén no uso dos recursos hoxe existentes, que terían que ser dirixidos a prácticas agroecolóxicas e non a prácticas insustentables.

-Outro dos aspectos sobre os que leva anos insistindo é a importancia de visibilizar o papel das mulleres na agroecoloxía, cando comezou a valorar esta perspectiva de xénero?
-Este tema sempre estivo presente na miña vida profesional. Deime conta moi pronto de que as mulleres eran invisibilizadas na agricultura e que isto configuraba unha gran inxustiza. As mulleres non só traballan na agroecoloxía, senón que pensan, estudan, experimentan, organízanse. Son suxeitos activos das transformacións sociais, pero non son recoñecidas como se merecen.

“As mulleres son suxeitos activos das transformacións sociais, pero non son recoñecidas como se merecen”

-Como están a contribuír as mulleres á implantación da agroecoloxía?
-En todos os aspectos, tanto en experiencias locais como en espazos internacionais, como produtoras, extensionistas, en ONGs, na investigación, na academia, nos sindicatos, nas organizacións internacionais. As mulleres están presentes en todos estes espazos, só que as súas contribucións non son valoradas ou son restrinxidas a temas considerados marxinais, secundarios.

-Hai moitas diferenzas entre a relación das mulleres co campo en América Latina e Europa?
-Si, polo contexto, polas condicións de produción, hai diferenzas históricas, sociais, culturais. Pero tamén hai moitas similitudes dadas pola condición de xénero, polo patriarcado hexemónico en todas as sociedades occidentais.

-En máis dunha ocasión denunciou que a contribución das mulleres e dos líderes campesiños foi silenciado en países de Latinoamérica, que medidas son necesarias para cambiar esta situación?
-Non só en países de Latinoamérica, as voces das mulleres e doutros grupos sociais subordinados foron silenciadas en todo o mundo. Só a organización social e política destes grupos marxinalizados levará a cambios significativos neste sentido.

“Necesitamos cambiar a narrativa internacionalmente aceptada de que só o modelo depredador é capaz de alimentar o mundo”

-Que retos se presentan a curto prazo para a agroecoloxía?
-Cambiar a narrativa internacionalmente aceptada de que só ese modelo depredador é capaz de alimentar o mundo. Isto é unha mentira en moitos sentidos, pero a xente común pensa que comer comida chatarra empapada en veleno é a súa única opción. E isto non é así. A agroecoloxía, coa participación activa de mulleres e homes en todas as súas etapas, da produción ao consumo, é a mellor opción para cambiar os nosos sistemas agroalimentarios, con xustiza económica, social e ambiental, promovendo o coidado dos ecosistemas, das paisaxes, sen explotación entre os seres humanos e proporcionando unha alimentación de calidade e sa para todas as persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información