Motivacións e barreiras para a expansión dos sistemas agroforestais en Europa

A enxeñeira de montes Mercedes Rois analiza na súa tese de doutoramento cales son as razóns que poden levar aos agricultores europeos a adoptar sistemas produtivos que combinen os usos gandeiros e forestais da terra, unha práctica que Bruxelas pretende fomentar a través da PAC

A doutora Mercedes Rois suma case 20 anos de investigación no eido forestal

A doutora Mercedes Rois Díaz suma case 20 anos de investigación no eido forestal

O pasado 2 de febreiro a enxeñeira de montes Mercedes Rois Díaz defendeu, na Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a súa tese doutoral Mellora da sustentabilidade da agricultura en Europa: factores clave para a implementación de sistemas agroforestais.

A tese enmárcase no proxecto europeo AGFORWARD (Agroforestry that Will Advance Rural Development), que busca promover as prácticas agroforestais en Europa para o desenvolvemento rural, mellorando a competitividade económica, así como aspectos sociais e medioambientais dos sistemas agrícolas.

A tese foi dirixida polos catedráticos da USC María Rosa Mosquera Losada e Antonio Rigueiro Rodríguez e realizada mentres a doutoranda traballaba no Instituto Forestal Europeo, que ten a súa sede en Finlandia. Mercedes Rois conta con preto de 20 anos de experiencia en investigación de carácter internacional e xestión de proxectos europeos, sendo o seu principal campo de especialización os sistemas agroforestais, sobre os que versa a súa tese doutoral.

Mercedes Rois traballou no Instituto Forestal Europeo, con sede en Finlandia

Conta con experiencia tamén na transferencia de resultados científicos a xestores, con especial énfase na bioeconomía circular, e no uso da dixitalización como apoio ao desenvolvemento do sector forestal, e un gran interese na sensibilización e educación sobre a bioeconomía forestal.

O tribunal encargado de avaliar a tese foi presidido polo profesor da Universidade de Oviedo Pedro Álvarez Álvarez, formando parte xunto coa profesora da USC Rosa Romero e a docente do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) Marina Pedrosa Castro. Este comité outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de Mercedes Rois.

Un sistema tradicional que foi a menos

Europa caracterízase por amosar unha paisaxe esencialmente rural, onde aproximadamente o 40% da superficie da Unión Europea é agrícola e o 42% é forestal. A agrosilvicultura foi un uso tradicional da terra en Europa dende os inicios da civilización e incidiu de forma importante na paisaxe.

Sen embargo, moitos destes sistemas foron desaparecendo por mor dos cambios económicos e sociais, como foron o abandono da terra, a urbanización e a intensificación con monocultivos agrícolas ou forestais.

Os sistemas agroforestais preséntanse como una alternativa sostible con futuro, pero o seu espallamento foi limitado

“Dende a década dos 90 a agrosilvicultura colleu pulo de novo como sistema de uso sustentable da terra, sendo unha das actividades que poden contribuír ao desenvolvemento rural para fixar e atraer poboación, proporcionando emprego e beneficios dun xeito sustentable. Mais ese espallamento, aínda que hai exemplos de éxito, foi limitado”, recoñece Mercedes.

Dada a situación actual, na que é necesario garantir unha seguridade alimentaria fronte ao aumento da poboación mundial e loitar contra o cambio climático, presentándose a bioeconomía como a vía inequívoca para un desenvolvemento económico que teña en conta a sustentabilidade dos recursos naturais, “os sistemas agroforestais preséntanse como una alternativa sostible con futuro”, asegura.

A agrosilvicultura, unha práctica sustentable e beneficiosa

A agroselvicultura é a integración deliberada dun compoñente leñoso, arbóreo ou arbustivo, cunha produción agrícola ou aproveitamento gandeiro, que permite aliñar e incrementar a produción ao mesmo tempo que se salvagardan os servicios ecosistémicos, desde producción de alimento ou biomasa, á mellora da resiliencia dos ecosistemas co control de erosión, prevención fronte a incendios, fixación de carbono, control biolóxico, polinización, valor estético ou mellora da biodiversidade, entre moitos outros.

“As políticas adoptadas condicionan en gran medida as alternativas ás que poden optar os agricultores e silvicultores e deberían ser un instrumento crucial para fomentar o desenvolvemento e extensión destas prácticas”, defende Mercedes.

Na tese analízanse as razón dos agricultores e silvicultores para adoptar ou non sistemas agroforestais e como afectan as políticas europeas ao seu uso ou expansión

Pero para que as medidas adoptadas sexan efectivas é importante analizar primeiro as experiencias dos agricultores e silvicultores e coñecer como entenden eles as súas actividades e contextos. “Esta tese buscaba precisamente afondar no coñecemento das razóns dos agricultores e silvicultores europeos para establecer sistemas agroforestais fronte a unha agricultura ou silvicultura convencional e tamén analizar como afectan as políticas existentes en Europa ao uso e expansión dos sistemas agroforestais”, explica.

Razóns de carácter económico e cultural

A decisión de aplicar un sistema agroforestal depende de consideracións económicas, sociais e medioambientais con complexas implicacións de posibles beneficios, custos, oportunidades e riscos. Para a identificación de motivacións e barreiras percibidas polos agricultores e silvicultores leváronse a cabo un total de 183 entrevistas a agricultores e silvicultores en 8 países europeos, concretamente en España, Italia, Grecia, Portugal, Francia, Alemaña, Reino Unido e Hungría, que foron analizadas segundo a metodoloxía da Teoría Fundamentada (Glaser e Strauss, 1967), unha metodoloxía cualitativa de investigación científica.

Realizáronse 183 entrevistas a agricultores e silvicultores en 8 países para identificar as motivacións que levan a decantarse ou a descartar a combinación de usos gandeiros e forestais

Esta visión cualitativa dos agricultores foi combinada logo con aportacións cuantitativas de expertos na rexión mediterránea, para o que se levou a cabo unha simulación seguindo a metodoloxía do Proceso Analítico en Rede (Saaty, 1996), baseada nunha análise de decisión multi-criterio.

Maior complexidade no manexo

sistemas agroforestais cabras

Rabaño de cabras de Cabuxa Natur, en Guntín (Lugo)

O estudo identifica como factores clave para o uso da agrosilvicultura a tradición na familia ou na rexión, a diversificación dos produtos que se poden obter e o coñecemento de experiencias exitosas. A diversificación de produtos está ligada a un menor risco na produción fronte a cambios no mercado ou a unha climatoloxía adversa.

O estudo identifica como factores clave para o uso da agrosilvicultura a tradición na familia ou na rexión, a diversificación dos produtos que se poden obter e o coñecemento de experiencias exitosas

En cambio, os factores que favorecen unha agricultura convencional son o costume, a falta de coñecemento sobre sistemas agroforestais ou a maior simplicidade da agricultura convencional. Outros factores con menor incidencia, pero que tamén afectan á decisión son a viabilidade económica, a existencia de subsidios, o tempo de adicación necesario e a complexidade da xestión, a calidade do solo, así como a idade do agricultor e a propiedade da terra, xa que a plantación de árbores limita os futuros usos posibles da parcela.

Os agricultores, en xeral, optan por plantar árbores en terreos marxinais, onde a agricultura convencional é difícil ou non rendible, xa que a plantación de árbores limita os futuros usos posibles da parcela

“Os agricultores, en xeral, optan por plantar árbores en terreos marxinais, onde a agricultura convencional é difícil ou non rendible”, aclara Mercedes. Outras razóns identificadas na súa investigación para decantarse por practicar agrosilvicultura foron o benestar animal, a mellora do medioambiente, a calidade da paisaxe e a calidade de vida.

Os agricultores e silvicultores que teñen ingresos por outros traballos amósanse más dispostos a practicar a agrosilvicultura

Ademais, os agricultores e silvicultores que tiñan ingresos por outros traballos, amosáronse, nas entrevistas realizadas, más dispostos a practicar a agrosilvicultura. “A existencia de axudas tamén favorece que os agricultores ou propietarios forestais xestionen o territorio de certa maneira. Algúns entrevistados recibiron axudas para estas prácticas agroforestais, mentres que a maior parte deles descoñecían a existencia das mesmas, que en calquera caso son limitadas”, afirma Mercedes.

O coñecemento de experiencias exitosas, un factor clave

Tamén se identificou, ao longo do estudo, un coñecemento limitado sobre a agrosilvicultura entre os agricultores ou propietarios forestais, polo que, insiste a autora da tese, “para fomentar o uso das prácticas agroforestais é preciso mellorar a educación e formación dos agricultores e silvicultores sobre aspectos técnicos, económicos e sobre os beneficios da agrosilvicultura, especialmente a través de exemplos de casos de éxito”.

Os servizos de extensión agraria e forestal xogan un papel crucial na transferencia do coñecemento acadado e dos últimos avances

De feito, observouse que, se se presentan e expoñen estes exemplos, os agricultores e silvicultores amosan un crecente interese e unha maior disposición a aplicalos. Neste eido, “os servizos de extensión agraria e forestal xogan un papel crucial na transferencia do coñecemento acadado e dos últimos avances”, considera.

Concienciación dos consumidores

sistemas agroforestais porco celta1

Porcos celta nun piñeiral pertencente á CMVMC O Carballo, en Friol

Así mesmo, “hai unha necesidade de aumentar a concienciación entre os consumidores, para que amosen unha prioridade por produtos derivados da agrosilvicultura, a pesar dos prezos algo máis elevados que teñen nalgúns casos, actitude que actuará como incentivo para os agricultores”, di.

Os expertos en sistemas agroforestais consultados durante a investigación percibiron como beneficios medioambientais máis importantes a menor necesidade de produtos como insecticidas, funxicidas, herbicidas e fertilizantes, a mellora da calidade da auga e a mellor regulación da circulación das augas superficiais.

O aumento dos custos de recursos humanos e a competencia entre cultivos, arboredo e animais foron identificados como factores negativos significativos, xunto coas escasas oportunidades de mercado

Entre os beneficios económicos expostos, o máis relevante foi o menor risco de negocio, dada a diversificación de produtos e a súa maior calidade, coincidindo coas razóns indicadas polos agricultores e silvicultores.

O aumento dos custos de recursos humanos e a competencia entre cultivos, arboredo e animais foron identificados como factores negativos significativos. As principais oportunidades identificadas foron a existencia de axudas económicas e a axuda técnica dos servizos de extensión. Os riscos principais detectados son as escasas oportunidades de mercado e a falta de subsidios.

Fomento a través da PAC

sistemas agroforestais cabras PAC

A PAC para o período 2023-2027 reforza os aspectos ambientais a través da condicionalidade e os ecoesquemas

Para contextualizar o marco político, na investigación procedeuse a realizar unha revisión das diferentes políticas e estratexias que afectan directa ou indirectamente ao uso dos sistemas agroforestais, e como estes poden contribuír aos obxectivos que pretenden as mesmas, se ben a tese céntrase na Política Agraria Común (PAC), por ser a política de maior impacto na agricultura e o desenvolvemento rural a nivel europeo.

Unha das dificultades para expandir a agrosilvicultura a escala europea foi a falta de acordo na súa definición

“Unha das dificultades para expandir a agrosilvicultura a escala europea foi a falta de acordo na súa definición. A PAC do período 2007-2013 incluía únicamente arboredo como compoñente leñoso, mentres que a inclusión tamén de arbustos na PAC 2014-2020 facilitou a adaptación dos sistemas agrícolas en función das distintas situacións dos Estados membro”, expón Mercedes.

O fomento do compoñente leñoso en Europa pódese apreciar en diferentes seccións da PAC actual ligadas ao Pilar I (pagos directos) e Pilar II (programas de desenvolvemento rural), aínda que a agrosilvicultura soamente está explícitamente recoñecida na Medida 8.2 Establecemento de sistemas agroforestais do Pilar II.

As axudas por prácticas agroforestais son limitadas e descoñecidas pola maior parte dos agricultores

A Comisión Europea recoñeceu no ano 2005 o valor social e medioambiental dos sistemas agroforestais e a medida específica de axuda ao seu establecemento (M222) foi introducida na PAC 2007-2013 e mellorada na PAC 2014-2020 (M8.2). “Previsiblemente continuarán as melloras nos vindeiros anos dentro da nova PAC para o periodo 2023-2027”, asegura Mercedes Rois, que recoñece sen embargo que “estas medidas que afectan aos terreos forestais tiveron até agora unha repercusión limitada en todos os países europeos”.

Contribución dos sistemas agroforestais á sustentabilidade do planeta

sistemas agroforestais PAC1

Gando vacún pacendo unha zona de mato nos Ancares

Hai unha recente tendencia ao recoñecemento da contribución dos sistemas agroforestais tanto a obxectivos globais, como son a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, como a obxectivos europeos, como son a Estratexia de Bioeconomía, o Pacto Verde e as derivadas Estratexia da Granxa ao Garfo, Estratexia da Biodiversidade e Estratexia Forestal, entre outras.

De feito, o capital natural é cada vez máis valorado tanto por gobernos e institucións como polo sector privado, como se reflicte na Alianza pola Bioeconomía Circular e na Terra Carta. “Mentres que a industria ten que adaptarse sen demora a unha bioeconomía circular, demandando en orixe materias primas ou subprodutos renovables e sustentables, os gobernos teñen que entender a realidade dos agricultores e silvicultores para definir e aplicar políticas eficaces, fomentando que xestionen as súas terras dun modo sustentable e resiliente”, defende Mercedes.

“Dada a grande variedade de produtos que se poden obter coas diferentes combinacións nos sistemas agroforestais, aliñando produción múltiple con sustentabilidade e servicios ecosistémicos, a agrosilvicultura ten un gran potencial para proporcionar materias primas e subprodutos que son cruciais para despregar esa bioeconomía circular que permita á sociedade vivir dentro dos límites do planeta”, conclúe.

As áreas agroforestais arboradas ocupan no conxunto da UE unha superficie de 15 millóns de hectáreas e un terzo delas sitúanse en España

Mapa de ubicación dos sistemas agroforestais na UE. (Fonte den Herder et al. 2017)

Mapa de ubicación dos sistemas agroforestais arbolados na UE. (Fonte: den Herder et al. 2016)

Dentro do proxecto AGFORWARD, levouse a cabo unha cuantificación do territorio europeo ocupado por sistemas agroforestais. Estas zonas foron mapeadas usando os datos de ocupación do solo da base de datos LUCAS (Land Use/Cover Area frame Survey, Eurostat 2015) e o sistema de monitorización territorial COPERNICUS, baseado en mapas de alta resolución.  

De acordo co estudo elaborado no 2016 no marco do proxecto AGFORWARD e liderado polo investigador holandés do Instituto Forestal Europeo (EFI) Michael den Herder, a superficie total de sistemas agroforestais na UE-27 é de 15,4 millóns de hectáreas, o equivalente ao 3,6% do territorio e o 8,8% da área agrícola en uso (SAU), considerando unicamente os sistemas con árbores, sen incluir os que levan arbustos como elemento leñoso, xa que de considerar estes acádanse preto dos 20 millóns de hectáreas, como indica outro estudo liderado neste caso pola profesora da USC no Campus Terra de Lugo Rosa Mosquera, que contabiliza 2,66 millóns de hectáreas de terreo de mato adicado a pastoreo e 1,8 millóns de hectáreas de xardíns urbanos e residenciais.

En total, contabilizando só o arborado, sen ter en conta a superficie con compoñente leñoso arbustivo, a área ocupada por sistemas agroforestais en Europa (UE27) sería de 15,4 millóns de hectáreas, o equivalente ao 3,6% do territorio e o 8,8% da área agrícola en uso (SAU)

A meirande parte dos sistemas de aproveitamento agroforestal atópanse en áreas do sur de Europa: suroeste, centro e partes do norte de España; centro, sur e nordeste de Portugal; sur de Francia; illa de Cerceña e sur de Italia; centro e nordeste de Grecia; Bulgaria central e occidental; e unha zona do norte de Romanía.

A maior extensión da agrosilvicultura europea atópase nas rexións mediterráneas e os sistemas silvopastorís son o tipo de aproveitamento dominante

En todas estas zonas, o pastoreo con gando é o tipo dominante. “A agrosilvicultura europea está dominada polo silvopastoreo, como os bosques de frondosas de pastoreo e as pradeiras con baixa densidade de arborado, por exemplo, as dehesas e os montados, pero tamén polos cultivos permanentes pastoreados, como son os oliveirais no Mediterráneo e os hortos de froiteiras nas rexións continental e atlántica”, detalla Michael den Herder na súa investigación.

superficie agroforestal na UE por paísesOs cultivos permanentes de froiteiras e oliveiras con aproveitamento gandeiro suman 1 millón de hectáreas no conxunto da UE. As árbores illadas e os peches verdes de parcelas, tales como sebes, ocupan case 300.000 hectáreas (o 0,02% da área territorial da UE), con valores elevados en países como Francia, España, Reino Unido e Italia.

Considerando que cubren cerca do 9% da superficie agrícola utilizada da UE, os sistemas agroforestais merecen un lugar máis predominante nas axendas políticas

“Considerando que cubren cerca do 9% da superficie agrícola utilizada da UE, os sistemas agroforestais merecen un lugar máis predominante nas axendas póliticas”, defenden os autores do estudo, entre os que se atopa a profesora Rosa Mosquera.

España, o país da UE con máis superficie agroforestal

mapa sistemas silvopastorís en EspañaA área ocupada por sistemas agroforestais en España acada os 5,58 millóns de hectáreas, segundo os cálculos efectuados no marco do proxecto AGFORWARD, o que o sitúa como o Estado membro da UE con maior superficie agroforestal, seguido de Grecia e Francia (1,6 millóns de hectáreas), Italia (1,4 millóns de hectáreas), Portugal (1,2 millóns de hectáreas) e Romanía (0,9 millóns de hectáreas).

Sen embargo, tendo en conta a área agroforestal en relación á superficie agraria total do país, destacan países como Portugal (32%) ou Grecia (31%). Pola contra, os países europeos nos que os sistemas agroforestais teñen menor peso son Polonia, Alemaña e República Checa, que se sitúan entre o 1 e o 2%.

tabla superficie agroforestal en España por comunidadesSegundo os datos do Sistema de Información sobre Ocupación do Solo de España (SIOSE), en España hai arredor de 1,1 millóns de hectáreas de terras silvoarables, 18.000 ha de oliveiras intercaladas con vide y máis de 4,5 millóns de hectáreas adicadas a silvopastoreo, onde destacan as dehesas (2,3 millóns de hectáreas). 

As dehesas de comunidades como Estremadura e Andalucía suman más de 2 millóns de hectáreas e supoñen un terzo das hectáreas adicadas a silvopastoreo en España

Por comunidades, Estremadura (1,4 millóns de hectáreas), Andalucía (1,2 millóns) e Castela e León e Castela A Mancha (1 millón cada unha) son as que dispoñen de maior superficie agraria adicada a sistemas agroforestais. En Galicia a superficie adicada a pastos arbustivos e forestais ocupa 123.314 hectáreas, entre os que destacan aproveitamentos tradicionais con gando vacún e cabalar en zonas de serra (en moitos casos vinculados a Comunidades de Montes Veciñais en Man Común) e explotacións de porco celta en soutos de castiñeiros e fragas de carballos, unha tendencia crecente nos últimos anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información