A mostra gandeira ExpoLugo A Rural reunirá máis de 60 exemplares de razas autóctonas en Lugo

A Vicepresidencia da Deputación e a área de Cultura do Concello de Lugo promove a organización da mostra,que reivindica a orixe gandeira das festas. O tradicional desfile de gando pola cidade será o domingo 5 a partir das 13.30 horas

expolugo a rural 1Lugo evocará un ano máis a orixe gandeira do San Froilán coa mostra ExpoLugo A Rural, que se celebrará os días 4 e 5 de outubro en Lugo co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.

O deputado de Rural Daniel García, a concelleira de Cultura do Concello de Lugo Maite Ferreiro e o presidente do Pazo de Feiras e Congresos Rubén López, acompañados por representantes das asociacións gandeiras Boaga, Asoporcel, Avimós, Ovica e Acruga, presentaron a mostra, que se instalará por segundo ano consecutivo na contorna do Vello Cárcere, ubicación que estreou o ano pasado e que incrementou as visitas ao recinto.

O deputado de Rural Daniel García agradeceu “o traballo desenvolvido polo persoal do Pazo de Feiras e polas asociacións gandeiras e colexios profesionais que ao longo do ano traballan na organización da mostra, que conseguimos relanzar coa decisión de subila á cidade e integrala nas actividades lúdicas e culturais do San Froilán”.

O responsable provincial encadrou a feira “no apoio que desde a área de Rural ofrecemos as asociacións e ganderías de razas autóctonas” e destacou que “o San Froilán, que atrae visitantes de toda Galiza e de fóra, é o mellor escaparate posible para amosar á cidadanía este patrimonio xenético e, sobre todo, recoñecer a labor das gandeiras e gandeiros que o coidan e o conservan”.

A concelleira de Cultura Maite Ferreiro incidiu tamén “na orixe gandeira do San Froilán” e na valoracion positiva do novo emprazamento da mostra”. Destacou tamén a importancia simbólica do desfile de gando, como unha das actividades máis singulares do programa do San Froilán” e lamentou que “a Xunta de Galicia retirase o apoio á organización da feira, facendo unha vez máis de menos as festas do San Froilán e, especialmente neste caso, unha actividade pensada para lembrar as súas raíces”.

A mostra contará cunhas 60 cabezas de diferentes razas autóctonas de Galiza -de gando bovino: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega; ovino: Ovella Galega; cabrún: Cabra Galega; porcino:Porco Celta; avícola: Galiña de Mos e Galiña Piñeira; equino: Pura Raza Galega; cans: Can de Palleiro – e doutras procedencias, recoñecidas polas súas características físicas ou rendemento como as ovellas Suffolk, Charolesa, Romanov, Churra e Texel Negra e vacas Charolesas . No recinto tamén se poderá ver maquinaria clásica que achega o Muvicla.

Desfile de gando

Ademais da mostra gandeira, no contexto de ExpoLugo A Rural organízase o tradixional desfile de gando pola cidade de Lugo que é emblema do San Froilán. Unha trintena de animais -entre eles e como novidade, un exemplar de cachena – percorrerán as rúas do centro da cidade o domingo 5 de outubro, desde ás 13.30 horas, coa familia Pelúdez á fronte.

Actividades formativas

Expo Lugo A Rural conta ademais cun programa de charlas divulgativas e técnicas, que se celebrarán o sábado 4 pola mañá no Pazo de Feiras e Congresos. Especialistas en diferentes áreas falarán de razas minoritarias españolas e da relacion entre saúde, gandería e medio ambiente. Ademais, investigadores do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo presentarán o traballo sobre dípteros de interese veterinaria e en medicina humena que están a facer na provincia de Lugo coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Descarga aquí o programa completo das Festas do San Froilán 2025

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información