A Mostra Galega de Apicultura celebra 40 anos o vindeiro 7 de xuño en Arzúa

Organizada por AGA, contará con ponencias sobre nutrición apícola, a importancia dos ácidos orgánicos no control da varroa, deseño de equiquetas e creación de marca, o método Palmer para a produción de núcleos e raíñas

A pandemia obrigou a medidas extraordinarias como control de aforo e celebración de todas as actividades ao aire libre

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) está de celebración. A súa Mostra Galega de Apicultura cumpre 40 anos e a efeméride celébrase o vindeiro 7 de xuño en Arzúa baixo un completo programa formativo que inclúe novidades sobre tratamentos naturais contra a varroa, nutrición apícola ou a creación de núcleos e abellas de xeito sostible. 

A edición deste ano contará con novidades interesantes e útiles para os profesionais e afeccionados á apicultura, como pode ser unha charla de deseño enfocada a como mellorar a imaxe de marca, ou unhas probas médicas para determinar alerxias, facendo probas gratuítas a quen queira achegarse sobre alerxia a gramíneas, própole, xelea real, mel, e por suposto, á apitoxina das abellas.

“Parécenos que debemos orientarnos cada vez máis a que estas xornadas non só sexan un día de encontro e de celebración, senón tamén de utilidade para todos e todas. Teremos, coma sempre, a oficina de AGA para recoller material do Plan Apícola, múltiples postos de material apícola así como postos de produtores locais”, detallan desde a Asociación Galega de Apicultura.

PROGRAMA DA 40ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA

Sábado 7 de xuño no edificio multiusos Terra do Queixo de Arzúa

  • 10:30-11:30 h. “A importancia dos ácidos orgánicos e das substancias naturais no control da varroa”, por Filipa Pucariço, de laboratorios Hifarmax.
  • 11:30-12:30 h. “Vestir o mel: como o deseño transforma a apicultura en marca” por Julio Seijas Rosende, deseñador gráfico.
  • 12:30-13:30 h. “Control de calidade dos produtos apícolas” por Francisco Orantes Bermejo, Director de Apinevada.
  • 14:00-16:00 h. Xantar abelleiro
  • 16:00-17:00 h. “Castañicultura Apícola “ por Pablo Villaverde López, socio fundador da Asociación Galega das castañas e dos soutos e David Rey Míguez socio de AGA.
  • 17:00-18:00 h. “O método Palmer, unha forma sostible de producir núcleos e raíñas” por Francisco, de Macmel.
  • 18:00-19:00 h. “Nutrición apícola” por Miguel Ángel Villar Casal, de apícola Candieira.

Todas as charlas realizaranse na Sala 4 do Multiusos.

Na aula 3 do piso superior estará de 12:00-14:00 h.  Cristina , a xestora das axudas da PAC de AGA, para que os que solicitaron esta axuda resolvan as súas dúbidas e procedan o pago do seus servizos e a recoller a documentación pertinente.

Estará tamén este ano como novidade a Dra Alice Coimbra e o seu equipo do hospital  S. João do Porto, entre as 11:00 e as 15:00h, para facer un test rápido de alerxias (gramíneas, apitoxina, mel, Própole, xelea…) a tódolos apicultores que lles pique a curiosidade.

Haberá espazo Abelliñas Obreiras para deixar as crianzas durante toda a xornada, así como unha serie de actividades para o público xeral, coma cata de mel e queixos de Arzúa, obradoiro de gominolas con mel para adult@s, e un obradoiro de manualidades para crianzas e nais/pais.

cartel 40 Mostra Galega de Apicultura AGA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información