A mostra de razas autóctonas ExpoLugo A Rural achégase ao recinto feiral do San Froilán

A Vicepresidencia da Deputación promove a organización da mostra, que reivindica a orixe gandeira das festas

A mostra de razas autóctonas ExpoLugo A Rural achégase ao recinto feiral do San Froilán

Presentación da mostra de razas autóctonas ExpoLugo A Rural.

A mostra gandeira ExpoLugo A Rural, que evoca a tradición gandeira do San Froilán, celebrarase os días 4 e 5 de outubro. O recinto gandeiro instalarase no Cantiño Nemesio Cobreros, entre o Vello Cárcere e o Seminario. Alí acudiron Iria Castro, deputada de Cultura, e Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo, acompañadas por representantes do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e as asociacións gandeiras colaboradoras, para presentar a mostra.

Iria Castro agradeceu o traballo realizado por todos os implicados para conseguir que todas as entidades que participan na feira teñan un espazo no que formular as propostas e poñelas en marcha de xeito conxunto. Tamén destacou “que a nova ubicación achega a mostra gandeira á cidade e favorece a súa integración entre as actividades culturais e lúdicas do San Froilán”.

Rubén Arroxo resaltou o “importante peso” co que a cultura tradicional galega ten na programación das festas. “Como administración, é o noso deber traballar na conservación e promoción dos nosos elementos culturais máis relevantes” afirmou a concelleira, que destacou esta mostra como “un piar da programación máis tradicional do San Froilán”.

Presentación da mostra.

Presentación da mostra.

A mostra contará con exemplares de razas autóctonas de Galiza de gando bovino, ovino, cabrún, porcino, avícola, equino e cans, así como especies doutras procedencias, recoñecidas polas súas características físicas ou rendemento como as ovellas Suffolk ou as cabras Boer.

A actividade formativa, divulgativa e técnica que inclúe o programa da mostra, na que se abordarán diferentes cuestións de interese para gandeiras e gandeiros, desenvolverase no Pazo de Feiras e Congresos e no auditorio do Vello Cárcere. O programa das dúas xornadas será o seguinte:

Venres 4. O Vello Cárcere

11.00 – 12.00. Que rumiar cando crías pequenos rumiantes. Primeiros pasos para a posta en marcha dunha granxa de ovino-cabrún.

  • Por Miguel Viña Vázquez, veterinario da ADSG Acivo e Amaia Santamaría Benito, técnica de Ovica

12.30 – 14.00. Mesa de expertos
16.30 – 17.15. Asamblea Acivo
17.30 – 18.00. Enfermidades emerxentes debido a parasitos externos

  • Por Ana Jamardo Cerneira, veterinaria de ADSG Acivo

Sábado 5. Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

10.00 – 10.40. Plan Sanitario Integral de Explotacións de Gando Vacún

  • Por Jóse Antonio Fernández García, membro da xunta do Colexio de Veterinarios de Lugo

10.45 – 11:20. Terra e xente. Aprendendo do pasado, mirando ao futuro

  • Marcos Vázquez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas, director do Muvicla e técnico da oficina agraria de Meira

11.30 – 11.55. Da Escola á Granxa. Aposta polo futuro do rural dende a Educación Infantil e Primaria

  • Carlos Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro agrónomo. Aréa de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

12.00 – 12.30. Proxecto Asoporcel. Trazabilidade dixital certificado por blockchain na cadea produtiva da raza autóctona 100% Porco Celta

  • Por Mario Rouco Rey, enxeñeiro agrónomo e desenvolvedor de negocio de Innogando. Asoporcel

12.30 – 13.00. Proxecto Bio4trace: Biotecnoloxía para a trazabilidade e selección xenética en razas minoritarias españolas

  • Por Roberto Besteiro Doval, investigador do CIAM de Mabegondo. Asoporcel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información