O sector da xardinería e planta ornamental ten unha das súas principais citas do ano entre o 15 e o 17 de marzo en Tomiño, na Mostra de Cultivos do Baixo Miño. O certame, que chega este ano a súa décimosexta edición, contará con 32 stands de viveiros e empresas auxiliares do agro, así coma cun amplo programa de actividades para profesionais e público en xeral. Como é habitual, a cita tamén adicará un taller dirixido a abordar as oportunidades de formación e emprego no agro, pois un dos problemas habituais das empresas do sector é a falta de man de obra especializada.
Este ano, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que se desenvolverá no pavillón de Goián (Tomiño), abordará a cuestión do emprego desde unha perspectiva transfronteiriza. En colaboración coa Eurocidade Cerveira – Tomiño, desenvolverase durante a Mostra un workshop (obradoiro) sobre ‘Oportunidades de formación e emprego no agro’, que contará coa colaboración de empresas e centros educativos de Galicia e Norte de Portugal.
No obradoiro, presentarase a posta en marcha dunha Bolsa de emprego agraria transfronteiriza e promoveranse fórmulas de colaboración entre as empresas e os centros educativos. Contarase, ademais, cunha xornada técnica sobre ‘O agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo’.
Para participar neste workshop, que se celebrará o 15 e 16 de marzo, é necesario facer inscrición previa a través deste enlace.
A programación transfronteiriza completarase coa presentación dunha misión comercial inversa, que se está a organizar co obxectivo de facilitar a materialización de relacións comerciais entre as empresas do sector agrícola do norte de Portugal e do Baixo Miño.
Unha Mostra para todos os públicos
A XVI Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrarase do 15 ao 17 de marzo no pavillón municipal de Goián, organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño.
Serán tres días repletos de actividades divulgativas dirixidas a profesionais e a público xeral, con actividades pensadas tamén para desfrutar en familia. Así, por exemplo, o domingo 16 o chef Iván Méndez ensinará como preparar produtos do país con dous showcooking (un para cativos e cativas -12.30 h- e outro para adultos -17.30 h-), mentres que os nenos e nenas poderán desfrutar dunha xornada chea de xogos e talleres cunha temática vencellada principalmente aos cultivos e á froita (de 11 a 19 h).
Tamén haberá un taller de plantación no stand do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, que permitirá ás persoas participantes levarse a casa a súa propia planta, ou un obradoiro de purín de ortigas como ferramenta ecolóxica para a horta.
32 expositores e máis de 15 actividades
A 16ª Mostra de Cultivos conta esta edición cun amplo programa de actividade e con 32 expositores que amosarán as súas novidades ao público asistente. Entre as empresas participantes, celebrarase o certame Acubam Innovación, un premio que chega á súa cuarta edición recollendo innovacións tecnolóxicas aplicables a calquera elo da cadea de valor do agro na comarca.
Por outra banda, durante a Mostra darase a coñecer o gañador ou gañadora dos Premios Xardín Galego, posto en marcha o ano pasado por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) co obxectivo de dignificar e promocionar o sector da xardinería en Galicia.
Ademais, o público poderá asistir a calquera das catro mesas técnicas organizadas para a ocasión, na que se tratarán dende as cubertas axardinadas e a xardinería vertical, o agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo ou técnicas de control de impacto da vespa velutina na contorna ata o tema da auga no rural.
Máis información
– Programa completo da Mostra de Cultivos do Baixo Miño (15 – 17 de marzo do 2019).