Morre Álvaro Rodríguez Eiras, presidente do Grupo Aresa

O empresario, natural de Meira, fundou a compañía especializada en fertilizantes e produtos agrícolas en 1971 en Lugo. Hoxe, coa súa sobriña Carlota López Pardo á fronte, segue sendo unha referencia no sector

Álvaro Rodríguez Eiras, no centro, durante a entrega do premio Aresa o pasado mes de marzo

Álvaro Rodríguez Eiras, no centro, durante a entrega do premio Aresa o pasado mes de marzo

O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras faleceu este luns aos 92 anos. O empresario, natural de Meira, fundou a compañía especializada en fertilizantes e produtos agrícolas en 1971 e foi o impulsor do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que este ano cumpre 25 edicións.

Tras ceder nos últimos anos a xestión da empresa á súa sobriña, Carlota López Pardo, don Álvaro continuaba vinculado a unha firma con máis de medio século de historia que é unha referencia na fabricación, asesoramento e venda de subministracións agrícolas.

O empresario deu os seus primeiros pasos vinculado á tenda dos seus pais, José Rodríguez Gato e Lucila Eiras González, en Meira, localidade onde tamén foi alcalde entre 1961 e 1966. Tiña 29 anos, o que o converteu no rexedor municipal máis novo de España.

Comezou traballando na tenda familiar e entre 1961 e 1966 foi alcalde de Meira

A principios dos 70 dá o salto a Lugo, onde se consolida o negocio e medra exponencialmente. A primeira sede da empresa establécese nun baixo alugado na rúa Montirón, pero apenas dous anos despois, a expansión da firma obriga a un traslado ata o número 187 da próxima Avenida de Madrid, onde se constrúe a nave que aínda hoxe alberga as oficinas centrais da empresa.

En 1987 Aresa adquire en Rábade a súa primeira gran planta de fabricación de fertilizantes, de 4.000 metros cadrados e cuxa capacidade terá que ser duplicada en tan só 10 anos. Baixo o paraugas do Grupo Aresa, en 2002 nace Todocampo, unha cadea de tendas de produtos para a agricultura, gandería, xardinería e mascotas. En 2003 créase Cecoagro, como almacén de produtos agrícolas e gandeiros e que conta con fábrica de pensos en Begonte.

Ramón, o Fertimón!

Nos seus máis de 60 anos de actividade pública, Rodríguez Eiras destacou por contribuír ao impulso e modernización do sector agrogandeiro e por fomentar o asociacionismo empresarial. Xunto a Roberto Tojeiro e Carlos Vila, en 1976 creaba a Sociedade Agrícola Galega SL (SOAGA), con sede en Vilagarcía de Arousa e presenza actualmente en Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal.

Entre os produtos comercializados por Aresa está o Fertimón, un clásico que nos anos 80 e 90 protagonizou populares anuncios na televisión pública autonómica baixo o lema Ramón, o Fertimón!, e que segue sendo unha marca emblemática entre os abonos fabricados en Galicia.

Impulsor do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Álvaro Rodríguez Eiras puxo en marcha no ano 2000 en colaboración coa Universidade de Santiago o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural para recoñecer aqueles proxectos empresariais e institucionais que favorecen a mellora do rural e a creación de emprego e riqueza nos sectores agrícola e gandeiro.

Este certame, dirixido a empresas, grupos de investigación, asociacións e outras entidades vinculadas á economía rural galega, é un exemplo do esforzo sostido de Rodríguez Eiras por modernizar o agro galego e garantir a súa relevancia económica. Nas 24 edicións celebradas ata a data recoñeceron proxectos clave neste sentido.

O Premio Aresa, que cumpre este ano 25 edicións, é unha das moitas probas do legado de Rodríguez Eiras coa formación

A súa estreita colaboración coa USC, particularmente co Campus de Lugo, está tamén presente noutras iniciativas, como Xuvenciencia. Por iso, o reitor da Universidade compostelá, Antonio López, expresou o seu profundo pesar polo falecemento de Álvaro Rodríguez Eiras, a quen considera unha figura destacada na dinamización do sector agroalimentario galego.

En 2008, a súa contribución ao desenvolvemento do ámbito rural e o seu vínculo coa USC valeulle a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, un recoñecemento ao seu compromiso coa formación, a investigación e o impulso do sector agroalimentario.

Defensa da formación e a innovación

A Confederación de Empresarios de Lugo, a Universidade de Santiago e a Deputación de Lugo foron algunhas das entidades que mostraron as súas condolencias á familia, destacando o carácter “único e irrepetible” de Rodríguez Eiras e a súa vinculación co sector agrogandeiro da provincia.

O presidente da Deputación, José Tomé, enviou as súas condolencias ao grupo Aresa, familia e amigos, confirmando que asistirá este martes ao funeral, que se celebrará na igrexa lucense de Santiago A Nova ás 17:00 horas.

Foi unha persoa absolutamente comprometida co rural e co desenvolvemento do sector primario

“Déixanos un dos empresarios de referencia da nosa provincia”, afirma Tomé Roca, quen valora que Álvaro Rodríguez Eiras “foi unha persoa absolutamente comprometida co rural e co desenvolvemento do sector primario”. “Compartíamos a idea de que a formación e a investigación son fundamentais para ese desenvolvemento e hoxe en día os Premios Aresa, que el creou, teñen unha transcendencia moi importante”, engade.

Referente do asociacionismo empresarial

A Confederación de Empresarios de Lugo sumouse ás mostras de pesar polo falecemento de Álvaro Rodríguez Eiras, lembrando que “foi un dos fundadores da CEL e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), así como tamén o seu primeiro presidente”. Concretamente, exerceu a presidencia da CEL desde o 29 de decembro de 1977 ao 16 de xullo de 1984 e da CEG desde xuño de 1979 a setembro de 1982, cargos desde os que traballou por un modelo empresarial innovador e adaptado aos novos tempos.

Foi o primeiro presidente da patronal galega, entre xuño de 1979 e setembro de 1982

“É, polo tanto, un dos grandes referentes do asociacionismo empresarial na provincia de Lugo e da defensa da liberdade de empresa e da libre economía de mercado durante a época da transición democrática en España”, subliña a CEL.

A patronal lucense define a Álvaro Rodríguez Eiras como “un traballador incansable e comprometido co seu entorno como demostra a súa implicación en múltiples iniciativas empresariais e sociais”.

O secretario xeral do CEL, Jaime López, destaca o seu papel como impulsor do rural, considerándoo un “visionario sobre o peso e a importancia do noso rural e a necesidade de impulsalo e modernizalo como base para o desenvolvemento deste territorio”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información