Moratoria a novas plantacións de eucalipto en Galicia

A Xunta propón paralizar de xeito temporal o cultivo da especie naquelas superficies que na actualidade teñen outro arborado ou están a monte raso. De saír adiante a iniciativa, poderíase seguir plantando con normalidade tras corta nos eucaliptais actuais

Moratoria a novas plantacións de eucalipto en Galicia

Plantación de eucalipto. / Arquivo.

O debate do Plan Forestal que se iniciou hoxe no Parlamento arrancou coa sorpresa dunha probable moratoria a novas plantacións de eucalipto en Galicia. O conselleiro do Medio Rural, José González, propuxo paralizar de xeito temporal a expansión da especie “da forma máis inmediata posible e co rango normativo que sexa necesario”.

A iniciativa da Xunta consiste en prohibir a plantación de eucaliptos en todas aquelas superficies que na actualidade teñan outro arborado ou estean a monte raso. Nos eucaliptais que se corten sí se poderá volver a plantar con normalidade, igual que ata o de agora.

Na práctica, a medida oriéntase a frear a substitución de piñeirais por eucaliptos, unha dinámica que estaba a acontecer nos últimos anos sobre todo no interior das provincias da Coruña e de Lugo. Cómpre lembrar que a Lei de Montes xa prohíbe desde o 2012 que as masas de frondosas caducifolias (carballos, castiñeiros, bidueiros, etc.) se substitúan por eucaliptos. Tamén estaba xa prohibida a súa plantación en terras agrarias.

A proposta do conselleiro enmárcase no debate do Plan Forestal. Tanto o BNG como o PSdeG rexeitan o Plan proposto pola Xunta e piden a súa retirada para que volva ser reelaborado, pois consideran que carece da rigurosidade necesaria. Nos próximos días, o grupo maioritario do PPdeG negociará un posible acordo para sacar adiante o Plan co maior consenso posible.

O conselleiro defendeu que o Plan leva cinco anos de elaboración e que no documento se inclúen 101 das 115 directrices propostas polo grupo de traballo do Consello Forestal, un órgano que mantivo unha quincena de reunións e no que participaron unha representación das organizacións da cadea da madeira e do sector ambiental.

A iniciativa de paralizar as novas plantacións de eucalipto, que non estaba na proposta do Plan Forestal, é a carta que gardaba na manga a Xunta para buscar un maior consenso. Intenta así contentar ós sectores ambientalistas, que defendían a necesidade dunha maior atención á biodiversidade forestal, se ben trátase dunha cuestión polémica, pois Concellos do centro de Lugo como Castroverde ou Baralla levan anos de protestas demandando que se permita seguir cultivando nos municipios do interior da provincia o eucalipto nitens, unha cuestión á que a Xunta xa amosara a súa reticencia hai anos.

A decisión final da Administración autonómica de paralizar de xeito temporal as novas plantacións de eucalipto, en tanto non se acade un consenso maior sobre como regular a especie, non colle pois de sorpresa ás organizacións da cadea da madeira, que eran coñecedoras de que a moratoria proposta por Medio Rural era máis que probable.

Máis información
A Xunta liga a moratoria ó eucalipto cun plan de incentivos para piñeiro e frondosas caducifolias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información