Montes de Cedeira: un exemplo de uso público e multifuncional do monte

Os Montes de Cedeira son un conxunto de terreos de titularidade pública de arredor de 2.000 hectáreas e situados na Serra da Capelada, no norte da provincia da Coruña. Constitúen un conxunto de elevado valor paisaxístico, medioambiental e son un exemplo de aproveitamento multifuncional do monte.

Montes de Cedeira: un exemplo de uso público e multifuncional do monte

Monte da Capelada, integrado nos Montes de Cedeira, visto dende a torre de vixilancia.

Os Montes de Cedeira son un conxunto de terreos de titularidade pública de arredor de 2.000 hectáreas e situados na Serra da Capelada. Constitúen un conxunto de elevado valor paisaxístico, medioambiental e de aproveitamento multifuncional do monte.

En total, este espazo forestal comprende catro áreas: o Monte Capelada e o Monte Couce, que abranguen un total de 1.585 hectáreas, das que 760 están arboradas, 291 son pasteiros e o resto monte baixo; o Monte Lume, cunha extensión de 360 hectáreas, das que 259 son de monte arborado, 68 hectáreas son de pastos e o resto monte baixo, e o Monte Braxe, que comprende un total de 145 hectáreas, das que 100 están arboradas, 10 a pasto e as 35 restantes son monte baixo.

Os montes Capelada, Couce e Lume son propiedade do Concello de Cedeira e foron declarados de utilidade pública no ano 1901. O monte da Braxe é de titularidade da Xunta de Galicia e tamén está en proceso para ser declarado de utilidade pública. As masas forestais de todos eles son propiedade da Administración autonómica, que tamén asume a súa xestión.

“Foron declarados de utilidade pública no ano 1901”

Debido ás especiais condicións xeolóxicas da zona -a Serra da Capelada é un dos poucos entornos de Galicia nos que o solo está formado por rochas ígneas básicas –neste caso do Complexo do Cabo Ortegal -, unha das especies forestais que mellor se adaptou ao terreo foi o Piñeiro Radiata ou de Monterrey, que ocupa a maioría do espazo arborado. Nos últimos anos realizouse unha plantación de arredor de 35 hectáreas de frondosas caducifolias, como carballo, castiñeiro ou bidueira. Esta repoboación realizouse tras o paso da cicloxénese explosiva Klaus, que o 23 de xaneiro de 2009 arrasou arredor de 200 hectáreas de masas arbóreas só nestes montes.

Aproveitamento dos pastos e valores culturais e medioambientais

As arredor de 370 hectáreas de pasteiros son aproveitadas polos veciños da zona para a cría de gando vacún e cabalar en extensivo. A xestión dos pastos realízase a través dun total de 8 Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) e, no caso do Monte Lume, a través dunha Sociedade Cooperativa Limitada.

Ademais do seu aproveitamento gandeiro, os Montes de Cedeira teñen un alto valor cultural e medioambiental. Así, no seu perímetro atópanse os restos de varios elementos do patrimonio arqueolóxico e lugares de peregrinación relixiosa como a Capela de Santo André de Teixido ou os cruceiros de Teixedelo e do Campo dos Carrís. A presenza de hábitats singulares como turbeiras ou uceiras levou á Unión Europea a incluír boa parte do Monte da Capelada e do monte da Braxe dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa Ártabra, integrada dentro da Rede Natura 2000.

“Estes montes contan cunhas 370 hectáreas de pasteiros”

Por outra parte, os Montes de Cedeira tamén contan con diversas rutas de sendeirismo e de cicloturismo. A presenza de cogomelos, especialmente boletus e níscalos, fan deste tamén deste entorno un lugar concorrido polos aficionados á micoloxía. Ademais, no monte da Braxe celébrase cada ano a tradicional Rapa das Bestas, evento que supón un importante atractivo turístico.

Xestión Forestal

En canto ás masas forestais, as primeiras plantacións nos montes Capelada e Couce realizáronse nos anos 40 do pasado século por parte do Patrimonio Forestal do Estado. Coa chegada da autonomía, a Xunta de Galicia asumiu a xestión e a propiedade das masas arboradas, mentres que, no caso dos Montes da Capelada, Couce e Lume, o terreo seguiu en mans do concello de Cedeira. Deste xeito, e conforme aos acordos do consorcio creado no ano 1941, de cada corta de madeira realizada o consistorio cedeirense recibe o 57,5% do valor de venda, e á administración galega correspóndelle o 42,5% restante. No caso do monte da Braxe todos os ingresos pola venda de madeira son para a Xunta de Galicia, administración xestora e propietaria das masas forestais e do propio monte.

Os tres montes contan cun proxecto de ordenación forestal, dende o ano 1998, no caso dos Capelada e Couce. Neste ano 2016 estanse a iniciar os trámites para as revisións dos plans especiais, coa finalidade de axustar o Plan de Ordenación á situación real do terreo.

 “As quendas de corta de Piñeiro Radiata son cada 40 anos”

Ademais, estas masas forestais están incluídas dende o ano 2003 no Sistema de Xestión Forestal Sustentable da Xunta de Galicia e toda a madeira que se corta véndese co selo de sustentabilidade PEFC. Tamén é de salientar que o monte da Braxe conta desde o ano 2008 cun horto de semente MFR (Material Forestal de Reprodución) de categoría controlada –azul- de Pinus pinaster con pés conseguidos a través de selección xenética e cunha garantía de superioridade comprobada en ensaios. Trátase da categoría máis alta existente e en Galicia só existen outros dous hortos de semente de categoría semellante.

O equipo de persoal da Consellería do Medio Rural que xestiona os montes de Cedeira está dirixido por José Manuel Zapata Fernández, técnico do Distrito Forestal 1 de Ferrol, e conta con 2 cuadrillas, 1 tractor, 1 peón especializado e 1 axente. Os traballos que realizan van dende a rexeneración das masas forestais, labores de prevención contra o lume e contra as pragas (rozas, uso de trampas para capturar insectos….etc), labores de silvicultura (podas altas, medias e baixas) ou cortas de madeira, tanto claras como cortas finais. Tamén se ocupan do mantemento de infraestruturas, fundamentalmente os peches perimetrais temporais en zonas reforestadas con frondosas para evitar que o gando as estrague, así como do mantemento de 4 puntos de auga.

En canto ao aproveitamento madeireiro, as quendas de corta do Piñeiro Radiata nestes montes rondan os 40 anos, pero, tal e como advirte José Manuel Zapata, “a catástrofe do Klaus arrasou con moitas árbores adultas, polo que decidimos deixar de cortar durante uns anos masa adulta de piñeiro para non romper o equilibrio de idades”.

Un monte sen lumes grazas á boa xestión e ao aproveitamento multifuncional

En canto ás principais ameazas destes montes, a procesionaria do piñeiro é un das principais, e xa obrigou a talar algunhas plantacións. Polo que respecta aos lumes, os labores de prevención e a boa xestión están a dar os seus froitos: “Nestes montes, afortunadamente, non hai lumes. Os últimos importantes foron a mediados dos anos 70 e no 2001 houbo un pequeno conato de incendio”, salienta José Manuel Zapata.

Neste sentido, o pastoreo do gando cumpre un papel moi importante nas labores de prevención, así como un importante aforro económico. “O gando ten controlado o monte baixo e ao estar nunha extensión tan grande afórranos moito diñeiro en tarefas de roza mecánica. Nas repoboacións de frondosas, onde temos valado para que non acceda o gando, temos que rozar con regularidade e iso ten un custo”, subliña o representante da Consellería do Medio Rural.

En definitiva, os Montes de Cedeira constitúen un exemplo de aproveitamento multifuncional do monte de xeito sustentable, o que redunda en beneficio de toda a sociedade.

Gando cabalar no monte Capelada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información