Monterroso prepárase para recibir a miles de visitantes na Feira de Santos, unha das referencias do outono galego

O vindeiro venres, 1 de novembro, haberá feira de gando vacún, cabalar, porcino, ovino e caprino e ducias de postos de alimentación, artesanía e un amplo mercado de produtos de tempada

Imaxe da Cúpula, onde se concentran os vendedores locais, nunha imaxe da feira do ano pasado

Imaxe da Cúpula, onde se concentran os vendedores locais, nunha imaxe da feira do ano pasado

O Concello de Monterroso ultima xa os preparativos para a celebración da Feira de Santos, o vindeiro venres día 1 de novembro. Como cada ano, agárdase que esta cita, declarada de Interese Turístico Galego, reúna na localidade a miles de visitantes. Para que todo discorra con normalidade, haberá un amplo dispositivo de tráfico e seguridade desde primeira hora do día.

Coñecida como a feira das feiras, a de Santos é unha das citas máis tradicionais e agardadas de Galicia e ten lugar cada primeiro de novembro. Este evento converte á localidade lucense de Monterroso no epicentro comercial da comunidade, atraendo por centos de vendedores e miles de asistentes.

A Feira de Santos de Monterroso é ‘a feira das feiras’, un símbolo da identidade rural galega

Un dos principais atractivos da feira é a venda de produtos de alimentación, onde teñen un especial protagonismo os produtores locais. Na Cúpula, un espazo reservado para estes comerciantes, ofrécense produtos de tempada como noces, castañas, abelás, fabas, mel, queixos e derivados do porco, entre outros.

Ademais, a feira acolle unha ampla variedade de produtos artesanais, desde roupa e calzado ata maquinaria agrícola, o que a converte nun mercado diverso e de gran calidade.

Programación

A feira de gando congrega a numeroso público no mercado da localidade desde primeira hora

A feira de gando congrega a numeroso público no mercado da localidade desde primeira hora

En canto á programación, está previsto que haxa feira do gando, no mercado gandeiro desde ben cedo. De seguido, o Goberno local fará a recepción de autoridades no Concello de Monterroso ás 11:00 horas. Haberá unha visita ao Museo e Centro de Interpretación Monterroso, a vila das feiras, ubicado no edificio do antigo Centro de Saúde e que permanecerá aberto até a 1 do mediodía, e un paseo polo recinto feiral.

Monterroso conta cun Centro de Interpretación sobre a importancia histórica que as feiras sempre tiveron nesta vila da Ulloa

A Feira de Santos de Monterroso segue sendo fiel á súa esencia tradicional, mantendo vivos os elementos culturais e sociais que a fixeron destacar desde os seus inicios. Ao longo dos séculos, a feira conservou o seu espírito de celebración popular, onde o comercio se mestura coa festa e a música tradicional, converténdose nun símbolo da identidade rural galega e nunha das citas máis destacadas do calendario festivo de Galicia. 

cartel Feira de Santos de Monterroso 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información