A DO Monterrei súmase ao programa ‘ExportOU’ da Confederación Empresarial de Ourense

A iniciativa contempla para o segundo semestre do ano accións para situar os viños ourensáns no exterior e buscar novos mercados

Publicidade
A DO Monterrei súmase ao programa ‘ExportOU’ da Confederación Empresarial de Ourense

A presidenta do Consello Regulador de Monterrei, Lara Da Silva, durante a presentación telemática do programa.

A Denominación de Orixe Monterrei acaba de sumarse ó programa de internacionalización ‘ExportOU’ da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Esta semana a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, e a súa homóloga na CEO, Marisol Nóvoa, participaron nunha presentación telemática do programa ás adegas de Monterrei.

Un dos obxectivos máis inmediatos desta iniciativa é potenciar a ‘Marca Ourense’ e conseguir que as adegas de Monterrei se sumen ao ExportOU, programa posto en marcha pola CEO co apoio da Deputación de Ourense.

O programa deseñou para o segundo semestre deste ano accións enfocadas única e exclusivamente a situar o viño ourensán no exterior, buscar novos mercados, e impulsar a súa consolidación no resto. Todo iso levarano a cabo a través dunha plataforma de recursos, formación, información e asesoramento aberto agora ás adegas da DO Monterrei.

A presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, instou a tódolos socios a unirse a este proxecto, xa que a exportación constitúe unha oportunidade de negocio importante trala pandemia. “Este convenio de colaboración xorde tamén da sensibilidade que tivo sempre esta denominación de orixe en buscar sinerxías colaborativas ou promocionais que poidan ampliar as liñas de negocio”, indica Da Silva.

En concreto, este proxecto serve tanto para adegas que se iniciaran xa no mundo da exportación, como para aquelas que aínda están nesa fase inicial de detección de oportunidades de comercio internacional ou outras vertentes como o enoturismo. “Desde o noso Consello vemos o proxecto como unha magnífica oportunidade para dotar ás nosas adegas dos coñecementos e recursos necesarios para un traballo ben feito”, valora.

Calendario do proxecto

Ao longo deste mes de xullo está prevista a selección das adegas participantes no proxecto, así como o traballo de campo para desenvolver dixitalmente a visita virtual mediante tecnoloxías 3D e 360graos por esta zona vitivinícola e as instalacións, o que servirá como alicerce promocional no resto de accións que se implementen.

Despois do verán, realizaranse xornadas de formación para os participantes, centradas sobre todo na capacitación en mercadotecnia dixital e internacional orientadas a desenvolver a promoción das adegas nunha contorna cada vez máis dixitalizada e con actividades a distancia e telemáticas.

Na primeira semana de novembro terá lugar unha misión comercial virtual con Reino Unido e Irlanda, para promocionar o sector vitivinícola nestes potenciais mercados, que se realizará a través da realidade virtual e a tecnoloxía 360graos.

Outras actividades

Doutra banda, durante a presentación, aproveitouse para mostrar outras actividades futuras como a celebración de talleres para impulsar proxectos tractores de competitividade, con especial atención á potenciación do enoturismo, un modelo de turismo sustentable e con valor engadido, que permite ao mesmo tempo coñecer os recunchos e a riqueza do territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información