A DO Monterrei propón crear un centro vitivinícola orientado ao enoturismo

O consello regulador visita o viñedo experimental que ten o Inorde, que ámbalas institucións consideran idóneo para a iniciativa

Publicidade
A DO Monterrei propón crear un centro vitivinícola orientado ao enoturismo

Visita da presidenta do consello regulador, xunto coa xerente do Inorde, ao viñedo experimental que está ao pé do castelo de Monterrei.

A presidenta do Consello Regulador da DO Monterrei, Lara Da Silva, e a xerente do Inorde, Emma González, visitaron a finca de experimentación e investigación (viñedo) que a Deputación de Ourense ten no municipio de Monterrei e na que traballa o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde. Durante a visita, coñeceron ‘in situ’ as actuacións que se están desenvolvendo na actualidade neste viñedo experimental, situado nunha contorna privilexiada, aos pés do Castelo de Monterrei.

Aproveitando o acto, a presidenta do C.R.D.O. Monterrei propúxolle á xerente do Inorde a reconversión deste espazo nun centro vitivinícola e o deseño dun proxecto “respectuoso coa contorna e o medio ambiente, que sexa un referente enoturístico, educativo e, como non, que sirva de apoio ao propio Consello Regulador”, dixo Lara da Silva.

Pola súa banda, a xerente do Inorde indicou que este proxecto podería ser “estratéxico” para a dinamización turística da comarca.

A base deste proxecto incluiría a interacción coa Asociación Ruta do Viño Monterrei, coa idea de mostrar todo o ciclo do viño, “é dicir, desde a vide até a copa, contando tamén con elementos divulgativos da tradición e historia vitivinícola en Monterrei”; sinalou Lara da Silva, quen agradeceu á xerente do Inorde a súa atención e predisposición a colaborar na dinamización da comarca de Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información