Monterrei organiza un curso sobre os solos vitícolas

Publicidade
Publicidade
Monterrei organiza un curso sobre os solos vitícolas

Instante dunha cata de viños doces, última acción formativa realizada pola DO Monterrei.

Data inicio: 26/04/2019
Data fin: 27/04/2019
Lugar: Avenida Luis Espada, 73, Verín, España

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei organiza un curso sobre os solos vitícolas no que tratar a importancia do solo e o terroir, así como o seu manexo.

Nas xornadas abordaranse cuestións referentes ós solos vitícolas e ós factores de calidade que poden transmitir ós viños. Trataranse as diferenzas entre o solo e o terroir e reflexionarase sobre a utilización do terroir como unha unidade de análise da viticultura.

Tamén se inclúen no programa cuestións como a variabilidade vertical e horizontal, os mapas de xestión e de execución, así como, o manexo do perfil ou as propiedades químicas e físico-químicas dos solos. “No curso centrarémonos nos distintos tipos de solo e como inflúen no produto final. Sen dúbida, coñecer a nosa terra e as distintas posibilidades axudaranos na procura dunha maior singularidade nos nosos viños”, apunta a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva.

O curso é gratuíto e está destinado a un máximo de 20 alumnos. A formación desenvolverase na tarde do venres 26 de abril, (en horario de 18.00 a 21.00 horas) e durante a mañá do sábado 27 (de 10.00 a 13:00 horas). Celebrarase na sede do consello regulador de Monterrei, situada na Avenida Luís Espada, á altura do número 73, en Verín.

A sesión formativa será impartida por Vicente D. Gómez Miguel, doutor enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade Politécnica de Madrid, que conta con numerosas publicacións sobre os solos vitícolas. Gómez dirixiu máis dun cento de congresos e seminarios sobre esta materia.

Para poder asistir ó curso é preciso inscribirse previamente na sede do Consello Regulador, no teléfono 988 590 007 ou enviando un email a info@domonterrei.com. A inscrición realizarase por orde de presentación das solicitudes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información