O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei promove, durante as próximas semanas, a realización do curso formativo “Aproximación ao mundo da cata de viños”, destinado a transmitir aos/as asistentes nocións teóricas e prácticas referentes aos mecanismos de cata.
Neste curso gratuíto, destinado a un máximo de 18 persoas, presentaranse cuestións como iniciación á cata, técnicas de cata, servizo de viño, orixes da vide, variedades de uva, denominacións de orixe ou elaboracións de brancos, tintos e barricas, entre outras.
O devandito curso articúlase en catro sesións que terán lugar nas seguintes xornadas:
– 15 de abril: 1ª sesión (20 a 22.30 horas).
– 16 de abril: 2ª sesión (11 a 13.30 horas).
– 06 de maio: 3ª sesión (20 a 22.30 horas).
– 07 de maio: 4ª sesión (11 a 13.30 horas).
Será impartido polos profesionais Iria Otero (licenciada en Enoloxía pola Universidade da Rioxa – Tese Doutoral en Enoloxía na Misión Biolóxica de Galicia, CESIC) e Antonio Portela (diplomado en Ciencia da Eduación pola Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra e Master en Viticultura e Enoloxía pola Universidade de Vigo).
Este curso, que se celebrará nas adegas Franco Basalo, S.L.U (sesión do mes de abril) e Crego e Monaguillo SL (sesión de maio) pretende formar como catadores e revalorizar o viño e a súa elaboración entre o público asistente.
Para poder asistir ao curso formativo “Aproximación ao mundo da cata de viños” será necesario inscribirse previamente na sede do CRDO Monterrei (Avda. Luís Espada, 73 Baixo. Verín // Tlf. 988 590 007 // Correo electrónico: info@domonterrei.com). A inscrición realizarase por rigorosa orde de entrada.
No mes de setembro realizarase un novo curso formativo de cata de viños, tamén de carácter gratuíto, para todos/as os/as interesados en formarse nesta materia.