A crise e un moi pequeno proxecto familiar foron os que impulsaron a Mónica Brey a dedicarse á produción de mazá para a sidra. A iniciativa empezou nunha pequena finca de súa sogra, pero agora xa anda polas 10 hectáreas de maceiras para a sidra en Agar, Curantes, Olives e San Pedro de Ancorados, no concello pontevedrés da Estrada, o pirncipal produtor de mazá de sidra en Galicia. Esta produtora estradense ten claro que foi un grande acerto apostar por este sector e seguirá nel, buscando melloras e facéndoo máis eficiente.
– De onde ven o seu interese polo cultivo da mazá de sidra e como decidiu dedicarse a isto profesionalmente?
Dedicábame a temas administrativos nunha empresa familiar, pero apareceu a crise. A miña sogra xa tivo unha pequena produción e xurdiu a opción de quedarnos con algunha finca que estaba en abandono a través do plan Cernes. Case todas as fincas que temos son desa época, outras arrendámolas. Así fomos medrando ata hoxe.
– Cantas hectáreas traballa agora mesmo?
Agora estamos nas 10 ha. Traballamos variedades asturianas. Tamén plantamos algunha do campo de ensaio que se fixo aquí na Estrada con variedades galegas, pero foron moi poucas.
– A maior parte das variedades de sidra comerciais que se están a plantar son asturianas. Por que non son competitivas as variedades galegas, algunhas delas propias da Estrada?
Fíxose ese campo de ensaio en Galicia a través de Maeloc e veuse que algunha si pode ser boa, pero como tradicionalmente se empregan as de Asturias séguese apostando por esta variedade. Nós temos que producir o que nos demandan.
– Cales son os puntos clave no cultivo da maceira de sidra e os principais erros a evitar?
É clave saber que un campo de maceira de sidra se ten que tratar case como un de mesa. Se queres unha produción axeitada tes que darlle o que precisa a árbore. Tes que facer os seus arqueados, as súas podas e os seus tratamentos. Nós temos todo en ecolóxico, pero dentro do que se permite, hai que aplicar os seus tratamentos. Tes que profesionalizar a plantación. Se tes unha plantación que non miras para ela ata que chega o momento de recoller a mazá, non consegues unha plantación o máis optimizada posible.
– Canta produción consegue anualmente?
Depende, as maceiras son veceiras. Ata agora non conseguimos paliar a vecería, así que varia moito.
Producir en ecolóxico paréceme unha forma de tratar os campos moi positiva
– A vecería é un dos principais desafíos na produción de froita. Como afrontas este reto e que técnicas empregas?
Si que hai algunha técnica en ecolóxico con tratamentos, pero aquí temos moitas variedades de distintas floracións, entón se queres empregar un método químico en ecolóxico que estea permitido entre tantas variedades é inviable. Nós o que tratamos é facer podas un pouco máis frecuentes para conseguir que a vecería non afecte tanto. Intentamos que non haxa moitas roturas por cargas, para evitar que o ano seguinte sexa peor.
– Neste ano como está a ser a colleita? Afectou a climatoloxía ou algunha praga?
Este ano é ano veceiro. Este ano toca pouca produción.
– Por que apostou pola produción en ecolóxico?
Nós estamos na Estrada, unha zona que xa leva anos producindo mazá ecolóxica para sidra. Case toda a produción que hai neste concello está en ecolóxico. Paréceme unha forma de tratar os campos moi positiva. Todos deberíamos camiñar cara o ecolóxico.
– Toda a produción se dedica á sidra?
Agora mesmo vendemos todo a Maeloc a través da Cooperativa Maestra.
– Foi pioneira en introducir o traballo mecanizado na recollida do froito. Para sacudir as maceiras, contan cunha ferramenta propia. Como foi o proceso de creación desta ferramentas única? Descríbea.
A necesidade aperta. Para sacudir agora si que hai máquinas, mais cando empezamos a mecanización era o reto. Aínda así, ou mecanización ou non se podía emprender polo problema da man de obra. Para sacudir, agora que levamos uns anos, xa se empeza a ver maquinaria, pero daquela non había moita cousa.
A base de ver vídeos e investigar fixemos un vibrador que é case unha réplica dos que había no mercado, pero que nos axilizou moito o traballo.
– Tamén incorporou unha barredora, que foi unha inversión considerable. Por que apostou por esta maquinaria?
Metinme a facer esa inversión porque fixen a incorporación e por ser muller de menos de 40 anos recibín axuda. Grazas a esa subvención puiden facer ese investimento, que é considerable. Hoxe hai que mentalizarse que hai que pasar pola mecanización. E verdade que aos lagareiros non lle entusiasma a idea, pero van ter que querer si ou si porque a man é complexo.
Nun principio merqueina para a miña produción, pero algún produtor pediume que lle apañase as súas mazás. Agora mesmo eu non contrato xente e resúltame complexo poder ir coa maquinaria a outras producións.
– Pertence á Cooperativa Maestra e forma parte da directiva, que importancia ten o cooperativismo para a produción de mazá e de sidra nun territorio como o da Estrada?
É importante de cara a que todos os produtores poidan acceder aos servizos que lle da a cooperativa e estar baixo un paraugas. Se es un produtor grande podes estar ti so, pero considero que debemos traballar de cara ao cooperativismo en todos os sentidos. Agora mesmo, por exemplo, a barredora é miña, si que se debería tratar de compartir coa cooperativa e facer investimentos todos os socios.
Actualmente, dende a Cooperativa estamos intentando facer un centro de acopio e lavado da mazá
– Neste ano visitou diferentes países (Austria, Italia e Francia) a través do programa Allen Rural, da man de FADEMUR. Como foi esta experiencia e que recolleu dos diferentes países que visitou?
É verdade que vimos todo tipo de explotacións, non soamente dirixido a tema de maceiras, que para iso fixemos o ano pasado unha viaxe a través da cooperativa pola zona da Bretaña. Na experiencia deste ano coñecemos negocios relacionados coa agricultura, que nos abriu un montón de ideas e de experiencias.
A través desta viaxe decateime da necesidade de saber que nos temos que querer un pouco máis. Temos que crernos máis o que somos. Nós queremos ter todo acabado para poder ensinalo e, ás veces, con pouco basta para facer grandes cousas. Alá faise turismo de calquera pequeno detalle.
– Como ve a situación actual e as perspectivas de futuro da produción de mazá de sidra na Estrada?
Eu creo que hai que traballar na transformación e en mellorar o produto. Actualmente, estamos intentando facer un centro de acopio e lavado da mazá. Agora mesmo podes, en certa medida, facer mestura de variedades, pero están a ser máis severos no sentido de que preferir unha variedade ou outra. Se dispós dun centro permíteche poder escoller por variedades.
Gustaríame que a produción de sidra se considere un sector profesional. Aquí en Galicia é certo que moita xente ten as maceiras como unha segunda actividade e non lles importa a produción que lles dá. Todos temos cabida, pero o ideal sería ter unha profesión e dedicarse a elo. O valor pasa por iso, porque te dediques ás túas árbores.
– E no seu caso concreto, que cambios che gustaría introducir no futuro na túa explotación?
De momento, estivemos facendo novas plantacións. A idea sería ver se podemos transformar dalgunha maneira, non só sidra, senón zumes ou confituras e elaborar parte da colleita. Aínda que o máis habitual é a comercialización, se lle podes dar un valor engadido, mellor.
– Ven de celebrarse o Día da Muller Rural e tendo en conta que apostaches por este eido, como foi o camiño de emprender no rural, formar a súa familia e conciliar?
Poder conciliar é un valor engadido. Fóra da campaña podo conciliar perfectamente. Son dona do meu tempo. Eu creo que o rural ten moito futuro. Hai moitas ideas que están por descubrir e si que hai forma. Non foi un camiño fácil, pero non é fácil emprender en ningún sector.