“Dende cativo había aquí xente que tiña cabalos e eu aficioneime a montar. Por eso funos mercando ata que acabei por converter a afección nun medio de vida. Hoxe en día conto cunha cabana de arredor de 300 exemplares, algo que non é habitual en Galicia.”
Así se expresa Manuel Capón, coñecido como “Cabada”, un mozo do Viveiró, no concello lugués de Muras, que leva toda a súa vida dedicado á cría e comercialización de cabalos. Como un pasatempo primeiro e, dende os 16 anos, como o seu medio de vida.
Manuel sempre tivo claro o dos cabalos. “Non deixei antes os estudos porque non era legal. Xa con 16 anos incorporeime de pleno porque dende moi cativo tiña claro que quería ser gandeiro e, sobre todo, criar cabalos no monte. Aínda que tiven que esperar ata ter os 18 para incorporarme conforme á normativa.”
“Na miña casa non había cabalos. Había unhas poucas vacas. Igual que había en todas as casas. Pero fun criado cos cabalos dos veciños. Un día montabas nun, outro día noutro…e pasa o tempo e decátaste de que non estaría mal traballar cos cabalos”.
Contexto da explotación e a gandería equina
O modelo de explotación de Manuel, cos cabalos como actividade principal e máis entre a xente da súa xeración, é exclusivo na serra do Xistral. “Logo hai quen compaxina vacas cuns poucos cabalos. E moita xente que ten nos animais unha actividade complementaria pero traballa noutros sectores. Este modelo de gandería é moi esixente.”
Con firmes correccións administrativas, os prezos e o terreo dispoñible farían altamente rendible este modelo de gandería (Manuel Capón, Gandería Cabada)
A parte positiva é o mato do monte que pastan os cabalos, o que axuda a conservar o ecosistema e contribúe á prevención de lumes. “Se eu tivera que ter os cabalos estabulados, en tres meses estaría arruinado. Porque consumen un rolo de herba entre vinte cabalos cada día. Consumirían 600 euros diarios en 20 rolos. Aparte de que a súa saúde se deterioraría rapidamente ao non estar no monte.”
Coma en toda Galicia, apenas hai relevo xeracional. “Os gandeiros profesionais que quedan nesta parte de Lugo e Coruña deben de ter unha media de idade de 60 anos e os fillos rara vez quedan coas granxas. No mellor dos casos, mantéñense uns poucos animais para autoconsumo e para ter as leiras limpas de maleza.”
O rapaz cre que esa situación de abandono é un contrasentido a día de hoxe. “Coa cantidade de terreo que temos dispoñible, coa calidade cárnica que obtemos nestes sistemas de manexo extensivo, cos prezos en orixe que se pagan hoxe en día e cuns custes de produción bastante moderados, a situación semella favorable”. Sen embargo, non é así.

Ao traballar con diferentes razas cabalares, Manuel ten tamén diferentes liñas de negocio
“Eu sempre vivín da gandería. E moita máis xente podería facelo. Pero xúntase todo: a xente nova prefire marchar, o lobo acaba cunha enorme parte das cabanas, as indemnizacións tardan en chegar ou directamente non chegan…un cúmulo de circunstancias negativas. Todo eso ten arranxo e hai que arranxalo.”
Comercialización, custos e condicionantes
A explotación de Manuel ten diferentes liñas de negocio e mercado cos cabalos. Os poldros que consegue criar sen que os mate o lobo véndellos a un operador comercial de Reinosa (Cantabria) que distribúe para cebadeiros de toda España. Os animais marchan con entre 6 e 8 meses de idade.

Outra opción que manexan na gandería é a venda para vida. Dispoñen de cabalos de monta de diferentes razas que volven ter unha alta demanda. “Por exemplo, vendo moito para Bélxica, porque valoran tanto a xenètica como os métodos de cría.”
Todos os poldros que conseguimos criar no monte van para un operador comercial que os reparte por cebadeiros de toda España
E, finalmente, o rapaz recría todos os cabalos de pura raza galega que pode e, cando non é capaz, envía tamén algúns ao cebadeiro. Sen esquecer que nos últimos anos fai labor de compra e venda pola cantidade de xente que se xubila ou se desfai dos animais e non se lles atopa destino.
Saíndo da parte económica, a gandería ten unha compoñente medioambiental que a Xunta tería que valorar doutra maneira, segundo di Manuel. “Eu vivín toda a miña vida no Xistral e non lembro un só incendio forestal. Porque os cabalos e as vacas manteñen limpo o monte e fan aforrar moitos cartos en desbroces e rozas. Son parte esencial da prevención de lumes.”
“Sempre houbo oportunistas. Se un negocio vai ben, todo o mundo se mete nel. Pero, se a cousa se complica ou non acaba de arrincar, todo o mundo fuxe. É un pouco o que pasa aquí. A cuestión é que introducindo as correccións precisas, podería ser altamente rendible dende o punto de vista económico, social e medioambiental.”
Este modelo só ten sentido con moita dimensión de terreos e cabalos e cun sistema intensivo. Se estiveran estabulados, arruinaríame en tres meses
“Ao longo dos anos conseguín sumar un número importante de cabezas e teño moito terreo xunto e preto da casa. De non reunirse todos eses factores, sería inviable vivir dos cabalos nesta zona. E hoxe ninguén se plantea a posibilidade de partir de cero cunha explotación. Algo falla.”
Por outro lado, Manuel di sentir que está conservando o que fixeron os antepasados. “Hoxe é fácil traballar cos tractores, abonar, segar herba ou mover animais. Pero nestes montes botouse trigo, sacouse leña e moitas familias viviron deles. Tan sequera por respecto á tradición e á memoria debemos manter o Xistral con actividade.”

A proximidade do Xistral co mar favorece que os pastos estean húmidos durante boa parte do ano
Para o gandeiro resulta triste ver a evolución nas últimas décadas. “Hai 20 anos aquí había competencia pola terra. Todas as familias tiñan o seu gando e tentaban sacarlle o máximo rendemento. E eso que daquela non había os prezos que temos hoxe. Pero os novos foron marchando ou collendo outros traballos e os vellos xubiláronse.”
“Debemos manter a actividade no Xistral, aínda que só sexa por respeto á memoria e á tradición”
Incluso había conflictos en moitas ocasións porque os cabalos entraban nas leiras e causaban danos. Hoxe todo eso cambiou e os poucos gandeiros que quedan están profesionalizados e teñen os terreos perfectamente ordenados.
“Cando eu era pequeno raro era o día que non atopabas seis ou sete cabaleiros co seu gando no monte. Agora podes subir un mes enteiro todos os días e non ves ninguén. Para os que vivimos aquí non deixa de ser descorazonador.”
A competencia que había antigamente pola terra desapareceu por completo. Hoxe os terreos son razonablemente asequibles
A explotación
Manuel manexa 3.000 hectáreas de zona de montaña polo Xistral e as súas lindes, nas que vai repartindo os animais. O sistema é totalmente extensivo e o gando está toda a súa vida antes de ser vendidos pacendo nos montes. Uns montes que cada vez contan con máis peches para evitar movementos excesivos do gando que leven a que se perda.
Conta con arredor de 300 cabalos e unhas 70 vacas. As vacas son cruzamentos en base a nais limousine con hereford e os cabalos son en boa parte de raza pura galega. Se ben tamén conta con exemplares de pintos, baios, de capa e appaloosa. Os cabalos galegos e algúns cruzamentos son de orientación cárnica mentres que os das outras razas véndense para vida, xa que son animais para montar.
Polo clima e solos do Xistral, entre maio e decembro non é preciso aportar suplementos de alimentación aos animais e amáñanse co que teñen no monte entre pasto e mato. “E é que a proximidade ao mar fai que na zona sexan constantes as néboas e chuvias finas que manteñen os montes húmidos e, por tanto, cos solos verdes.”
Manexamos un rabaño de 300 cabalos e 70 vacas nunha superficie de 3.000 hectáreas de monte
“O resto do ano facemos pequenas aportacións de cereal porque o clima non axuda. Os cabalos sempre supoñen menos suplementación que as vacas, porque comen toxos e outras plantas que as vacas non proban. Pero, aínda asi, algo sempre hai que darlles neses meses iniciais do ano.”
Os cabalos son desparasitados unhas tres veces ao ano. E, a maiores, hai que aplicarlles tratamentos contras as moscas e as carrachas. E, nalgunhas ocasións, ten que vir o veterinario se se complica algún parto.
O abandono desta parte de Galicia e a diminución da actividade cabalar supuxo un negocio non desexado para o rapaz. “Nos últimos dous anos enchinme de baleirar montes. Houbo moitísimas persoas maiores que se desfixeron dos cabalos porque xa non están en condicións físicas de mantelos. Así, empecei a dedicarme á compra/venda para que os animais non se perdan. Hai veces que pechas os tratos por teléfono porque o que queren é sacar os animais canto antes.”

Manuel completa a cría de gando con 70 vacas de cruzamentos entre as razas hereford e limousine
Os cabalos teñen a vantaxe de que se non se están a ver afectados por doenzas que si atacan con forza nas vacas. Nin a lingua azul nin a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) afectaron as mandas de cabalos e tampouco se agarda que lles afecte a Dermatose Nuclear Contaxiosa (DNC), en caso de que chegue a Galicia.
Nos últimos anos estou a recoller moitos cabalos de xente maior que ten que deixalos por xa non poder atendelos
A sempre difícil convivencia co lobo
O rapaz considera que para que o cabalo poida ser viable a medio e longo prazo é necesario que se reduza a poboación de lobo. Non só polo elevado número de equinos que mata, senón tamén pola enorme cantidade de indemnizacións que xenera. “Ollo, non digo que haxa que exterminalo, e nin sequera cazalo, só digo que a poboación ten que ser moito menor.”
“Para poñer balados nas leiras que eu emprego, e que ocupan máis de 600 hectáreas, non sei se chegaría un millón de euros. E logo hai que ter un número elevado de mastíns e mantelos. Se a administración da axudas para todo iso, benvidas sexan. Pero non parece que vaia ser así, polo que a solución pasa por que haxa menos lobo.”
“Cando eu era cativo, e non hai tanto deso, o lobo matábache 10 de cada 100 poldros. Era algo que se asumía. Pero hoxe falamos que de cada 100 quédanche vivos 10. Eso é totalmente ilóxico e inasumible.”
Cabada insiste en que os peches (con malla alta) só funcionan se todos os gandeiros os aplican. Se non, os danos que evite un vannos padecer os demais criadores. Colocar balados por todo o Xistral e por outras zonas de Galicia onde hai cabalos ten un custe moi elevado. E non é só colocalos, despois hai que facer mantemento todos os anos.
As axudas anuais para a alimentación de todos os mastíns dan para alimentar un só can durante seis meses
“O que percibimos é que a presenza dos mastíns resulta relativamente disuasoria nos montes. Sen embargo, non fan que os lobos marchen a outras zonas senón que se desprazan ás zonas baixas do Xistral, é decir, preto das casas. Co risco que eso conleva.”
Tamén hai que ter en conta que máis do 50% dos poldros que mata o lobo non deixan rastro. Non é posible atopar os restos porque os despraza o propio lobo e outros animais. Dese xeito, non se cobra nada polo ataque e a perda é do 100%. Incluso hai casos en que aparecen só os ósos e non se consideran proba suficiente de que houbera un ataque.
“O habitual é que a administración se achegue a nós para sancionarnos ou para corrixirnos. Rara vez para ofrecer axuda. Incluso tivemos hai pouco problemas para cobrar as indemnizacións polos danos. Algunha explotación esperou cinco meses para cobrar 12.000 euros. E dannos 600 euros para a manutención anual dos cans. Cando por ese diñeiro come un só can pouco máis de medio ano.”

Os mastíns supoñen un método de protección só relativamente eficaz e conlevan un alto custo en alimentación
Tamén é curioso para Cabada o caso dos peches. “Subvenciónase un máximo do 20%, pero ten que ser un peche determinado. Os meus animais aguantarían con outro tipo de peche máis barato e aínda así obrigan a colocar ese en concreto para obter axuda. Sendo así, e polos prezos, a subvención debera ser do 75% como mínimo. Hoxe dannos un máximo de 4,5 € por metro de peche, cando o prezo mínimo real é de 13 €.”
Arredor da metade dos poldros que mata o lobo nunca volven aparecer, polo que non hai forma de cobrar a indemnización
Dese xeito, Capón considera que é mellor subvencionar menos superficie pechada pero con máis cartos. Porque, asegura, en cada exercicio sobran boa parte dos cartos destinados a peche, xa que os gandeiros non queren meterse nuns investimentos tan altos.
“Tampouco se entende o dos pastores eléctricos. Todos os anos danlle un pastor a quen teña máis de 15 cabezas. Hai algún que xa logo ten máis pastores eléctricos ca gando. E ademais non serven para nada nesta zona. Aos animais non se lles limita a superficie e contra o lobo non teñen ningunha utilidade. Era mellor que gastaran eses cartos noutras medidas.”
Sen esquecer que o custe dos peches se dispara pola dispersión e reducido tamaño das leiras. Case todas son dunha hectárea ou menos. Pouca xente ten fincas de cinco hectáreas. “E en cinco hectáreas podes manter vinte cabalos durante un mes como moito. Os peches supoñen un investimento enorme e as axudas actuais son pouco lóxicas e insuficientes.”
Por eso, para manter unha cantidade mínima de animais cos que poder abastecer o mercado, o gandeiro ten que desprazar as crías femias ata zonas de semi-estabulación de xeito que o lobo non poña en risco a recría da explotación.
É mellor destinar menos cartos a medidas máis efectivas que seguir gastando en elementos que xa se sabe que non funcionan
“O ano pasado mataron máis ou menos 55 poldros dos que logo non se atopou ningún rastro e non se puido certificar para que me abonasen as indemnizacións. A uns 500 poldros por animal, perdín uns 27.500 euros. E eso sen contar os gastos de movelos, o tempo de traballo ou os tratamentos sanitarios…”
As cifras do cabalo en Galicia
A gandería equina é grande en porcentaxe respecto do censo estatal, pero o certo é que apenas hai explotacións ou eguadas profesionais e que sexan un medio de vida. Cómpre diferenciar entre as ganderías extensivas de cría en liberdade e as estabulacións para usos deportivos e de lecer.

Os cabalos demostraron ser unha excelente ferramenta fronte ao lume na serra do Xistral
Galicia ocupa o segundo lugar por número de cabezas, tan só superada por Andalucía, que concentra o 43% do total do estado. Calcúlase que en territorio galego hai arredor de 46.000 cabalos, 10.000 dos cales están nos montes. Unha cifra sensiblemente menor que os 22.000 que se contabilizaron no primeiro censo, na década de 1970.
Con algo máis de 46.000 cabalos, Galicia ten a segunda maior cabana equina de España, só superada por Andalucía
Tamén se contabilizan 1.500 cabalos que participan nos torneos organizados pola Federación Hípica Galega. Os curros que se organizan por todo o país ou as feiras cabalares como as de Mondoñedo, Teo, Monterroso ou Lalín sinalan que os cabalos forman parte da cultura e tradicións galegas dende tempo inmemorial.
Actualmente hai 4.300 explotacións cárnicas equinas rexistradas en Galicia, se ben a inmensa maioría son de autoconsumo ou como fórmula para manter limpas as leiras. Os cabalos están distribuídos polas catro provincias aínda que cunha concentración maior nas serras do Xistral e do Cando.
O consumo de carne de cabalo é moi reducido en Galicia e é raro velo nos lineais dos supermercados, nas carnicerías ou nas cartas dos restaurante. Tradicionalmente, os cabalos galegos consumíanse no levante español e no que vai de século conseguiuse entrar nos mercados francés e italiano.
O consumo mundial de carne de cabalo sitúase en 0,10 quilos por persoa e ano, sendo aínda menor en Galicia
Outra eiva do sector, que descendeu na súa produción un 22% nos últimos anos, está no escaso valor engadido que deixa en Galicia. Unha alta cantidade dos poldros saen para engorde en cebadeiros doutras comunidades, especialmente cara a Cataluña.
Segundo o último rexistro do Ministerio de Agricultura, con datos de 2024, a produción española foi de 7.739 toneladas de carne de cabalo, o que supuxo unha caída do 6,4% respecto do anterior exercicio. En total foron para o matadoiro 28.000 cabezas de gando equino.

Os curros e feiras cabalares reflicten a importancia histórica e cultural do cabalo en Galicia
Tamén se constata un escaso consumo a nivel mundial, de xeito que o cantidade por persoa e ano é de tan só 0,10 quilos. Aínda que en países como Francoa e Italia forma parte da gastronomía diaria.
O cabalo de pura raza galega segue estando en perigo de extinción malia o traballo de recuperación que levan feito a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e PURAGA, que se encargan da xestión do libro xenealóxico.
O cabalo de pura raza galega segue estando en perigo de extinción pero todos os anos conséguese aumentar o censo
Actualmente hai unha cabana de entre 1.200 e 1.450 exemplares, a maioría femias destinadas a reprodución. A tasa de nacementos é de 0,9 partos por ano e no monte galego nacen unhas 800 cabezas todos os anos.
Galego









Control OJD